Panorama da Literatura Galega Contemporánea: Poesía, Narrativa e Teatro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 59,7 KB
A Poesía Galega Contemporánea: Características e Temáticas
Poesía caracterizada pola multiplicación temática (recupéranse temas ata entón desbotados, sen por iso renunciar ao fondo compromiso ético coa terra) e de formas (hai un exquisito coidado estético da expresión). Reivindícanse os poetas esquecidos, tanto da nosa literatura (redescubrimento das vangardas) coma noutras literaturas (portuguesa, americana e inglesa), procurando así referentes na poesía universal.
Correntes Poéticas Destacadas
- Culturalismo: caracterízase polo emprego recorrente de referencias literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais, pictóricas, artísticas, etc. É a presenza —nun determinado texto— de expresións, temas e trazos estruturais, estilísticos, de xénero… procedentes doutros textos e que son incorporados ao novo texto en forma de citas, alusións, imitacións ou recreacións.
- Experimentalismo: pescuda de novas formas rítmicas e retóricas, e na investigación idiomática na procura dunha nova linguaxe poética de elaborado rexistro e nivel culto.
- Esteticismo: preponderancia da beleza construtiva sobre os aspectos morais, sociais ou de calquera outra índole. Isto adoita ter como consecuencia a extrema preocupación polas cuestións formais. A poesía é a arte da linguaxe.
- Europeísmo e Cosmopolitismo: o espírito renovador e aperturista leva a estes poetas a mirar ao exterior e a interesarse por outros países e culturas. Hai un redescubrimento do espírito das vangardas, incorporación dos movementos artísticos modernos, cunha especial inclinación cara á lírica anglosaxona e á expresión portuguesa.
- Busca de novos suxeitos líricos: por unha banda abandónase a focalización colectiva do discurso poético propia do ton de denuncia social; por outra, reacciónase contra a perspectiva manifestamente autobiográfica.
Apertura Temática: Seis Temas Recorrentes
- A Terra como espazo onírico, mítico e en íntima comuñón coa paisaxe (Cesáreo Sánchez Iglesias, Triloxía da auga), ou en íntima relación co eu lírico e o sentimento do amor (Xavier Seoane, Iniciación e regreso), ou como visión apocalíptica (Balada nas praias do Oeste, Mohicania, Costa da Morte blues, A desaparición da neve ou A boca da terra de Manuel Rivas, autor adscrito tamén á poética do cotián).
- O amor renovado co erotismo, a sensualidade e o sexo. Aspecto novidoso é a chamada sensualidade galega, a través de referencias directas (seos, labios, ventre, boca, pube...), xunto a unha rica simboloxía (gruta, caverna, volcán, leite...) que converten o corpo amado na forza que crea e dá a vida: Miguel Anxo Fernán-Vello, Claudio Rodríguez Fer (Poemas de amor sen morte, Vulva...); por outra parte, a ausencia de amor tórnase nunha insoportable soidade e morte (Fiz Vergara Vilariño, Poeta muiñeiro á deriva; Ana Romaní, Palabra de mar). O sentimento amoroso sérvelle a Manuel Rivas para reivindicar a liberdade sexual en A boca da terra, poema “As amantes”.
- A morte, sentimento común ás novas xeracións poéticas. Pilar Pallarés, Sétima soidade; Eusebio Lorenzo Baleirón en A morte presentida móstranos unha rica simboloxía da morte —voitre, cinza, ave de rapina—; o testamento poético Poesía última de amor e enfermidade, 1992-1995 de Lois Pereiro.
- A autobiografía xira arredor dun acontecemento vital, caso da morte dun ser querido, temática inzada de intimismo e cunha simboloxía a partir dos mitos da Culpa e do Descenso (Francisco Salinas Portugal, Os habitantes da culpa, ou Xosé María Álvarez Cáccamo, Luminoso lugar de abatimento).
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións…
A Xeración dos 80 na Poesía Galega
Formada, maioritariamente, por unha serie de autores nados a partir da segunda metade dos 40 e ao longo dos 50. Viven momentos especialmente reivindicativos desde a súa etapa de formación estudantil, cunha Universidade particularmente sensible aos movementos sociais e ás transformacións políticas. Beben con goce nas fontes literarias de Europa e América, asimilan as correntes modernizadoras da literatura universal e manteñen un diálogo vivo coa tradición poética autóctona. Senten a necesidade de anovar o noso discurso literario (no que predominaba o exceso de poesía social-realista), recuperando o gusto pola palabra como obxecto de deleitación estética e ampliando o ámbito dos temas poéticos. Moitos dos poetas da Xeración dos 80 danse a coñecer xa nos últimos anos dos 70 no seo de determinados colectivos poéticos como Rompente, Cravo Fondo. Segundo algúns críticos son movementos de vangarda a finais do século XX, e pretenden recuperar os comezos de século XX coa figura do poeta creacionista M. Antonio e do escritor-debuxante-político nacionalista Castelao. O labor de axitación cultural desenvolvido por algún dos grupos anteriores, contribuirá decisivamente a darlle un novo impulso ao panorama literario do momento.
a) Grupo de Vigo
- XAVIER RODRÍGUEZ BAIXEIRAS (Tarragona, 1945). Neste autor destaca a brillante elaboración formal. As súas primeiras obras xiran arredor da forma clásica do soneto: Fentos no mar (1981) e Lembranzas do areal (1985). En 1986 aparece Anos de viaxe (Poesía 1981-1987): recompilación na que se inclúen, ademais dos títulos publicados, outros dous inéditos: Os celestes faiados —co que inicia unha nova etapa de menor formalismo—, e A gándara da noite. Outros títulos poéticos son: Visitantes (1991), Nadador (1995), O pan da tarde (1996) e Beira norte (1997).
- XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO (Vigo, 1950). Este profesor e crítico literario é un dos grandes poetas dos últimos tempos. A súa obra caracterízase pola diversidade de temas e a precisión formal: nela atopamos desde a emotividade e a introspección de A praia das furnas (1983), Arquitecturas de cinza (1985) ou Luminoso lugar de abatimento (1987) ata o compromiso social de Prego de cargos (1991). O seu poemario Calendario perpetuo (1997).
- MANUEL FORCADELA (Tomiño, Pontevedra, 1958). Está considerado como un dos máis interesantes poetas de entre os “novos” do grupo vigués dos oitenta. Este profesor, crítico e estudoso da literatura publica o seu primeiro poemario en 1981: Ferida acústica de río. Logo publicará: O regreso das ninfas (1985), O varredor en outono (1987), Nausícaa (1992), Profecía (1992), Morte do fadista (2000) e Música de cinza (2008). Obra preciosista e culturalista, con resonancias musicais e reminiscencias clasicistas, románticas, neomodernistas, simbolistas e surrealistas.
- RAMIRO FONTE (Pontedeume, A Coruña, 1957-2008). Participou no colectivo poético Cravo Fondo, un dos fundadores da revista Dorna e un dos poetas máis representativos dos 80. Publicou: As cidades da nada (1983), Designium (1984), Pensar na tempestade (1986), Pasa un segredo (1988), Adeus Norte (1991), Luz do mediodía (1995), O cazador de libros (1997) e Reversos (2008).
- MANUEL VILANOVA (Barbantes, Ourense, 1944). Poeta bilingüe, publicou en galego tres poemarios: E direi-vos eu do misterio das cobras (1980), é un dos títulos que marca o cambio de rumbo da poesía galega para deixar atrás o realismo social na procura dunha nova estética de maior elaboración formal; A lenda das árbores de prata (1985), continúa na liña da anterior, se ben cun ton máis contido; A esmeralda branca (2006).
b) Grupo da Coruña
- XAVIER SEOANE (A Coruña, 1954). É un dos autores que forman o que algúns consideran o “Grupo da Coruña”, que publicaron parte da súa obra nas antoloxías colectivas De amor e desamor I (1984) e De amor e desamor II (1985), A caluga do paxaro (1979), Os bosques encendidos (1981), Iniciación e regreso (1985), Regreso e advenimento (1990), Dársenas do ocaso (2002).
- PILAR PALLARÉS (Culleredo, A Coruña, 1957). Participou nos volumes colectivos De amor e desamor xunto con outros membros do grupo coruñés, Entre lusco e fusco (1980), Sétima soidade (1984) e Livro das devoracións (1996). Segundo a crítica, a súa actitude lírica é unha aposta decidida pola poesía do coñecemento, centrada nos motivos da soidade e da dificultade da comunicación.
- LOIS PEREIRO (Monforte, 1958-1996). Poemas, 1981/1991 publicado no ano 1992 e Poesía última de amor e enfermidade, 1992/1995.
- MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO (Cospeito, Lugo, 1958). O máis destacado. Obras: Seivas de amor e tránsito (1984); Do desexo en corpo e sombra (1984); Memorial de brancura (1992): estes tres libros conforman un ciclo creativo caracterizado formalmente pola procura da perfección e tematicamente polo desenvolvemento dun complexo xogo de dicotomías corpo/sombra, amor/tránsito, vida/morte. En Livro das paisaxes vivas (1985) comeza un novo ciclo, que continúa en Entre auga e fogo (Cantos da terra posuída) (1987) e Poemas da lenta nudez (1994), onde se achega de xeito moi persoal á temática da paisaxe, interpretada como amor cósmico.
- MANUEL RIVAS (A Coruña, 1957). O seu primeiro poemario é Libro do entroido (1979). Posteriormente publica Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987), Ningún cisne (1989) e O pobo da noite (1996).
c) Outros Poetas
- DARÍO XOHÁN CABANA (Roás da Terra Chá, Lugo, 1952). A súa poesía evolúe desde postulados social-realistas ata un rexistro máis esixente en canto á elaboración formal. Os primeiros títulos 1970: Verbas a un irmao e Home e terra. En 1973 sae Romanceiro da Terra Chá e Mortos porque Galicia viva. As mudanzas no seu estilo fanse evidentes desde o seu poemario Ábrelle a porta ó día (1981). Canta de cerca a morte. Tamén traduciu para o galego obras de Dante, ou Petrarca.
- ALFONSO PEXEGUEIRO (Angoares, Pontevedra, 1948). A súa primeira obra Seraogna (1976) é valorada pola crítica como precursora da nova poesía galega. Posteriormente publica: Mar e naufraxio (1978), Circos de auga (1979), O pabellón das hortensias azuis (1983) e A illa das mulleres loucas (1984). No ano 2000 publica a obra recompilatoria Blasfemias de silencio.
- VÍTOR VAQUEIRO (Vigo, 1948). Próximo nos seus inicios ao Grupo Rompente, publicou os seguintes poemarios: Lideiras entre a paisaxe (1979), Informe da gavilla (1980), Camiño de Antioquía (1982), A fraga prateada (1983) e A cámara de néboa (1989).
- CLAUDIO RODRÍGUEZ FER (Lugo, 1956). Notabilísimo ensaísta e crítico literario, ademais de poeta con preferencia polos temas eróticos; recolleu toda a súa poesía desta temática no volume titulado Vulva (1991). Tamén é autor de Cinepoemas (1983) e Lugo blues (1987).
- LUÍS REI NÚÑEZ (Muros, A Coruña, 1958). A súa poesía caracterízase por un fondo de melancolía neomodernista e lentitude morosa de palabra. É autor de varios poemarios: A casa na brétema (1994), Rolda invisible (2000) e Alma mareira (2003).
- XOSÉ ÁNXEL VALENTE (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000). Recoñecidísimo poeta en lingua castelá, e encadrable por idade na denominada Promoción de Enlace. A súa produción poética en galego comeza o ano 1947 cun romance titulado “Fisterre”. Posteriormente publicou Sete cantigas de alén (1981) e Cantigas de alén (1989), inspiradas no alén da palabra e no alén do exilio do poeta. No ano 1994 un volume recompilatorio sobre a obra galega deste autor: Material Valente.
A Poesía na Década dos 90
A irrupción, a comezos dos 90, dunha nova promoción de autores (uns moi novos, outros menos) que se estrean como poetas, devólvenlle certa vitalidade ao mundo da poesía galega que, con todo, mantén as liñas básicas e os fundamentos poéticos iniciados na década precedente. Algúns dos factores que determinan a nova situación nos anos 90 son:
- Aparición de novos premios literarios (Miguel González Garcés, Espiral Maior, Martín Codax, Caixanova, Fiz Vergara…), algúns dos cales van dirixidos especificamente aos “novos valores” da poesía galega.
- Creación de coleccións de poesía formadas por libros manexables e baratos que logran un notable eco. Neste sentido, a colección de poesía da editorial Espiral Maior é o modelo de referencia; o éxito acadado levará a outras editoriais a crear coleccións semellantes.
- Recuperación de festivais e recitais poéticos, propiciados moitos deles pola proliferación de colectivos poéticos como: Batallón Literario da Costa da Morte, Ronsel, Blas Espín, Arre Sentella, Un medio, Dolmen, Serán Vencello, Sete Naos, Redes Escarlata…
- Fronte á importancia de Vigo e A Coruña na poesía galega dos 80, na década dos 90 prodúcese a consolidación de Santiago de Compostela como punto de encontro e reunión de poetas moi diversos.
- Nacemento de novas publicacións literarias: Animal, Clave Orión, Blas Espín, Gume…
- Desenvolvemento dunha destacada creación poética feminina cun discurso feminista.
- Os escritores máis novos de entre os que se dan a coñecer nestes anos presentan un notable nivel de competencia lingüística e de formación literaria en galego, como consecuencia da implantación con carácter obrigatorio desde comezos dos anos 80 da materia de lingua e literatura galegas nos plans de estudos oficiais, mesmo algúns cursaron Filoloxía Galega. A pesar disto, na súa obra percíbese un certo empobrecemento vocabulario, parello á preferencia que ás veces manifestan por rexistros máis coloquiais e espontáneos. Nestes poetas máis xoves destacan: Miro Villar, Rafa Villar, Estevo Creus, Eduardo Estévez, Xabier Cordal, Martín Veiga…
Entre as características compartidas pola poesía das dúas décadas destacan a esixencia de elaboración formal e lingüística. Aínda así, nos 90 téndese a mostrar preferencia por unha expresión máis directa adobada, rexeitando o excesivo culturalismo e procurando chegar máis sinxela e doadamente ao lector. Nesa mesma liña están o recorrer ao ton coloquial, a unha maior carga narrativa e ao aproveitamento poético do cotián. Obsérvase, tamén, un certo renacer da temática social, orientada agora cara ás actuais modas e modos de manifestar o compromiso: ecoloxismo, pacifismo, feminismo, causas solidarias… A pluralidade e a riqueza de matices é a tónica dominante na promoción dos 90.
Tendencias Poéticas Actuais
- Poética feminina-feminista, manifestada (entre outras formas) a través da revisión xinocrítica (=reinterpretación dos grandes temas da cultura universal desde un punto de vista esencialmente feminino) de certos aspectos culturais como: relectura dos mitos, desfacer o tradicional sistema literario masculino-machista, visión feminina do erotismo e da sexualidade, etc. Destacan: Olga Novo (Nós, nus), Ana Romaní (Palabra de mar ou As últimas mareas, unha relectura dos mitos homéricos de Ulises e Penélope), Xela Arias (Tigres coma cabalos, obra na que se combina poesía e fotografía), Chus Pato (escritora da Xeración dos 80 que se dá a coñecer no grupo poético dos 90, Fascinio, Nínive, M-Talá, Charenton, Hordas de escritura, Secesión, Un libre favor), Iolanda Castaño (Elevar as pálpebras, Delicia, O libro do egoísta, Profundidade de campo), Marta Dacosta (Pel de ameixa, Na casa da avoa), Enma Couceiro, Luísa Villalta, Isolda Santiago, Lupe Gómez (Pornografía ou Os teus dedos na miña braga con regra), María do Cebreiro, María Reimóndez (Moda galega ou Galicia en bus), Luz Pichel (Casa pechada)…
- Poética do cotián, caracterizada polo uso dunha linguaxe directa, pola maior narratividade do discurso, a contención verbal e o recurso ao ton coloquial pero sen caer no descoido formal. Encadramos nesta tendencia a: Fran Alonso (Tortillas para os obreiros ou Subversións), Enma Couceiro, Estevo Creus (Poemas da cidade oculta), Miro Villar (A sotavento dunha singradura, Migracións), Celso Fdez. Sanmartín (Fucsia, talladas, estampados, boca), María Reimóndez (Moda galega), Daniel Salgado (Éxodo), Yolanda Castaño (A segunda lingua, unha hábil denuncia do conflito lingüístico), Emma Pedreira (Antídoto, unha reflexión sobre as soidades non escollidas, obra na que figura o poema “Lista da compra da viúva”, composición que recibiu en 2017 o Premio Internacional de Poesía Jovellanos como “O mellor poema do mundo”).
- Poética experimental, caracterízase polo enfrontamento entre o tradicional e o moderno, e saca partido da mestura dos niveis lingüísticos coloquial e popular cos orixinados a partir da linguaxe da cultura de masas contemporánea, ruptura dos límites do xénero poético e da propia linguaxe. O principal representante desta liña é Antón R. Reixa, autor procedente dunha etapa anterior. Mencionar tamén a Xavier Santiago (Derrapa e cai, unha aposta pola ruptura temática e estilística).
- Poética do coñecemento que se singulariza pola elaboración formal e o innovador tratamento dos temas (amor, vida, morte, patria…). Probablemente é a liña que máis se aproxima á poesía da década dos 80. Atopamos os recursos ás formas clásicas, o culturalismo, a reflexión metaliteraria, mais tamén a poesía de carácter vivencial e cognoscitiva (a cotidianeidade e as experiencias persoais son a miúdo fonte de inspiración). Os autores desta liña son: Miro Villar (Ausencias pretéritas), Martín Veiga, Xosé M. Millán Otero, preferencia polo versolibrismo, recuperación da poesía comprometida coa abordaxe de temas sociais e patrióticos desde sensibilidades alternativas (feminismo, ecoloxismo, anticapitalismo, antimilitarismo…), busca dun lector apaixonado, emocionable, máis sensible que intelectualizado.
Características Xerais da Narrativa Galega Actual
- Ás veces pode chegar a desaparecer o argumento nunha obra.
- Os personaxes deixan de ser os heroes centrais arredor dos cales xira o relato.
- Prodúcense rupturas na presentación cronolóxica dos feitos.
- O narrador deixa de ser omnisciente.
- Emprégase o multiperspectivismo.
- Renovación da linguaxe.
- Incorporación de novos espazos.
O panorama social galego evolucionou considerablemente no período democrático respecto da etapa anterior, o cal se ve reflectido na nosa narrativa. Os autores tratarán algúns dos seguintes temas:
- Aqueles que pertencen á realidade cotiá e que acadan especial relevancia nos últimos tempos: corrupción, paro, delincuencia, ecoloxía…
- De carácter histórico (emigración, Guerra Civil…).
- Existencialista (incomunicación social, morte…).
