Panorama da Literatura Medieval Galega: Poesía Trobadoresca e Manuscritos Fundamentais
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 3,66 KB
A Literatura na Idade Media
1. A Poesía Trobadoresca: A Influencia Provenzal
A poesía trobadoresca naceu no sur de Francia e estendeuse por toda Europa, dando orixe a importantes escolas poéticas. Chegou a Galicia grazas ao Camiño de Santiago, á presenza de nobres galegos como mercenarios dos reis de Navarra e Aragón e á intervención dos franceses nas guerras da Reconquista, á visita de trobadores provenzais, á influencia do rei Afonso III de Portugal, que viviu en Francia, e aos monxes de Cluny, que contribuíron a estender a influencia provenzal nas artes e nas letras.
2. Ámbito Xeográfico e Cronolóxico da Lírica Medieval
Os principais centros difusores da lírica medieval foron as cortes dos reis e dos grandes señores de Galicia, León, Castela e Portugal. Os períodos da lírica medieval galega son:
- Período de formación: dende os seus comezos ata o primeiro terzo do século XIII.
- Período de esplendor: etapa afonsina (1247-1284) e dionisíaca (1279-1325).
- Período de decadencia: século XIV-XV. Comprende dúas escolas: galego-castelá e castelán-portuguesa.
3. Os Textos Conservados
A lírica medieval galega consérvase en diversas fontes, clasificadas principalmente en:
Poesía Relixiosa
- Cantigas de Santa María: Colección de cantigas marianas atribuídas a Afonso X o Sabio.
Poesía Profana
- Cantigas de amigo: Poemas líricos con voz feminina.
- Cantigas de amor: Poemas líricos con voz masculina, seguindo a tradición provenzal.
- Cantigas de escarnio e maldicir: Poemas satíricos e de crítica social.
- Outros xéneros menores.
Principais Cancioneiros e Pergameos
- Cancioneiro da Ajuda (A): Consérvase na Biblioteca da Ajuda, en Lisboa. É un códice manuscrito de finais do século XIII ou principios do XIV, que contén 310 cantigas de amor, e que está incompleto e presenta lagoas.
- Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (B): É unha copia manuscrita en papel dun cancioneiro perdido, feito na Curia Pontificia no século XVI. Contén 1600 cantigas de todos os xéneros. Ábrese coa Arte de Trobar, tratado fragmentario de poética que estuda os diversos tipos e as características formais das cantigas.
- Cancioneiro da Vaticana (V): Custódiase na Biblioteca Apostólica Vaticana de Roma. É unha copia manuscrita en papel feita dende o mesmo exemplar perdido que o anterior. Contén 1200 cantigas de diversos xéneros.
- Cancioneiro dun Grande de España (K): Custódiase na Biblioteca da Universidade de Berkeley. É unha copia do Cancioneiro da Vaticana.
- Pergameo Vindel (N): Custódiase na Pierpont Morgan Library de Nova York. Contén a letra de 7 cantigas de Martín Códax (século XIII).
- Pergameo Sharrer (T): Custódiase en Lisboa, no Arquivo Nacional da Torre do Tombo. Contén fragmentos de 7 cantigas de amor do rei Don Denís.
- Dúas copias do século XVII da tenzón entre Afonso Sánchez e Vasco Martíns de Resende: Unha conservada na Biblioteca Nacional de Madrid (M) e a outra na Biblioteca Pública Municipal do Porto (P).