Panorama da Literatura Galega do Século XX: Movementos, Xeracións e Renovación Estética
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 25,3 KB
A Poesía das Irmandades da Fala (Inicios do Século XX)
A principios do século XX, na literatura europea naceron novas correntes literarias como o simbolismo, o prerrafaelismo ou o modernismo. En cambio, na literatura galega, nas dúas primeiras décadas, os poetas continuaron o estilo e as liñas temáticas do Rexurdimento, especialmente o costumismo ruralista e a descrición paisaxística. Co paso dos anos fóronse dando algúns cambios e percíbense dúas tendencias: unha máis tradicional, con certas influencias do modernismo, e outra máis innovadora coñecida como liña vangardista (Xeración do 25).
Entre os autores vencellados ás Irmandades da Fala podemos destacar especialmente a Noriega Varela e a Ramón Cabanillas.
Noriega Varela
É o máis vello dos escritores que serven de ponte entre o XIX e inicios do XX. *(falar algo da súa biografía para completar). Pódese dicir que é autor dunha única obra que tivo varias edicións. Inicialmente titulouse Montañesas e, posteriormente, Do ermo. As súas primeiras composicións tiñan carácter cívico (“Acción galega”…) e datan da súa estadía en Foz cando entra en contacto co movemento agrario. Despois desta época escribe poemas costumistas nos que describe a vida campesiña, as festas e os costumes populares. Ademais, ten poemas máis íntimos nos que o poeta se aproxima á natureza e adopta un ton íntimo e emotivo. Neste tipo de poemas conta os elementos máis humildes da natureza seguindo a liña máis franciscanista. E, por último, tamén ten un grupo de sonetos escritos baixo a influencia da literatura portuguesa saudosista; nestas composicións ten un estilo máis culto e unha linguaxe moito máis coidada.
Ramón Cabanillas
É outro poeta importante desta época literaria e, a pesar da súa ligazón coa poesía cívica e costumista, soubo integrar moitas novidades, especialmente modernistas. A súa obra fundamentalmente é poética e pódese clasificar en:
- Poesía lírica: Corresponde cos seus primeiros libros: No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. Nestes tres primeiros libros encontramos poemas combativos de carácter agrarista e anticaciquil. Posteriormente escribirá poemas ligados ao nacionalismo para conseguir a dignificación de Galicia e o seu idioma. Nesta liña Cabanillas recorre moito ao período medieval ou ás lendas célticas. Outra liña seguida nestas obras é a poesía costumista, e, por último, a liña intimista herdada de poetas románticos como Heyne, Rosalía de Castro… Neste tipo de poesía trata o amor, os sentimentos doridos da vida, a conmoción sobre a paisaxe…
- Poesía narrativa: Nela destaca: O bendito San Amaro (1925) e Na noite estrelecida (1926). A primeira narra a lenda deste santo galego, e, na segunda, que consta de tres sagas: “A espada escalibur”, “O cabaleiro do Santo Grial” e “O sono do rei Artur”. Na segunda narra a vinda de Galaz na busca do Grial a Galicia e a despedida do rei Artur que regresa a Galicia. Esta obra non é tanto a narración das fazañas dos cabaleiros da táboa redonda senón máis ben a exaltación lírica de Galicia. O autor mestura valores tradicionais da materia de Bretaña con outros que galeguizan o poema. Foi unha obra moi innovadora en canto ao estilo, pois presenta claras influencias do modernismo.
En resumo destes dous poetas, Cabanillas é o mellor representante dos poetas das Irmandades, pois é un poeta clásico e moderno á vez.
As Vangardas e a Xeración do 25
Durante as primeiras décadas do século XX en Europa xurdiron unha serie de movementos artísticos, coñecidos como vangardas. Estes movementos presentan características propias, que expuxeron a través de manifestos, mais todas elas presentan varios elementos comúns entre os que destacan a busca da orixinalidade, a ruptura coa arte anterior, a liberdade creativa e a renovación na linguaxe. Estas vangardas fóronse sucedendo unhas ás outras de maneira rápida; algunhas foron efémeras, e outras perduraron no tempo e deixaron unha fonda pegada nas artes, especialmente o expresionismo e o surrealismo.
