Perspectivas da Poesía Galega: Ramón Cabanillas e Noriega Varela

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,45 KB

"En pé" de Ramón Cabanillas

Este poema pertence á etapa galeguista de Ramón Cabanillas, concretamente á obra Da Terra asoballada. Nesta etapa, Galicia descríbese como un conxunto de grupos sociais asoballados, onde aparece como antagonista Castela/España. O autor adopta agora unha actitude educadora de concienciación paulatina do pobo para aproximalo ao nacionalismo.

Moitos dos seus poemas están pensados como gabanza aos persoeiros do galeguismo histórico. Así, este texto foi elaborado para constituírse no Himno das Irmandades da Fala e foi adicado a Lois Porteiro Garea, un dos fundadores desta organización. O tema do texto é a defensa da liberdade de Galicia, moi relacionado coa ideoloxía de exaltación nacional deste movemento, xa que a defensa da terra é un dos seus principais obxectivos.

Referencias históricas e simbolismo

A intención do poeta é exaltar momentos históricos claves da nosa historia que sirvan de modelo a imitar para concienciar á poboación no ideario nacionalista. As referencias principais son:

  • A noite da Frouseira: Alude aos "validos de traidores" que axudaron aos Reis Católicos a entrar no castelo da Frouxeira e apresar a Pero Pardo de Cela, quen será decapitado no 1492 en Mondoñedo. Convértese así nun heroe mítico que simboliza a loita contra o poder centralista dos "uns reises de Castela".
  • Suevia: Nos versos "Irmáns, no amor a Suevia" aparece a alusión ao primeiro reino independente galego, época gloriosa nos séculos V-VI.
  • O Medulio: A referencia ao Monte Medulio aparece para amosar que un pobo pode escoller a morte antes que asoballarse diante do inimigo.

Dende o punto de vista formal, observamos que esta composición posúe unha forte carga simbólica. Aparecen símbolos como:

  • A fouce: Representando a loita.
  • A oliva: Símbolo da paz.
  • A bandeira: Símbolo da identidade nacional e da unidade.


Poema "A Brétema" de Noriega Varela

Este poema de Noriega Varela pertence á poesía lírica onde supera o realismo costumista anterior. Esta etapa caracterízase polo franciscanismo, manifestación literaria da profunda relixiosidade do autor que concibe a súa obra como un canto á grandeza de Deus e ve na natureza moitos símbolos das virtudes cristiás.

No texto, isto aparece cando compara o sufrimento da brétema co de Xesús: "chora copiosamente como chorou Xesús", e "se espiña sangrar non sangra", aludindo á paixón de Cristo.

Aspectos formais e estilísticos

Dende o punto de vista formal, observamos unha métrica culta que acompaña á temática; estamos ante un soneto de versos endecasílabos. As figuras estilísticas predominantes son:

  • A personificación da natureza: "a brétema é ceguiña", "anda sempre descalza".
  • A metáfora: "lagrimiñas preciosas", onde compara as bágoas coas pingas de auga da brétema.
  • O uso do diminutivo -iño para indicar afectividade e proximidade.


Poema "Na taberna" de Ramón Cabanillas

Este poema de Cabanillas pertence á súa etapa de formación ou pregaleguista en Cuba, onde publica os seus primeiros libros: No desterro e Vento mareiro. A temática é costumista, pois presenta unha escena típica dunha taberna mariñeira: "Os mozos mariñeiros lémbranse rindo", "Bebendo albariño", e recrea mesmo aspectos ambientais: "cheira a aceite e pementos requeimados".

Estrutura argumental

O tema é sinxelo: o ambiente mariñeiro da taberna. O desenvolvemento argumental podemos estruturalo nas seguintes partes:

  1. Primeira parte (versos 1-8): Descríbesenos o que fan os mariñeiros na taberna (contar historias, rir) ao tempo que describe o ambiente e os seus cheiros.
  2. Segunda parte (versos 9-11): Establécese un contraste entre o ambiente acolledor da taberna e a tempestade de fóra.
  3. Terceira parte (versos 12-14): Correspóndese coa aparición da taberneira e a calma da tormenta.

Forma e influencia modernista

Dende o punto de vista formal, a métrica empregada é de carácter culto, un soneto, que contrasta coa temática tradicional costumista. Os versos son endecasílabos e presentan o seguinte esquema de rima consonante: ABBA ABBA CCD EED.

Aparecen recursos estilísticos propios do Modernismo de Rubén Darío para captar a beleza a través dos sentidos. Así, temos referencias sensoriais:

  • Visuais: "as trenzas de ouro", "xerra roiba".
  • Auditivas: "conta o patrón", "treboada", "rindo alleos".
  • Olfactorias: "cheira a aceite e pementos requeimados".

Entradas relacionadas: