Panorama da Literatura Galega: Poesía e Prosa (1936-1976)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,42 KB
A Poesía Galega entre 1936 e 1976: Xeración do 36, Promoción de Enlace e Festas Minervais
Como consecuencia da Guerra Civil, desapareceu case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só foi posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fixeron poesía crítica e de compromiso. Dentro de Galicia, comezou unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacable pola súa calidade. En 1950, en Pontevedra, constituíuse a Editorial Galaxia, que abriu o camiño para novas editoras en galego.
Esta anómala situación provocou que visen a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:
I. Xeración do 36
Poetas nados entre 1910 e 1920. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela, entre outros, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro.
II. Promoción de Enlace
Nados entre 1920 e 1930. Cada quen tratou de buscar o seu estilo. Destacan Luz Pozo Garza e Manuel Cuña Novás.
III. Poetas das "Festas Minervais"
Nados entre 1930 e 1940, non coñeceron a Guerra Civil. Entre eles: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Neles xa existía unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto, e colaborando no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia.
Entre os autores pertencentes a cada unha das tres xeracións, centrarémonos nos seguintes:
1. Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979)
Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
- Poesía intimista: Tivo poesía intimista, influenciada polo existencialismo, que mostraba un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo. Escribiu tamén poemas. A obra máis representativa é O soño sulagado.
- Poesía satírica: Tivo poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais.
- Poesía socialrealista: A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe moi accesible e coloquial, quixo chegar a todo o mundo, non só a unha minoría. Tratou temas como a Guerra Civil e as súas consecuencias. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de emigrar; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra.
2. Manuel Cuña Novás (Pontevedra, 1926-1992)
Foi representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.
3. Uxío Novoneyra (O Courel, 1930-Compostela, 1999)
Autor de poucos libros e excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística, pero profundamente persoal.
4. Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938)
Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa). O seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supuxo un camiño novo na literatura galega, achegando novos temas e nova linguaxe poética.
A Prosa Galega entre 1936 e 1976: Os Renovadores da Prosa
Como consecuencia da Guerra Civil, a literatura galega deixou de existir como manifestación pública durante máis dun decenio. O centro da actividade literaria desprazouse para Latinoamérica, onde os nosos escritores exiliados mantiveron a cultura galega. En 1950, a Editorial Galaxia comezou a publicar nun primeiro momento poesía e un pouco máis tarde prosa:
1. Liña de Continuación da Prosa da Xeración Nós
Representada por Risco, Otero Pedrayo ou Ricardo Carvalho Calero, pertencente á Xeración do 36 e autor da primeira novela de posguerra, publicada en 1951, A xente da Barreira.
2. O Realismo Fantástico
Representado pola obra de Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe, greco-latina ou nórdica con recursos provenientes do mundo popular galego.
3. O Realismo Popular
Representado por Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa e da lingua dialectal. Non hai –como en Cunqueiro– presenza de cultura libresca.
4. O Realismo Social
Representado por Eduardo Blanco Amor. As súas obras, situadas no Ourense de principios do século XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padecen.
5. O Realismo Rural
Representado por Xosé Neira Vilas, coñecedor de primeira man das penurias da vida labrega e non exento de denuncia.
6. A Nova Narrativa Galega
Ao mesmo tempo, naceu a Nova Narrativa Galega da man dos autores máis novos, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Carlos Casares ou Gonzalo Mourullo, cunha prosa totalmente diferente e moderna.
I. Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981)
Poeta antes da guerra, foi despois autor de éxito en prosa. Podemos destacar as seguintes características:
- Mestura de realismo e fantasía.
- Tendencia á disgregación da novela.
II. Ánxel Fole (Lugo, 1903-1986)
Despois da guerra, viviu nas montañas de Lugo dando clases particulares. A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos (os principais Á lus do candil, 1953, e Terra Brava, 1955), ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala, combinados cun agudo sentido do humor e normalmente explicados pola lóxica popular.
III. Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897-Vigo, 1979)
Toda a súa narrativa se desenvolve no Ourense de principios de século. Escribiu A esmorga (1959) e Xente ao lonxe (1972).
IV. Xosé Neira Vilas (Gres, 1928)
Aínda que incorporou algunha técnica innovadora, está moi afastado dos autores da NNG. Podemos clasificar a súa obra en torno a dous focos:
- Galicia interior.
- Galicia emigrante.