En Galicia tamén xurdiron unhas cantas tendencias artísticas (sobre todo na pintura e na literatura) que buscaban romper cos clixés do pasado. A este grupo de artistas novos coñécese co nome de Xeración do 25. E igual que outras vangardas europeas, deron a coñecer as súas ideas a través de manifestos (Mais alá! de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro) e de revistas como Ronsel, Cristal... Este grupo de poetas achegados ao Grupo Nós presenta unhas características un tanto peculiares respecto do que é a literatura europea, pois non abandonan totalmente algunhas características da nosa tradición literaria. É unha xeración malograda, pois varios deles morreron moi novos e por iso a súa obra non foi sempre recoñecida ou non puido ser publicada.
Tendo en conta algunhas características temáticas ou lingüísticas podemos distinguir 3 grupos:
A Vangarda Plena
Destaca Manuel Antonio coa súa obra De catro a catro. Este escritor seguiu a liña do creacionismo dun xeito moi particular, na súa primeira obra escrita durante a primeira navegación nun barco. Esta obra foi a única que publicou en vida, consta de 19 poemas que teñen unha grande unidade temática e estrutural. O primeiro poema titúlase “Intencións” e está escrito antes de iniciar a travesía e manifesta a ilusión desta nova aventura. E o derradeiro poema titúlase “Adeus” e representa a despedida do poeta navegante. Os outros poemas son respostas a grandes interrogantes da natureza e do cosmos; é a primeira vez que se describe o mar desde o propio mar. Nesta obra pódese observar elementos vangardistas e a renovación da linguaxe co uso de palabras técnicas.
Neotrobadorismo
Rende unha homenaxe á nosa literatura clásica, á nosa poesía medieval. Entre os cultivadores destacan Fermín Bouza Brey (Nao Senlleira) e Álvaro Cunqueiro con Cantiga nova que se chama ribeira. Estes autores combinaron elementos formais e temáticos das cantigas medievais con elementos vangardistas.
Imaxinismo ou Hilozoísmo
Representado por Luís Amado Carballo e a súa obra Proel, na cal percíbense influencias vangardistas do ultraísmo.
As Irmandades e o Grupo Nós: A Moderna Narrativa Galega
Esta etapa –especialmente de 1916 a 1936– é coñecida como a Época Nós pola importancia que estes autores terán na cultura galega. Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e só a partir de 1918 centran a súa atención en Galicia. Castelao en cambio provén do agrarismo. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan en todas as actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Eles son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego.
1. A Contribución de Otero Pedrayo
A súa contribución foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa longa e xira ao redor da Galiza contemporánea. Podemos clasificala en:
- Novelas Realistas: Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928).
- Novelas Culturalistas: Narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930), cuxo protagonista, Adrián Solovio, é un trasunto do propio Otero e a súa incorporación ao galeguismo.
Apartadas da súa temática habitual están Fra Vernero e A romeiria de Xelmirez. A xeito de conclusión podemos dicir que hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero:
- A Tradición: Sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo de séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo.
- A Fidalguía: Otero non lle perdoa a súa deserción da aldea e do galeguismo, mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade. Inventa unha fidalguía ideal, irreal, consciente do seu papel na sociedade galega.
- A Paisaxe: Dotada de vida, goberna a vida do home. O seu estilo, persoal e barroco, levou a Carballo Calero a definilo como un cesto de cereixas.
2. Castelao
Foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
- A primeira obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), visión sintética da realidade social, na que sae particularmente maltratada a figura do cacique.
- Cousas son relatos moi curtos que Alonso Montero considera un novo xénero narrativo, 45 relatos nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles.
- Os dous de sempre (1934). Tanto o título como o debuxo da portada (un paxaro e un sapo) fan referencia aos dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista. Narra as peripecias vitais e as ambicións de Pedro e Rañolas, contrapostos desde a súa infancia á madurez.
- Retrincos (1934). Cinco relatos sobre cinco momentos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela).
Risco cultivou tamén a narrativa (O porco de pé, feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística) pero é fundamentalmente ensaísta.
3. Rafael Dieste
Pertencente á Xeración do 25, escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao.
4. O Ensaio e a Investigación
Todos estes autores (e outros moitos) foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos, grupo nacido na Universidade de Santiago. Risco publicou no 1920 Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República. Afastado este das ideas nacionalistas, Castelao publica en Bos Aires Sempre en Galiza (1944) onde partindo de ideas propias e alleas elabora unha nova teoría do nacionalismo, comenta a actuación da República... Converteuse na biblia do galeguismo despois da guerra civil. Ademais do ensaio político, Castelao escribiu tamén multitude de ensaios no terreo artístico. Pola súa parte Otero Pedrayo dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933). Nesta fecunda etapa da nosa cultura hai que facer mención tamén ao labor desenvolvido no xornalismo, no que todos colaboraron desde A Nosa Terra ata a Revista Nós, pasando por El Pueblo Gallego e outros moitos.
