Panorama da Narrativa Galega: Obras Clave de Eduardo Blanco Amor e Álvaro Cunqueiro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,49 KB
Eduardo Blanco Amor: A Súa Narrativa
Características Comúns das Obras Principais
- Localización espacial: Auria, figuración literaria de Ourense.
- Localización temporal: As dúas primeiras décadas do século XX.
- Protagonismo infantil e xuvenil (excepto A esmorga).
- Narrador en primeira persoa.
- Formas populares da fala.
- Interese por facer literatura realista.
A Esmorga
A esmorga desenvolve unha historia tráxica que transcorre por diversos escenarios do ambiente urbano ou suburbial de Auria.
Estrutura da Obra
- Primeira Parte (Documentación): Un narrador-autor explica como obtivo a información para escribir a historia que a continuación se presenta.
- Segunda Parte: Conta a historia en si a través de cinco capítulos que recollen a declaración de Cibrán o Castizo ante o xuíz. Mediante este interrogatorio reconstrúense as vinte e catro horas de esmorga dos tres personaxes: Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tras o remate tráxico da mesma, Cibrán, único supervivente e por isto tamén único acusado, narra a súa versión dos sucesos acaecidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
- Terceira Parte: Reaparece o autor-narrador para dar conta da morte do principal personaxe, deixándonos na dúbida acerca das causas.
Os Biosbardos
Os biosbardos reúne un conxunto de 7 relatos breves protagonizados por rapaces de Auria que contan as súas experiencias persoais e informan acerca dos modos de vida daquel tempo.
Xente ao Lonxe
Xente ao lonxe é unha novela longa que conta a historia dunha familia obreira e de esquerdas en Auria do primeiro terzo do século XX. O protagonista principal é un neno chamado Suso que narra a súa vivencia persoal e a súa evolución desde a infancia á mocidade. Asemade, tamén ofrece unha crónica da sociedade ourensá e dos principais acontecementos históricos da España daquel tempo.
Álvaro Cunqueiro
Novelas
- Merlín e familia: Retoma a figura mítica do mago Merlín, adaptándoo a un tempo presente e a un escenario galego: o Pazo de Miranda, en terras luguesas. O narrador é Felipe de Amancia, antigo paxe de Merlín, que na súa vellez lembra a súa infancia a carón do mago e conta diversos sucesos alí acontecidos. O libro reúne unha sucesión de historias independentes.
- As crónicas do sochantre: A acción sitúase na Bretaña francesa e está protagonizada por un músico que se dirixe a tocar nun enterro e é recollido por unha carroza na que viaxan varios defuntos. Durante anos percorrerá con eles o país escoitando historias das súas vidas pasadas.
- Se o vello Sinbad volvese ás illas: Inspírase nos relatos das Mil e unha noites. Recupera o personaxe do vello mariñeiro, agora xa retirado, que soña con regresar ao mar e levar a cabo novas viaxes.
Libros de Relatos
Os tres libros de relatos breves (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes) forman unha especie de triloxía, xa que teñen a mesma temática e estrutura. Son retratos de personaxes populares vinculados coa tradición oral nos que, mediante o humor e a fantasía, presenta a psicoloxía do home galego e as circunstancias do seu vivir.