Panorama da Literatura Galega: Vangardas e Posguerra

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 14,49 KB

As Vangardas

Nas primeiras décadas do século XX xorden en Europa diversos movementos artísticos que pretenden unha renovación total da arte. Todos eles son coñecidos co nome de vangardas. Estes movementos teñen en común a ruptura coa tradición literaria e a procura de novos camiños expresivos. Caracterízanse pola actitude antirromántica e antisentimental, defenden a total liberdade creativa e reivindican a súa independencia e orixinalidade.

Futurismo

Caracterízase pola ruptura coa tradición literaria do pasado e a defensa da modernidade e do futuro, representado na velocidade e nas máquinas. Un dos seus lemas era “palabras en liberdade” que supón a ruptura coas normas sintácticas e ortográficas, a eliminación da métrica, o emprego dun léxico con abundantes tecnicismos e barbarismos.

A Xeración do 25

Nos anos vinte e trinta xorde en Galicia un grupo de escritores, nados arredor de 1900, que leva a cabo a renovación da poesía galega mediante a incorporación das novidades das vangardas literarias europeas. Constitúen a Xeración do 25 ou Xeración das Vangardas. Manteñen estreitas relacións cos compoñentes das Irmandades da Fala e do Grupo Nós, e neles conflúen as novidades vangardistas coa conciencia nacionalista. As mostras máis significativas das vangardas galegas son o manifesto Máis alá e Ronsel. Os protagonistas desta renovación son, sobre todo, Manuel Antonio, Amado Carballo e Álvaro Cunqueiro.

Poesía das Vangardas

As vangardas galegas centráronse fundamentalmente na poesía. Podemos falar de tres movementos ou escolas poéticas principais: hilozoísmo, neotrobadorismo e vangarda plena.

Hilozoísmo ou Imaxinismo

O tema principal do poema hilozoísta é a natureza, que aparece humanizada e animada mediante constantes personificacións. Esta estética combina a tradición paisaxística procedente do século XIX coa riqueza das imaxes e metáforas características da poesía de vangarda. A poesía imaxinista amosa así unha gran sensualidade; a súa meta é a creación de imaxes nas que se reúnen elementos visuais e auditivos, con predominio das cores fortes e vivas. Outra característica é que os poemas teñen unha métrica tradicional. Destaca Amado Carballo.

Neotrobadorismo

Esta escola poética nace tras a difusión dos cancioneiros da lírica galego-portuguesa medieval, que se produce desde fins do XIX. Os poetas novos, marabillados ante a beleza das vellas cantigas, introducen na súa poesía numerosos elementos temáticos, formais e estilísticos da lírica medieval: o tema amoroso, a ambientación espacial, o paralelismo, o refrán... A existencia da literatura medieval demostraba a continuidade da literatura galega. Os principais representantes: Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro.

Vangarda Plena

O principal poeta da vangarda galega foi Manuel Antonio. A súa obra, incluída fundamentalmente dentro da estética do creacionismo, con pegadas futuristas e cubistas, caracterízase pola ruptura coa tradición literaria galega, á que considera excesivamente continuadora da obra dos poetas do Rexurdimento (Rosalía, Curros e Pondal) e aposta pola renovación temática e formal. Hai unha ausencia de puntuación, espazos en branco. O léxico é mariñeiro e os versos libres. De catro a catro, único libro editado en vida. Está formado por 19 poemas e estrutúranse en aparencia como a crónica dunha viaxe con tres etapas: partida – aventura – regreso. Admite diversas interpretacións: desde a simple evocación dunha viaxe por mar, ata outras de índole filosófica, metafísica, simbólica... Manuel Antonio expón as súas ideas acerca da literatura en dous textos en prosa: o manifesto Máis alá. Os autores expresan a necesidade de que a literatura galega rompa coa tradición e busque novos camiños. O ideal fundamental que eles defenden é a absoluta liberdade creativa. Amosan tamén o seu compromiso coa lingua galega, afirmando o seu monolingüísmo e criticando aos escritores que escollen o castelán como lingua literaria.

Literatura de Posguerra

Pecháronse editoriais, revistas e xornais e paralizouse a edición e difusión de textos na nosa lingua. Durante a década 1940-1950, a única produción literaria en galego será a que se leva a cabo no exilio americano: Venezuela, Cuba, México, Uruguai e, fundamentalmente, na Arxentina, principal país de acollida dos exiliados galegos. Deste modo, gran parte da nosa literatura publicarase ou reeditarase en América, en Bos Aires principalmente. Entre os exiliados salientan os nomes de Castelao, Luis Seoane, Rafael Dieste e Blanco Amor. A partir dos anos cincuenta van xurdindo en Galicia, pouco a pouco, iniciativas culturais que procuran a defensa e recuperación da nosa lingua e da nosa cultura (Editorial Galaxia).