O Teatro do Primeiro Terzo do Século XX
O xénero teatral foi o que menos cultivo tivo nos comezos da literatura galega, do que apenas conservamos obras (agás O Entremés famoso sobre a Pesca do Río Miño, de Gabriel Feixoo). A partir do século XX, coa estrea da obra A fonte do xuramento (de Francisco María de la Iglesia), iníciase un novo período da dramaturxia galega.
No primeiro terzo do século XX, o teatro en galego comezou a cobrar importancia grazas ás Irmandades da Fala, que concibiron o teatro como un medio de expansión da lingua galega e a súa dignificación. Con ese obxectivo fundaron o Conservatorio Nazonal da Arte Galega, denominado posteriormente como a Escola Dramática Galega. Antón Vilar Ponte, un dos fundadores das Irmandades, converteuse nun dos maiores promotores da época en canto ao xénero teatral, tanto como creador como tradutor de obras clásicas. A pesares da falla de compañías especializadas, a carencia de apoios institucionais e a desvalorización do idioma nas clases sociais altas, as Irmandades da Fala conseguiron pór en marcha unha grande actividade teatral. Porén, pese aos logros conseguidos, durante a ditadura de Primo de Rivera prohíbese o teatro en galego (permitindo unicamente os cadros de declamación), de xeito que desaparecen a meirande parte dos grupos teatrais.
Pódense distinguir dúas liñas no teatro galego de comezos do século XX: unha de carácter tradicional e costumista, e outra máis renovadora, con obras como A man da santiña de Ramón Cabanillas ou Alén, de Xaime Quintanilla ou O Mariscal, escrita por Cabanillas e Vilar Ponte.
Na preguerra, o teatro dará novos froitos cos homes do Grupo Nós, que cultivaron un teatro para ser lido, cunha grande influencia do teatro europeo de vangarda. Cómpre destacar:
- Ramón Otero Pedrayo, autor de A lagarada, cuxa acción dramática está situada no tempo da vendima e narra o namoro dun labrador rico e vello dunha moza; e Teatro de máscaras, un conxunto de 16 pezas breves, escritas a petición de Castelao.
- Vicente Risco, que escribe unha única peza teatral: O bufón d’El-Rei, un drama de carácter tráxico, composto en catro partes e ambientada na Idade Media.
- Rafael Dieste, con A fiestra baldeira, unha historia ambientada nunha pequena vila mariñeira de comezos de século.
- Castelao, con Os vellos non deben namorarse. Esta última obra, claro exemplo de convivencia entre elementos populares e vangardistas.
A Poesía Galega entre 1936 e 1976
A partir de 1936, prohibiuse o uso da lingua galega e impúxose un silencio literario que impedía a publicación de calquera obra escrita na nosa lingua. En xeral, os poetas desta etapa continúan liñas poéticas da preguerra, ata que na década dos 50 a poesía galega inicia a súa renovación.
A Xeración do 36
Está constituída por escritores que, formados na Segunda República, serán a ponte entre a preguerra e a posguerra. Entre os seus membros destacan:
- Aquilino Iglesia Alvariño, que publicou o primeiro título importante da literatura galega de posguerra: Cómaros verdes, na que destaca a paisaxe como núcleo temático.
- Xosé María Díaz Castro, que escribe un único libro: Nimbos, un conxunto de poemas de tendencias variadas, considerado como un dos cumes da nosa lírica.
- Álvaro Cunqueiro, que publicou Herba aquí e acolá, obra marcada por unha notable arela culturalista.
- Celso Emilio Ferreiro, o poeta máis destacado da súa xeración e o máximo representante da poesía social en Galicia, aínda que na súa obra tamén se pode constatar a pegada do intimismo e mesmo dun certo experimentalismo neovangardista. A súa gran obra é Longa noite de pedra, que abre o camiño da poesía socialrealista. Tamén destacan obras como Onde o mundo se chama Celanova, Cantigas de escarnio e maldicer...
