Panorama da Prosa Galega Contemporánea: Autores, Temas e Tendencias
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en español con un tamaño de 4,86 KB
A prosa de fins do século XX e comezos do XXI caracterízase por unha maior diversificación de estilos, temas e rexistros lingüísticos, abordando a Guerra Civil e posguerra, a novela histórica, experimental, realista, humorística, intimista e mesmo a ciencia ficción.
A Novela Negra e o seu Éxito
A novela negra acadou un éxito notable. As novelas de Domingo Villar, como Ollos de auga e A praia dos afogados, son éxitos tanto en galego como na súa tradución ao castelán. O mesmo ocorre con Pedro Feijoo e as súas obras: Os fillos do mar, Memoria da choiva e Os fillos do lume.
Autores Destacados e as súas Obras
Ademais dos autores xa coñecidos, podemos destacar:
- Carlos Casares (Letras Galegas 2017): Comezou coa Nova Narrativa Galega, pero as súas mellores novelas son posteriores e de estilo máis clásico. Ilustrísima é unha novela breve na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada despois da súa morte, está narrada por Helena, que lembra un amor imposíbel, afectado polo suicidio de Carlos.
- Xosé Manuel Martínez Oca: Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. Beiramar combina realismo con elementos do mítico popular galego.
- Alfredo Conde: Autor dunha obra ampla, destaca Xa vai o Griffón no vento, que narra alternativamente dúas historias: unha que acontece na Compostela do século XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
- Xavier Alcalá: Tivo moito éxito con A nosa cinza, que ofrece unha visión da infancia e da mocidade na xeración da posguerra.
- Carlos G. Reigosa: Coñecido polas súas novelas detectivescas, como Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.
- Darío Xohán Cabana: Fortemente influenciado por Cunqueiro, destaca pola súa construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, e reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular. Destaca Galván en Saor.
- Suso de Toro: A súa obra é extensa e variada. As súas primeiras obras (Polaroid) son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais e múltiples voces narrativas. As posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora é unha exitosa novela xuvenil de ciencia ficción, un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
- Manuel Rivas: É o escritor actual máis coñecido. Comezou con libros de relatos cheos de humor e lirismo (Que me queres, amor?). Na novela O lapis do carpinteiro (1998) narra unha historia de amor ambientada na Guerra Civil e na posguerra. Os libros arden mal colleitou numerosos premios.
- Antón Riveiro Coello: A súa temática é variada. En As rulas de Bakunin, o protagonista é un vello loitador anarquista, e a historia desenvólvese ao longo de case todo o século XX. Laura no deserto é considerada unha das mellores novelas en galego.
- Xabier Quiroga: Creador de mundos de ficción arredor de Monforte e a Ribeira Sacra, como en Atuado na braña.
Ademais, hai unha morea de autores e obras de calidade, como Víctor Freixanes, Xesús Constela, Xosé Monteagudo (Todo canto fomos), Manuel Lourenzo González, Xosé Ramón Pena e Manuel Portas.
Boom da Narrativa de Mulleres
Nos últimos anos, está a producirse un auxe da narrativa de mulleres, con protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, e exploración das relacións entre mulleres. Destacan autoras como Rosa Aneiros, Teresa Moure, María Reimóndez, Inma López Silva e Anxos Sumai.
Literatura Infantil e Xuvenil
Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil, con autores como Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa), Francisco Castro (Chamádeme Simbad), Ramón Caride Ogando (Perigo vexetal) e Agustín Fernández Paz, o autor de máis éxito, con obras como Cartas de inverno e Aire negro.