A novela sofre tamén importantes modificacións desde o punto de vista estilístico e formal:
- Desaparecen os seus límites e inclúense nela textos de diferentes tipos: anuncios, informes, textos xornalísticos…
- Suprímense os capítulos.
- Preséntanse varias historias combinadas.
Na segunda metade do século XX, o mundo literario galego (e máis concretamente a prosa) caracterízase pola experimentación e por seguir unha gran diversidade de vías (diversificación).
Xéneros Narrativos
- Xénero Policial, detectivesca ou novela negra: é un dos xéneros máis cultivados da literatura comercial. Destacamos: Crime en Compostela (1984) de Carlos G. Reigosa; O crime da rúa da moeda vella (1989) de Román Raña; As regras do xogo (1990) de Ramiro Fonte; Sangue sobre a neve (1991) de Manuel Forcadela; Un home que xaceu aquí (1993) de Aníbal C. Malvar; Un nicho para Marilyn (2003) de Miguel Anxo Fernández; Todo é silencio de Manuel Rivas; Asasinato no Comité Central de Diego Ameixeiras; Ollos de auga, A praia dos afogados, O último barco de Domingo Villar.
- Ciencia-Ficción: xénero iniciado na nosa literatura por Lois Diéguez en 1976 coa novela Galou Z-28. Destacamos as seguintes obras: Soños eléctricos (1992), Lumefrío (1994) e Perigo vexetal (1996) de Ramón Caride; Reportaxe cósmico (1982) de Xosé Fernández Ferreiro; As flores radiactivas (1990) de Agustín Fernández Paz; Mutacións xenéticas (1991) de Fina Casalderrey; A sombra cazadora (1994) de Suso de Toro, todas elas enfocadas a un público infantil/xuvenil. Outro grupo de obras mostran de forma alegórica a situación do pobo galego e introducen elementos fantásticos e marabillosos cun enfoque realista: Retorno a Tagen-Ata de Méndez Ferrín; Soños eléctricos de Ramón Caride; O cervo na torre de Darío Xohán Cabana; A xanela insólita de Jorge Emilio Bóveda; As mulleres da fin do mundo de Daniel Asorey.
- Novela do Oeste: fórmula pouco empregada na nosa literatura. As únicas obras publicadas son: A morte de Frank González (1975) de Xosé Fernández Ferreiro; Os outros disparos de Billy (1991) de Carlos G. Reigosa; Por unha presa de machacantes (1997) de Isidro Novo, desde a parodia.
- Narrativa Erótica: o máis claro expoñente desta literatura é Anel de mel (1991) de Xulio López Valcárcel; Infidelicidades de Manuel Lourenzo González; Intensa e quente é a túa humidade azul de Xulio Pardo de Neyra (primeira novela pornográfica da literatura galega).
Unha literatura máis autóctona que entronca coa tradición galega
- Narrativa Realista. Pode centrar a acción no rural: Morte en Castrelo de Miño de Xosé Fernández Ferreiro, Morrer en Vilaquinte de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar, Homes de Tras da Corda de Carlos G. Reigosa; ou no mundo urbano: Froito das lembranzas de Tucho Calvo, Ambulancia de Suso de Toro, Non hai misericordia de Xelís de Toro, Sen piedade de Pedro Feijoo. O realismo pode aparecer baixo forma de crónica: Mulleres de Úrsula Heinze; ou de crónica novelada: Trailer de Fran Alonso, Viaxes no país de Elal, de Xavier Alcalá.
- Narrativa Histórica: cun momento de auxe na primeira metade da década dos 80 e cultivada por algún dos máis salientables autores da nosa literatura contemporánea. A nosa cinza de Xavier Alcalá; O triángulo inscrito na circunferencia (1982) Víctor F. Freixanes; Beiramar (1983) Xosé Manuel Martínez Oca; Xa vai o grifón no vento (1984) Alfredo Conde; Morte de rei (1996) de Darío Xohán Cabana; Alén da desventura (1999) de Xavier Alcalá; Herba moura (2005) de Teresa Moure; Para despois do Adeus de Xosé Ramón Pena; Branca de Loboso de Xesús Rábade Paredes; Tránsito dos gramáticos de Marilar Aleixandre; En salvaxe compaña de Manuel Rivas; Magog de María Gándara; As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello; Festina lente e Fontan de Marcos Calveiro; Lourenço, xograr de Manuel Portas; A arte de trobar de Santiago Lopo; O Códice Esmeralda de Alberte Blanco; O exército do fume de Manuel Gago.
- Narrativa Memorialista: centrada na Guerra Civil e na posguerra. (Ademais dos autores xa indicados noutro tema –a prosa de 1936 a 1980–: Ramón de Valenzuela e Antón Alonso Ríos) retomaron este tema escritores como Carballo Calero: Scórpio (1987); Carlos Casares: Os mortos daquel verán (1987); Xosé Fernández Ferreiro: Agosto do 36 (1991); Xavier Quiroga: Era por setembro (2004); Manuel Rivas: Os libros arden mal (2006); O bosque das antas de F.X. Fernández Naval; Home sen nome de Suso de Toro; O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville; Non des a esquecemento de Luís Bará; Blues para Moraima de Miguel Anxo Fernández; O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro.
- Narrativa de Aventuras: este tipo de fórmula é moi cultivada por autores como Xavier Alcalá nas novelas en que a acción se sitúa en Sudamérica: Nos pagos de Huinca Loo (1981), Cárcere verde (1990), Latitud austral (1991). Outras obras que participan destas características son: A expedición do pacífico (1994) de Marilar Aleixandre; A armada invencible (1996) de Manuel Forcadela; Morning Star (1998) de Xosé Miranda.
- Narrativa Feminina. Nestas obras a muller exerce un case total protagonismo fronte ao home: O soño perdido de Elvira M. (1982) de Úrsula Heinze; Amantia (1984) e Amor de tango (2007) de María Xosé Queizán; Peito de vimbio de Alfonso Álvarez Cáccamo; Sabor a ti de Miguel Suárez Abel; O club da calceta de María Reimóndez. Podemos falar de que o novo século supón un boom e a consolidación definitiva de voces femininas (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres (nai-filla, amigas, avoas-netas…), reivindicación de figuras femininas importantes da nosa historia... Os nomes máis destacados son:
- Teresa Moure (Monforte, 1969), A xeira das árbores (2004), Herba moura (2005) ambientada no século XVI en Suecia e Ámsterdam, Benquerida catástrofe (2007), A casa dos Lucareiros (2007), A intervención (2010), Ostrácia (2015).
- Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976); autora de novelas como Eu de maior quero ser (1999), Resistencia (2002), Veu visitarme o mar (2004) sobre a catástrofe do Prestige, Sol de inverno (2009), Ás de bolboretas (2009), Ámote Leo A.
- María Reimóndez (Lugo, 1975), O club da calceta (2016), trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes; Pirata (2009), En vías de extinción (2012), Dende o conflito (2014), A música dos seres vivos (2015).
- Inma López Silva con Concubinas e Aqueles días en que eramos malas.
- Narrativa Intimista. Fórmula frecuentemente empregada por Marina Mayoral: Unha árbore, un adeus (1988), O reloxio da torre (1988), Querida amiga (1995); Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro (1998); Diego Ameixeiras: Tres segundos de memoria (2006); Anagnórise de María Victoria Moreno; O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González.
- Narrativa Artúrica: recupéranse e recréanse os vellos mitos do Ciclo Bretón. Amor de Artur (1982) de Xosé Luís Méndez Ferrín; Galván en Saor (1989) de Darío Xohán Cabana; Irmán Rei Artur de Carlos G. Reigosa; Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño.
- Narrativa Cunqueiriana: trátase de literatura na que se mestura o fantástico e o real, ao estilo de Álvaro Cunqueiro. Representan esta corrente: Muxicas no espello (1971), No cadeixo (1976), E agora cun ceo de lama (1981) de Paco Martín; Fortunato de Trasmundi (1990), O libro dos narradores (1990) de Darío Xohán Cabana; Historia dun paraugas azul (1991) de Xosé Miranda.
- Narrativa de Misterio: Tres historias para ler á noite (1992) de Paco Martín; A neve e a cadeira (1994) de Xosé Miranda; O capitán Lobo Negro (1995) de Xesús Manuel Valcárcel; Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.
- Narrativa de Aventuras e Intriga: Cárcere verde de Xavier Alcalá; As florestas do Mañuema de X. M. Martínez Oca; A rutina corsaria de Santiago Jaureguizar; O paso do noroeste de Xavier Queipo; Morning Star de Xosé Miranda; Conexión Tubinga de Alberto Canal; O xardín das pedras flotantes, Atl de M. Lourenzo González.
- Narrativa Humorística: o humor é unha das características coas que nace a nosa literatura. Nos tempos modernos este elemento aparece moitas veces desde a ironía, a parodia ou o esperpento, e emprégase habitualmente para provocar o riso. Algunhas obras son: Xente de mala morte de Alfonso Álvarez Cáccamo; Amálgama de desquiciados (1992) de Xosé L. Martínez Pereiro; Erros e Tánatos (1996) de Gonzalo Navaza; Luces de Fisterra. Esperpento xacobeo de Carlos Mella; De remate de Héctor Cajaraville.
- Narrativa Renovadora e Experimental: o interese por buscar novas fórmulas e técnicas levou a moitos autores a escribir obras complexas e minoritarias, pero de gran transcendencia. Encadramos a: A semancia (1981) de Xoán Ignacio Taibo; Porta blindada (1990) de Margarita Ledo Andión; Suso de Toro: Polaroid (1986) e Tic-Tac (1993); Antón Reixa: Transporte de superficie (1991); Xelís de Toro: Non hai misericordia (1990); Carlos Caneiro: O infortunio da soidade (1992); Xurxo Borrazás: Criminal (1994); Xavier Queipo: Dragona (2007); A quinta de Saler de Antón Riveiro Coello; Ganga de Antón Lopo; Anxos da garda de Anxos Sumai; Spam de Francisco Castro; Palabras contadas de Camilo Franco; Made in Galiza de Séchu Sende; Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala; Tempos de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso.
- Narrativa Bravú: subxénero enxebre, protagonizado por “vacas e percebeiros”, nun intento de reivindicar a aldea galega, ante a liquidación da Galicia rural. Caracterizada pola descrición dos dramas sociais do galego, do campo e do mar (o paro, a transformación do rural, o desprazamento á cidade, a perda da sabedoría popular dos máis novos etc; cunha aparencia antiliteraria, coloquial e fresca). Todo a cen e Fridom spik de S. Jaureguizar; A tralla e a arroutada de Xurxo Souto.
- Narrativa Autobiográfica: baseada nas vivencias de infancia, adolescencia e mocidade: Amigos sempre de Alfonso Eiré; Casas baratas de Antón Riveiro Coello; As voces baixas de Manuel Rivas.
Autores Destacados na Narrativa Galega
1. Autores de longa traxectoria
- XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN. Nas décadas do 80 e 90, dedícase máis fondamente ao labor literario, ás colaboracións na prensa e publica obras ensaísticas fundamentais: De Pondal a Novoneyra (1984). Antón e os inocentes (1980), novela protagonizada por dous estudantes nacionalistas vigueses, constitúe unha evocación da mocidade dos anos 50; Crónica de nós (1980), son 8 relatos nos que expón o seu ideario político. Amor de Artur (1982), libro de relatos caracterizado pola volta do escritor ourensán á temática artúrica. Outras obras importantes son: o libro de relatos Arraianos (1991), e as novelas Arnoia, Arnoia (1985), Bretaña Esmeraldina (1984) e No ventre do silencio (1999).
- CARLOS CASARES (Ourense, 1941 – Vigo, 2002). Aínda que as súas primeiras obras se encadran dentro da NNG, alcanza a plena madurez a mediados dos anos 70. Xoguetes para un tempo prohibido (1975): novela que xira arredor dos recordos da infancia na aldea, da adolescencia no colexio e da mocidade na universidade, do protagonista. Constitúe o retrato dunha xeración de posguerra vivida polo autor e serve para sinalar o momento inaugural da narrativa posfranquista. A partir de aquí abandona os presupostos da NNG e retorna a técnicas e enfoques máis tradicionais. Son obras ambientadas no pasado histórico, sen apenas presenza de elementos autobiográficos e que utilizan recursos do realismo tradicional: Os escuros soños de Clío (1979): 12 narracións nas que se mesturan personaxes e sucesos reais con outros imaxinarios. Trata sobre diversos acontecementos situados cronoloxicamente entre os séculos X e XX; Ilustrísima (1980): ten como eixe fundamental as vivencias dun bispo que ten que facer valer o seu sentido común e a súa tolerancia ante a intransixencia da curia catedralicia pola instalación do primeiro cinematógrafo nunha pequena cidade galega a comezos do século XX. Os acontecementos son contados de forma lineal por un narrador omnisciente, mentres que os personaxes (aliados e opoñentes) se definen pola súa relación co bispo e pola posición adoptada no conflito. Os mortos daquel verán (1987) no que asistimos ao contraste de versións sobre a morte dun boticario durante a Guerra Civil; Deus sentado nun sillón azul (1996) retrato novelado da traxectoria de Vicente Risco; O sol do verán (2002), historia dun amor imposible.
2. Primeira promoción
- XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO (Nogueira de Ramuín, Ourense, 1931). Posúe unha ampla e variada obra narrativa que podemos clasificar deste xeito:
- Narrativa de carácter comercial: A morte de Frank González (1975) un western; Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981); Reportaxe cósmico (1982) de ciencia ficción.
- Narrativa realista: Morte en Castrelo de Miño (1978).
- Narrativa memorialista: sobre a Guerra Civil e a posguerra, son: Agosto do 36 (1991) e Os últimos fuxidos (2004).
- Outras novelas súas son: A fraga dos paxaros salvaxes (1985) novela psicolóxica de ambiente urbano; O minotauro (1989); Co medo nas mans (1997) narrativa de terror; O atentado (1999).
- XAVIER ALCALÁ (Miguelturra, Ciudad Real, 1947). Dáse a coñecer coa publicación de varios libros de relatos, pero é máis coñecido como novelista. Diferenciamos tres fases marcadas por temáticas diferentes:
- Realismo sociolóxico (a emigración galega en Madrid, a industrialización irreal do país…). En 1980 Fábula, trata o esclarecemento dun asasinato na Guerra Civil e a análise da complexa realidade política da Transición; A nosa cinza (1980), crónica da pequena burguesía urbana nos anos 50; Tertulia (1985), unha ollada irónica e escéptica sobre Galicia.
- Narrativa de aventuras en escenarios diferentes e fai unha recreación da épica da emigración. Nos pagos de Huinca Loo (1982) e Cárcere verde (1990) localizadas en América Latina.
- Xénero histórico: Código Morse (1996); Alén da desventura (1998); Verde oliva (2012).
- ALFREDO CONDE (Allariz, 1945). Sinalamos na súa traxectoria:
- Etapa de realismo social: Contubernio catro do Tomé S. (1978), as contradicións sociais dunha vila mariñeira galega.
- Etapa renovadora: Xa vai o grifón no vento (1984).
- Novela histórica: Azul cobalto (2001) sobre o marqués de Sargadelos; Romasanta. Memorias incertas do home lobo (2004); Memoria das batallas (2008) protagonizada pola heroína coruñesa María Pita.
- PACO MARTÍN (Recatelo, Lugo, 1940). Narracións curtas Tres historias para ler á noite (1992) relatos de misterio e terror; Auga para encher un cesto (2002), relatos sobre adolescencia e inmigración; en literatura infantil e xuvenil Das cousas de Ramón Lamote (1985).
- ANXO REI BALLESTEROS (Boqueixón, 1952- A Coruña, 2008). Dos anxos e dos mortos (1977) que está en sintonía coa NNG, son as vivencias dunha xeración de universitarios composteláns abafados no desengano vital e a falta de expectativas. Loaira (1992); Non sei cando nos veremos (2005).
3. Segunda promoción
- XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA (A Estrada, 1942). Beiramar (1983), mestura elementos alegóricos e análises sociolóxicas coa reconversión naval dos anos 80; O vicio nefando (2009), retrata o mundo editorial galego; en Todo o peso do ceo (1977) e O tempo en ningunha parte (2003) recrea episodios ambientados na guerra do 36.
- VÍCTOR F. FREIXANES (Pontevedra, 1951). A obra O triángulo inscrito na circunferencia (1981), é unha novela épica de grande extensión e características alegórico-simbólicas na que se mesturan a historia e a fantasía nunha acción que transcorre no século XIX; forma parte dunha corrente apocalíptica e con ela quere facer unha aposta pola recuperación do noso pasado como paso imprescindible para a reconstrución da sociedade galega. Posteriormente escribirá dúas novelas máis: O enxoval da noiva (1988) que transcorre na Italia renacentista; A cidade dos césares (1993), protagonizada por un grupo de galegos que a finais do século XVIII emigran á Patagonia. Logo dun longo silencio reaparece coa novela Cabalo de ouros (2010), trata o sórdido e pechado ambiente da Galicia de posguerra por medio dun grupo de personaxes que conflúen nunha tensa partida de cartas.
- SUSO DE TORO (Santiago, 1956). A súa narrativa afástase dos tópicos culturais galegos e segue unha liña de carácter crítico e subversivo, de orientación posmoderna, na que destacan a fantasía, a ironía, o humor e o emprego dunha lingua coloquial. Comeza a súa andaina co libro de relatos Caixón desastre (1983), especie de ensaio da súa seguinte obra Polaroid (1986), tamén colección de relatos, os dous son estampas inconexas e transgresoras, con ironía corrosiva ante os discursos de poder e apertura a novas linguaxes audiovisuais. A partir deste momento decídese polo xénero novelístico que inicia con LandRover (1988) onde presenta un mundo sórdido que serve de fondo a unha historia de arrabalde. Logo seguirán Ambulancia (1990), adscrita ao xénero policial, e Tic-Tac (1993) que elaborada como un puzzle e aberta a distintas interpretacións, marca o remate dunha liña narrativa. Desde 1994, ano de A sombra cazadora (novela adscrita para público xuvenil), encauza a súa obra nunha liña máis clásica. Deste xeito saen á luz o libro de relatos Círculo (1998), e as súas novelas máis recentes: Canta saldada (1996), Calzados Lola (1997), Non volvas (2000) e Trece badaladas (2002). Home sen nome (2005), un vello hospitalizado rememora a súa participación nas brutalidades da represión franquista; Sete palabras (2009), novela de misterio e investigación; Sonámbulos (2014).