A Promoción de Enlace
Trátase de poetas que unicamente padeceron as consecuencias da Guerra Civil. A súa poesía caracterízase pola temática existencial e anguriada e polo compromiso social. Constitúeno:
- Luz Pozo Garza, autora de O paxaro na boca, Códice Calixtino...
- Manuel Cuña Novás, autor do folleto Frauta na noite e da obra Fabulario novo.
- Antón Tovar, poeta intimista autor de Calados esconxuros.
A Xeración das Festas Minervais
Compóñena un grupo de escritores que non participaron ou sufriron a guerra, e que participaron nas Festas Minervais da USC. Entre os seus membros destacan:
- Manuel María, o primeiro poeta novo da posguerra, así coma o máis prolífico. Nos seus primeiros libros (Morrendo a cada intre) predomina a poesía existencial, mentres que co paso do tempo, a súa poesía evoluciona ao paisaxismo descritivo e á poesía social (Documentos persoais).
- Uxío Novoneyra (Elexías do Courel, Do Courel a Compostela...).
- Méndez Ferrín (Voce na néboa ou Con pólvora e magnolias, que pon fin ao período de posguerra na poesía galega).
- Bernardino Graña (Non vexo Vigo nin Cangas).
- Xoana Torres (Estacións ao mar).
A Prosa Galega entre 1936 e 1976
Co golpe de estado fascista de 1936 o galego foi obrigado a pecharse nos espazos íntimos e só, a finais dos 40, comezou a recuperar timidamente os espazos públicos. A nosa literatura afronta pois, un momento de grande pesadume. Os cambios en Galicia comezan a notarse a finais dos 40, sobre todo grazas á creación da editorial Galaxia, en 1950. Ademais, na década dos 60, nace a Nova Narrativa Galega, que tamén impulsa o rexurdir da nosa lingua. Nesta etapa de posguerra destacamos a unha serie de autores que contribuíron á recuperación da literatura galega.
Ánxel Fole
O máis salientábel da súa obra son os contos publicados nos anos 50, como Á lus do candil e Terra brava. O propósito de Fole é revitalizar a liña temática, realizando unha síntese entre o conto popular e o conto culto.
Álvaro Cunqueiro
A súa obra é dunha grande orixinalidade, polo que non se presta a unha clasificación convencional. Algúns críticos tentaron dividila en dous grupos:
- Obras que representan personaxes galegos: Relatos breves inspirados no mundo rural galego.
- Obras de inspiración mítico-literaria: Contos que se desenvolven nun afastado tempo mítico e empregan a personaxes extraídos da literatura. Nesta última liña destaca Merlín e Familia, unha serie de relatos independentes ambientados en Galicia, que narran as visitas de personaxes marabillosos que veñen pedir consello a Merlín; As crónicas do Sochantre e Se o vello Sinbad volvese ás illas.
Blanco Amor
Destaca a súa narrativa coa publicación de A Esmorga: unha obra emblemática da literatura galega, que destaca pola continuada crítica social, pola novidade temática (ambientación urbana e marxinal) e técnica (o fío telefónico), ... Outras das súas grandes obras son Os biosbardos e Xente ao lonxe.
Neira Vilas
Aínda que os seus inicios na literatura coinciden coa Nova Narrativa, a súa obra é ben diferente (situada dentro do realismo crítico), polo que pode considerarse a Neira Vilas como unha individualidade que conectou cos problemas máis relevantes da sociedade galega. Adóitase clasificar a súa narrativa en catro núcleos:
- A visión da Galicia rural a través da mirada dos nenos (Memorias dun neno labrego).
- A través da mirada dos adultos (A muller de ferro).
- A visión da Galicia emigrante (Camiño bretemoso).
- As coleccións de estampas líricas e semblanzas (Lar).
A Nova Narrativa Galega (NNG)
A Nova Narrativa Galega é un conxunto de obras en prosa publicadas a fins dos 60 e durante a década dos 70 que xurdiron polo desexo de renovación temática e formal da literatura galega para deixar atrás a tradición literaria. Desde o punto de vista temático intentaron reflectir a situación asfixiante da ditadura, e a sociedade da época, con obras nas que predomina a sensación de soidade, a angustia e os temas edípicos, protagonizadas por personaxes anti-heroe.
Desde o punto de vista técnico utilizan o narrador-protagonista, o narrador-testemuña, o multiperspectivismo e o monólogo interior. Así mesmo tamén procuraron cambios no tratamento do tempo do discurso. En canto ao espazo, cargado de simbolismo e subxectividade, é maiormente urbano e mostra un ambiente sórdido.