Eduardo Blanco Amor: Narrativa

As tres obras principais da narrativa de Blanco Amor desenvólvense nun mesmo marco espacial: Auria, que é o trasunto literario de Ourense. A súa obra narrativa presenta, ademais, unha serie de características comúns:

  • A mencionada localización espacial en Auria, figuración literaria da cidade de Ourense.
  • Localización temporal nas dúas primeiras décadas do S. XX.
  • Protagonismo infantil e xuvenil (coa excepción de A esmorga).
  • Preferencia polo narrador subxectivo que narra en 1ª persoa.
  • Interese, reiterado nos prólogos das obras, por facer literatura realista.
  • Fixo un amplo estudo da linguaxe, adaptándoa aos personaxes.
A esmorga

A esmorga é a primeira novela de Eduardo Blanco Amor. Nela desenvolve unha historia tráxica que transcorre por diversos escenarios do ambiente urbano ou suburbial de Auria (=Ourense). Estrutúrase en 3 partes:

  • Na 1ª parte: documentación. Un narrador-autor explica como obtivo a información necesaria para escribir a historia que a continuación se presenta.
  • Na 2ª parte: conta a historia en si a través de cinco capítulos que recollen a historia de Cibrán, o Castizo, ante o xuíz. Mediante este interrogatorio reconstrúense as 24 horas da esmorga dos tres personaxes: o Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tras o remate tráxico da mesma, Cibrán, único supervivente e por iso único acusado, narra os sucesos acaecidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
  • Na 3ª parte: reaparece o narrador-autor para dar conta da morte do principal personaxe, deixándonos na dúbida acerca das verdadeiras causas da mesma.
Os biosbardos

Os biosbardos reúne un conxunto de sete relatos breves localizados en Ourense e protagonizados por nenos e adolescentes, situados temporalmente nas dúas primeiras décadas do S. XX.

Xente ao lonxe

Xente ao lonxe é unha novela longa que permite varias lecturas:

  • A biografía infantil e xuvenil de Suso, protagonista e narrador principal: coñecemos a súa historia persoal e a súa evolución e maduración desde a infancia ata a mocidade.
  • A historia da familia de Suso, a familia Vilar, vinculada a organizacións de carácter obreiro e sindical.
  • A crónica da sociedade ourensá de comezos de século, céntrase sobre todo nas clases traballadoras, ao tempo que recolle os principais acontecementos históricos da España do momento.
  • Tendo en conta o elevado número de personaxes (uns 170), pode considerarse tamén como unha novela de protagonismo colectivo.

Álvaro Cunqueiro: A súa obra

Cunqueiro é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta.

Narrativa

Podemos clasificala en novelas e libros de relatos.

a) Novelas

Merlín e familia retorna á figura mítica do mago Merlín, adaptándoa a un tempo presente e a un escenario galego: o Pazo de Miranda, en terras luguesas. A narración está posta en boca de Felipe de Amancia, antigo paxe de Merlín que agora, na súa vellez, recorda diversos sucesos alí acontecidos. O libro reúne unha sucesión de historias independentes, aínda que cun mesmo esquema:

  • Chegada dun visitante ao pazo de Merlín en procura dos seus saberes.
  • Exposición do caso ante o mago.
  • Resolución do problema mediante a fantasía, e partida do visitante.

As crónicas do sochantre sitúase na Bretaña francesa e está protagonizada por un músico que se dirixe a tocar nun enterro e é recollido por unha carroza na que viaxan varios defuntos. Durante anos percorrerá con eles o país e irá escoitando as historias das súas vidas pasadas.

Si o vello Simbad volvese ás illas inspírase nunha historia de As mil e unha noites. Recupera o personaxe de Simbad, que agora é un vello mariñeiro xa retirado e rememora nostalxicamente as súas aventuras.

b) Libros de relatos

Os tres libros de relatos breves (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes) forman unha especie de triloxía, xa que teñen a mesma temática e estrutura. Cunqueiro defíneos como “relatos feitos ao minuto a esta xentiña de nós”, e son retratos de personaxes reais e imaxinarios, pero sempre curiosos, no que mediante o humor e a fantasía, presenta a psicoloxía do home galego e as circunstancias do seu vivir.