- MANUEL RIVAS (A Coruña, 1957). Dáse a coñecer cunha novela curta destinada ao público xuvenil: Todo ben (1985), xira arredor do fútbol. Logo chegarían: Un millón de vacas (1990), libro de contos; Os comedores de patacas (1990), é a primeira incursión novelesca; En salvaxe compaña (1993); Que me queres, amor? (1995); O lapis do carpinteiro (1998), coa que se consolida como un dos grandes narradores galegos de hoxe, é unha historia de amor que se desenvolve na época da Guerra Civil; Ela, maldita alma (1999); A man dos paíños (2000), e As chamadas perdidas (2002) son libros de relatos; Os libros arden mal (2006), novela interesante, unha reflexión sobre o concepto cultura na sociedade herculina; Todo é silencio (2010), o argumento xira arredor dun capo contrabandista; As voces baixas (2012), con elementos autobiográficos; O último día de Terranova (2015), reflexión sobre a evolución da nosa sociedade.
- MARILAR (María Pilar Jiménez) ALEIXANDRE (Madrid, 1947). Adoptou o galego como lingua literaria e é autora dunha extensa obra: narrativa, poesía, tradución e guión de cómic. Obras: Tránsito dos gramáticos (1993); Lobos nas illas (1996); A compañía clandestina de contrapublicidade (1998); Por unha presa de terra (2001); Teoría do caos (2001), complexa e densa novela; O coitelo en novembro (2010), a súa obra máis madura.
- CARLOS GONZÁLEZ REIGOSA. Con libros de relatos como Homes de tras da corda (1982), e novelas como Crime en Compostela (1984) ou Narcos (2001).
- DARÍO XOHÁN CABANA (Roás da Terra Chá, Lugo, 1952). Galván en Saor (1989), novela onde recrea temas artúricos e a mitoloxía popular; libros de relatos: Cándido Branco e o cabaleiro Negro (1992), Vidas senlleiras (1992), Mitos e memorias (2003); dúas novelas de carácter histórico: O cervo na torre (1994) na que presenta unha futura revolución galega, e Morte de rei (1996), novela histórica protagonizada polo último monarca galego (Don García) que desde a cadea onde está morrendo rememora a perda do reino.
4. Terceira promoción
Autores nados nas décadas dos 50 e 60 que, ou ben comezan no mundo da narrativa nos anos 90 ou chega o mellor da súa produción nesa década. Algúns escritores son: Xosé Miranda, Xesús Manuel Valcárcel, Manuel Forcadela, Xelís de Toro, Ramón Caride, Xavier Queipo, Aníbal C. Malvar, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Murado, Xosé Carlos Caneiro, Antón Riveiro Coello e Xurxo Borrazás.
- XOSÉ CARLOS CANEIRO (Verín, 1963). Trátase dun escritor singular con libros de relatos e novelas de gran calidade literaria onde predominan a ironía, a parodia, a intertextualidade e a reflexión metaliteraria. Do conxunto da súa obra destacan as novelas: O infortunio da soidade (1992), Un xogo de apócrifos (1997) e Ébora (2000).
- ANTÓN RIVEIRO COELLO (Xinzo de Limia, 1964). Da súa narrativa cómpre salientar as novelas: A quinta de saler (1999), As rulas de Bakunin (2000), Homónima (2001), Os ollos de K (2007).
5. Autores do novo milenio
Son os narradores máis novos: uns por idade, outros por ter acadado relevancia nos últimos anos. Destacan: Xurxo Souto, Santiago Jaureguizar, Inma López Silva, Diego Ameixeiras, María Reimóndez, Fran Alonso, Xosé Vázquez Pintor, Teresa Moure, Manuel Darriba, Adolfo Caamaño, Manuel Núñez Singala…
- XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR (Melide, 1946). Novelas como A memoria do boi (2001), Mar de bronce (2003) e Para dicir abril (2008).
- TERESA MOURE (Monforte, 1969). A súa novela máis relevante é Herba moura (2005), traducida a varios idiomas.
O Teatro Galego Contemporáneo
En canto á temática, a literatura dramática de compromiso social e político, imperante no franquismo e a transición, deixa paso, a partir de 1980, a novas e máis variadas tendencias ao cambiar a situación política. O teatro crítico tende a abandonar o aspecto político para centrarse no social, frecuentemente con doses de humor. Ao encontrarnos cunha oferta moi diversificada, é difícil atopar unhas liñas que con frecuencia se entrecruzan:
- 1. A crítica e comprometida coa realidade, asentada en conflitos sociais ou individuais: non vai ser un teatro tan directo e combativo como no final do franquismo senón que botará man do humor e a sátira para reflectir diferentes aspectos da nova realidade; serán comedias de enredo, musicais… (Gustavo Pernas, Cándido Pazó, Xesús Pisón, Rubén Ruibal…).
- 2. A irónica.
- 3. A lúdica que ten o seu xénero favorito na comedia (Cadaval, Pazó…).
- 4. A culta: o teatro culturalista caracterízase pola utilización do teatro dentro do teatro (metateatro) e do paralelismo entre a vida e a escena (Fernán-Vello, João Guisán, Quico Cadaval, Luísa Villalta, Henrique Rabunhal ou Lino Braxe).
- 5. A intertextualidade: recréanse textos da dramaturxia universal (Cadaval, Pazó…) e adaptacións de novelas galegas contemporáneas (por ex. O lapis do carpinteiro).
- 6. O teatro histórico que continúa vixente en autores como Millán Picouto, Cándido Pazó ou Xosé Lois García.
O panorama dramático galego a partir de 1978 está protagonizado por dúas novas promocións que algúns dos críticos etiquetan como dos 80 e dos 90. Aínda que se fale de dúas xeracións diferentes, non hai que esquecer a innegable continuidade temática e estilística nos seus escritores que fan posible a convivencia de liñas e autores de promocións diferentes:
A Xeración dos 80 no Teatro
Debido aos cambios producidos no sistema político español a partir de 1976, estes autores (nados na década dos cincuenta) abandonan o teatro de temática social anterior para abordar novos problemas desde perspectivas diferentes. A heteroxeneidade define estes autores que segundo os críticos se caracterizan por:
- O desencanto fronte ás utopías das esquerdas.
- A importancia do individuo, do subxectivismo e do intimismo.
- Presentar nas súas obras unha predominante vocación cultista, materializada nuns textos de alta densidade lírica e de forte contido simbólico.
- A descuberta do mundo cotián e a defensa do espazo urbano.
- A reflexión metateatral.
- A incorporación do humor, o onírico, o irracional e o inconsciente.
- A presenza da parodia.
- O anonimato dos personaxes.
- A preocupación pola forma.
A aposta institucional para a promoción dramática foi:
- Fundación do xa citado Centro Dramático Galego (1984).
- Fundación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Visuais -IGAEM- (1989).
- A creación de circuítos teatrais (Martes Teatrais, Venres Teatrais…) e dos premios Álvaro Cunqueiro (Deputación de A Coruña) e Rafael Dieste (IGAEM).
Algunhas obras e autores desta xeración son:
- João Guisán Seijas (A Coruña, 1957): Crónica dunha amante feia, O vendedor de Janelas; Un canário chamado Frederico (1985), que desenvolve de xeito orixinal o vello tema do triángulo amoroso.
- Miguel Sande: A alba pide comigo vivir (1986), sobre os problemas sentimentais dunha universitaria.
- Roberto Salgueiro: O arce no xardín (1988), peza humorística na que se emprega a parodia.
- Luísa Villalta: Concerto para un home só (1989), un monólogo.
- Alberto Avendaño: Fin de acto (1989), sobre a reconversión ideolóxica da xuventude galega dos anos 60.
- Inma A. Souto (A Coruña, 1968): Era nova e sabia a malvaísco (1990) un diálogo existencial entre unha actriz que regresa á súa cidade tras unha longa ausencia e un camareiro do bar da estación do tren que lle vai arrincando confesións; A ciencia dos anxos (2003).
- Manuel Guede (Venezuela, 1956): Ocaso Otero (2006) no que a protagonista é A bela Otero que se sincera nos derradeiros días de vida.
- Xesús Pisón (Ferreira de Valadouro, 1954). Comeza creando farsas de carácter satírico e esperpéntico, aínda que as pezas máis actuais céntranse nas relacións humanas. Algunhas obras son: O pacto (1983), texto de índole tremendista; O rei aborrecido (1984); Ei, Felmüble! Fantasía do Valadouro con vampiros (1991); Crisálidas (2000); Tatuaxes (2002).
- Miguel Anxo Fernán-Vello (Cospeito, Lugo, 1958). Representante do teatro culturalista, escribe sobre temas relacionados coa condición humana (o amor, a soidade…) e ofrece unha particular recreación da realidade. Algunhas pezas importantes son: A tertulia das máscaras (1981), obra de carácter simbólico; Cuarteto para unha noite de verán (1989) e A casa dos afogados (1990).
A Xeración dos 90 no Teatro
A diferenza da promoción anterior, na que hai unha maior presenza dos autores ocasionais, esta nova promoción de dramaturgos (nados na década dos 60) vai manter unha traxectoria máis continuada. Nos anos 90 o teatro galego caracterízase por:
- Confírmase nesta década o compromiso profesional co teatro galego, cada vez máis favorecido polas axudas á normalización que emprenden as institucións galegas. Trátase dunha profesionalización teatral (compañías e actores/actrices) e o incremento do número de creadores, con cuxa dedicación se consegue a diversificación de espectáculos que incorporan, agora, teatro infantil, de títeres e de mimo…
- Continuidade e consolidación de autores de promocións anteriores.
- Presenza doutros autores máis novos, que a través dunha interesante traxectoria profesional, se preocupan por crear obras literarias de fácil presentación e cunha menor carga simbólica ca da xeración anterior.
- Creación de novos premios, que favorecen a difusión do teatro e a consolidación de compañías estables: O Premio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega (o principal elemento aglutinador a través do cal se van dando a coñecer os novos dramaturgos desta xeración).
Trazos xerais:
- Menor carga simbólica.
- Coidado na estrutura da peza (preocupación pola forma).
- Redescuberta da comedia como modelo xenérico.
- Converxencia entre literatura dramática e espectáculo.
- O neorruralismo e a intertextualidade (iniciados polo Grupo Abrente).
- Primacía do carácter lúdico sobre o transcendental.
- Cultivo da comedia e do teatro histórico.
- Conversión de textos narrativos en textos escénicos: A esmorga ou O lapis do carpinteiro.
- Exploración de novos subxéneros e estéticas, como na narrativa.
Tamén publican obras teatrais autores que habitualmente están dedicados a outros xéneros literarios, é o caso de Suso de Toro con Unha rosa é unha rosa (1997). Destacan neste período os seguintes autores e obras:
- Quico Cadaval (Ribeira, 1960), actor, autor, director e renovador do xénero ata a actualidade. Códice clandestino (1990), onde cuestiona sarcasticamente a orde mundial capitalista; O rouxinhol da Bretaña (1991).
- Andrés Vila e Xosé Cid Cabido: Copenhague (1993), fálase do propio teatro.
- Lino Braxe: A actriz (1993), onde se fala do propio teatro.
- Cándido Pazó (Vigo, 1960). Autor, director de escena, actor de diversas compañías, contacontos, é un autodidacta do teatro e escribiu, entre outras, Commedia, un xoguete para Goldoni (1993); O rei nu (1995); Raíñas de pedra (1995) que é unha lenda medieval; O bululú do linier (1999); Ñiquiñaque (2000) son dous actores que andan á procura do triunfo profesional; Binomio de Newton (2002) un rapaz que está a piques de suicidarse e un adulto que intenta impedilo; García (2007) o protagonista reflexiona sobre o exercicio do poder; A piragua (2008), a problemática da violencia de xénero; As do peixe (2014), catro mulleres traballadoras da conserva.
- Raúl Dans (A Coruña, 1964). Water-look (1990); Matalobos (1993), traxedia rural e violenta sobre os problemas da terra; Lugar (1993); Derrota (1996); Estrema (1998) e Mantis (2000).
- Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965). Algunhas obras son recreacións de vellos argumentos, como A gran noite de Fiz (1994), adaptación do argumento dunha obra de Maquiavelo; e Historias peregrinas (1995).
- Teresa González Costa (O Grove, 1975): Sempre quixen bailar un tango (2008), reflexiona sobre a incomunicación, as falsas necesidades.
- Rubén Ruibal Armesto (Ribadeo, 1970): Limpeza de sangue (2016), crítica á sociedade actual; Nunca durmo, diálogo de dúas mozas lesbianas sentadas na cama vendo a TV; Trafic: arroz mubi (2004); Triunfadores! (2005); Delimvois e Cambios de destino (2009).
- Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959): O galego, a mulata e o negro (1990); Sucesos (2004), sobre o sexismo e a xenofobia; Medidas preventivas (2006), humor negro.
- Ana Vallés (Ferrol, 1959): Andante (1991); Café acústico (1992); Deriva (1993); Negro é negro (1996); Zepelin nº 7 (1997); Teatro para camaleóns (1998); Acto seguido (2004); Illa Reunión (2006); Cerrado por aburrimento (2009).