Entre os seus membros, atopamos a:
Gonzalo Rodríguez Mourullo
Pioneiro na renovación formal coa obra Memorias de Tains, pois serviu de inspiración a todo o grupo. Está composta por un conxunto de cartas ambientadas nun espazo imaxinario e abafante, con notables influencias de Kafka.
Xosé Luís Méndez Ferrín
As principais características da súa obra son a preocupación crítica polos problemas de Galicia, a recorrencia ao mundo dos soños, o predominio da violencia e da morte, ademais das características propias da NNG. Tras a publicación de Percival e outras historias (o seu primeiro libro), publicará O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo polo Norte, etc. Estas tres obras caracterízanse polo rexeitamento do costumismo e do realismo dos clásicos, así como pola súa influencia da literatura estranxeira. Tras un período de silencio, inicia un novo ciclo literario que xa non pertence á Nova Narrativa.
Carlos Casares
A súa obra adoita dividirse en dúas etapas. A primeira etapa, a pertencente á Nova Narrativa, definida como de renovación formal, está caracterizada polas ambientacións na sociedade galega do franquismo e por empregar temas e recursos técnicos innovadores, con obras como Vento ferido ou Cambio en tres.
Camilo González Suárez-Llanos
Destacamos un único libro: Como calquera outro día. Logo dun tempo de silencio literario, publicaría baixo o pseudónimo de Camilo Gonsar o relato titulado Cara a Times Square e a novela A desfeita.
María Xosé Queizán
Autora de A orella no buraco, unha novela obxectalista na que aborda o tema da liberdade do ser humano. Despois dun longo silencio, volve publicar incansablemente: A semellanza, Amor de tango, etc.
A Poesía de Fins do Século XX e Comezos do XXI
Coa chegada da democracia e a mellora da situación da nosa lingua, prodúcese un cambio de rumbo da poesía galega. Os novos libros de Méndez Ferrín están marcados polo culturalismo e o experimentalismo e, ao mesmo tempo, adquiren protagonismo novas voces agrupadas nos colectivos poéticos Cravo fondo e Rompente, que, xunto coa poesía de vangarda, os poemas culturalistas de Cunqueiro, e o influxo rupturista de poetas como Xavier Seoane ou Manuel Vilanova deseñan o que será a poesía galega ata case hoxe mesmo.
Na década dos 80, conviven autores que escriben na época de loita antifranquista como Darío Xohán Cabana (Verbas a un irmao) ou Fiz Vergara Vilariño (Orfo de ti en terra adentro), con outros moito máis novos, que cambian de rumbo estético. Toda esta poesía está dominada por un ton melancólico, unha grande riqueza expresiva e formal, baixo a influencia de Méndez Ferrín e Cunqueiro. Entre as distintas tendencias desta década atopamos:
O Culturalismo
Constitúe o paradigma dominante da estética dos 80. Trátase dunha poesía ateigada de referencias culturais: filosóficas, literarias, musicais, etc. Autores representativos desta tendencia son Manuel Forcadela, Ramiro Fonte, Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Paulino Vázquez...
A Poesía da Experiencia
Ou do cotián, caracterizada por unha vontade de comunicación máis directa e un menor grao de academicismo cá tendencia anterior (con autores como Manuel Rivas ou Luísa Castro).
A Poética Experimental
Que, xa iniciada nos 70, continuará con Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa, Manuel Vilanova e co colectivo Rompente, formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Manría Romón.
A Poesía Feminina-Feminista
Representada por Pilar Pallarés, Xela Arias e Ana Romaní, que pretenden loitar contra a discriminación feminina.
A década dos 90 caracterizouse pola eclosión dun numeroso grupo de poetas novos que dinamizaron a vida cultural e renovaron o discurso poético. A variedade de temas e estilos, xunto cun maior achegamento ao público lector, caracteriza a lírica dos últimos anos. Entre as tendencias da poesía dos 90 continúa:
- A Poética da Experiencia ou do Cotián (con autores con Fran Alonso e Celso Fernández Sanmartín).
- A Poética Feminina-Feminista (con escritoras como María Xosé Queizán, Lupe Gómez, Yolanda Castaño).
- Nace a tendencia Poética do Coñecemento, que se singulariza pola elaboración formal e a gravidade dos temas tratados. Autores desta liña son: Miro Villar, Rafa Villar.