Poesía

Dona do corpo delgado.

Teatro

O incerto señor Hamlet, príncipe de Dinamarca.

Ánxel Fole: A súa obra

Narrativa

Fole foi un mestre do relato curto. A súa obra narrativa está formada principalmente por catro libros de contos. Os dous primeiros, Á lus do candil e Terra brava, están ambientados na Galicia rural de alta montaña luguesa, concretamente nas terras do Courel, do Incio e no val do Sil. Neles reflicte os modos de vida daquel tempo e ofrece abundante información acerca do mundo rural galego: a paisaxe, a economía, os labores agrícolas, a alimentación, a vivenda, as crenzas populares (a Santa Compaña, os tesouros agochados...). Deste modo, dános a coñecer a cultura material e espiritual destes espazos xeográficos, posto que o propósito do escritor é retratar a Galicia máxica e misteriosa. Os temas dos relatos están relacionados co medo, o misterio, experiencias paranormais (premonicións, alucinacións), adobiados co humor galego.

Os dous últimos, Contos da néboa e Historias que ninguén cre, comparten unha ambientación urbana: sitúanse na cidade de Lugo e nas vilas próximas, e continúan cos temas de medo e misterio dos libros anteriores.

A técnica narrativa de Fole está baseada no conto popular de tradición oral: fórmulas introdutorias, remate sentencioso, apelacións ao oínte..., de aí que os seus relatos produzan unha sensación de oralidade. Ademais, recorre tamén á técnica do conto enmarcado, ou conto dentro de conto, ao presentar sempre uns personaxes que se xuntan para contarse historias.

Fole reproduce nas súas obras a lingua falada nas zonas luguesas nas que estas se sitúan. A súa pretensión é recoller o galego vivo, coas peculiaridades dialectais, os vulgarismos e castelanismos.

Teatro

Fole publicou a peza teatral Pauto do demo, cuxa acción se desenvolve nunha aldea de ribeira do Sil en tempo de vendima.

Normalización e Normativización

O Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), afirma a lingua galega como lingua propia de Galicia, e sinala a súa cooficialidade, xunto co castelán. Deste modo, reiníciase o proceso de normalización e incorpórase progresivamente ao ensino, aos medios de comunicación e a outros ámbitos nos que non tiña case presenza. Continúase o proceso de normativización, é dicir, a elaboración dunhas normas ortográficas, gramaticais e léxicas que constitúan a lingua estándar. Como consecuencia desta nova situación, prodúcese un aumento significativo da produción literaria, como veremos máis adiante.

A Lingua Galega a Partir de 1936

O 18 de xullo de 1936 prodúcese a sublevación militar contra o goberno da República e comeza unha guerra que finaliza en abril de 1939 coa instauración da ditadura franquista. Nesta época levouse a cabo unha forte represión da lingua galega. Aínda que a maior parte da poboación continuou tendo o galego como lingua habitual, o seu emprego reduciuse aos rexistros informais, xa que o castelán era a única lingua oficial, e en consecuencia, a única utilizada en todos os ámbitos da vida pública. A escola, a igrexa e os medios de comunicación convertéronse en efectivos axentes castelanizadores. Así, intensifícase o proceso de desgaleguización, e importantes sectores da sociedade (burguesía urbana e poboación rural instalada nas cidades) adoptan o castelán por consideralo un medio de ascenso social, mentres que identifican o galego co rural, coa incultura ou coas clases máis baixas. Durante moito tempo as únicas actividades a prol da lingua e da cultura galega serán desenvolvidas polos exiliados en Latinoamérica.

Dos Anos Cincuenta aos Setenta

A partir dos anos cincuenta van xurdindo en Galicia iniciativas culturais que procuran a defensa e recuperación da nosa lingua. Xorden editoriais: Galaxia. Nos setenta xorden asociacións culturais que reivindican o uso do idioma galego. Ademais, fúndanse, na clandestinidade, os primeiros partidos nacionalistas: UPG (Unión do Pobo Galego) e o PSG (Partido Socialista Galego), que reivindican para Galicia o autoberno e a oficialidade do idioma. Logo da aprobación en 1978 da Constitución, Galicia conta cun Estatuto de Autonomía que recolle a oficialidade da lingua galega e a súa condición de lingua propia, o que permite a súa presenza no ensino. O cultivo literario aumenta tamén considerablemente.

Entradas relacionadas: