Panorama da Poesía Galega Contemporánea: Séculos XX e XXI

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,42 KB

A Poesía Galega Contemporánea: Evolución e Protagonistas (Finais do Século XX e Inicios do XXI)

A Eclosión Poética e a Diversificación (Décadas dos 70 e 80)

O último terzo do século XX e os primeiros anos do XXI caracterízanse por unha verdadeira eclosión poética e por unha evolución do xénero que supón a decadencia do socialrealismo e a diversificación temática e formal que comezou na década dos 70, reflectida na antoloxía de María Victoria Moreno, Os Novísimos da Poesía Galega. Os autores foron introducindo paulatinamente o afondamento no intimismo e novas características formais.

Os Novísimos e a Nova Etapa

Entre os novísimos podemos citar a Darío Xohán Cabana, que comeza con Verbas a un Irmao, na liña socialrealista; en Ábrelle a Porta ao Día, expresa sentimentos de amor en versos paralelísticos; e con Canta de Cerca a Morte aborda temas como o amor e o erotismo. En 1976 publícanse Con Pólvora e Magnolias, de Méndez Ferrín, e Mesteres, de Arcadio López Casanova. Estes poemarios marcan o comezo dunha nova etapa na poesía galega, na que os poetas atenden máis aos recursos formais e á estética do poema. Algúns reúnense en colectivos poéticos como Alén, Cravo Fondo, Rompente, De Amor e Desamor ou Loia, nos que publican obras en conxunto.

Características da Poesía dos Anos 80

A poesía dos 80 caracterízase por:

  • Culturalismo
  • Preocupación formalista (uso dos métodos clásicos)
  • Apertura temática (novos temas ou novos tratamentos de temáticas clásicas)
  • Reflexión metaliteraria
  • Interdisciplinariedade

Autores Destacados dos Anos 80

  • Xosé María Álvarez Cáccamo: Explora as vivencias e a memoria familiar, e problemáticas sociais e políticas. Publica Praia das Furnas e Prego de Cargos.
  • Manuel Forcadela: A súa poesía é esteticista e culturalista. Publica Ferida Acústica de Río e O Regreso das Ninfas.
  • Ramiro Fonte: Formou parte do grupo “Cravo Fondo” e escribe unha poesía na que reflexiona sobre o paso do tempo e a nostalxia con abundancia de símbolos. Publica As Cidades da Nada e Pensar na Tempestade.
  • Miguel Anxo Fernán-Vello: Autor dunha obra na que domina a presenza do amor, do desexo, da soidade e da paisaxe. Publica Seivas de Amor e Tránsito, Memorial de Brancura e Do Desterro en Corpo e Sombra.
  • Pilar Pallarés: Na súa obra predomina o sentimento amoroso ligado ao sufrimento ou morte. Publica Entre Lusco e Fusco.
  • Lois Pereiro: Dende que lle dedicaron o Día das Letras Galegas en 2011 converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións. Publicou Poesía Última de Amor e Enfermidade.

A Poesía dos Anos 90 e a Actualidade

Características da Poesía dos Anos 90

Na década dos 90, a poesía caracterízase por:

  • Linguaxe máis directa e coloquial
  • Predominio dos recitais nun intento de democratizar a poesía, debido á proliferación de colectivos poéticos como o Batallón Literario da Costa da Morte ou o Colectivo Ronseltz.
  • Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades (ecoloxismo, feminismo, drogadicción...).
  • Desenvolvemento de coleccións de poesía (Espiral Maior) e premios literarios (Martín Códax).

Destaca unha presenza feminina e feminista moi acusada, coa revista Festa da Palabra Silenciada.

Autores Destacados dos Anos 90

  • Fran Alonso: Trata problemas sociais. Publicou A Lúa no Probador e Tortillas para os Obreiros.
  • Yolanda Castaño: Delicia e Vivimos no Ciclo das Erofanías son cantos sensualistas ao pracer; O Libro da Egoísta, onde xoga coas identidades; e O Puño e a Letra é unha antoloxía en cómic poético.
  • Miro Villar: Usa estrofas e metros clásicos, rima e coidado léxico. Trata temas como o amor/desamor, o tempus fugit, a propia poesía e a denuncia. Publica Abecedario de Desolación, Literatura 10 e As Crebas.
  • Lupe Gómez: A súa poesía é transgresora, de expresión libre e impúdica. Publicou Os Teus Dedos na Miña Braga con Regra e Levantar as Tetas.

Panorama Actual da Poesía Galega

Na actualidade seguen publicando a maioría dos autores anteriores, e xorden unha multitude de novos poetas como Olga Novo ou Carlos Negro. Na poesía para nenos destaca A. García Teijeiro. A poesía galega goza dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade grazas á chegada da Internet, que facilita novas canles de publicación e permite a difusión de recitais e videopoemas.

Entradas relacionadas: