Panorama da Literatura Galega: 1936-1975
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 22,67 KB
A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais. En Galicia desde 1936 non se publica un libro de poemas ata 1947, Cómaros verdes. No 1949 sae a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro. Podemos falar de tres xeracións poéticas que publican ao mesmo tempo: Xeración do 36. Poetas nados entre 1910-20; a guerra civil cólleos na súa xuventude. Poetas de culturas e estilos moi diferentes: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, María Mariño etc. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea: Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás... Poetas das "Festas Minervais", nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, Méndez Ferrín... existe unha conciencia de grupo, participan nas Festas Minervais universitarias. Estes autores seguen as tendencias anteriores: hilozoísmo, neotrobadorismo... logo irán aparecendo formas novas como o intimismo ou o clasicismo. Destaca a Escola da tebra. A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista.
Celso Emilio Ferreiro. Liñas: * Intimista, influenciada polo existencialismo. Escribiu tamén poemas amorosos para Moraima. * Satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais. * Socialrealista, cunha linguaxe coloquial e directa. Longa noite de pedra (1962) é unha das obras máis reeditadas da nosa literatura. Uxío Novoneyra. A súa poesía é paisaxística e moi persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Hai tamén preocupación social e política. Xosé Luís Méndez Ferrín. Con pólvora e magnolias (1976) supón un camiño novo na literatura galega, achegando novos temas unha nova linguaxe poética. Combina a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo intimista e o luxo estético –as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... Manuel María. Autor de moitas obras e poemas musicados na segunda metade do século XX. Temas: o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua
A prosa entre 1936 e 1975: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas). A produción narrativa en galego interrompeuse en 1936 pola guerra e posterior ditadura. Continuará no exilio americano e en Galicia recuperarase paulatinamente a produción literaria a partir dos anos 50, sobre todo grazas á fundación da Editorial Galaxia, que reivindica o galego como lingua de cultura. A primeira novela de posguerra aparece en 1951: A xente da Barreira de Carballo Calero. Desde ese momento prodúcese unha renovación da prosa, con diferentes liñas narrativas: o realismo popular característico de Fole, o realismo fantástico presente na narrativa de Cunqueiro, o realismo social mostrado na obra de Blanco Amor, ou a narrativa de Neira Vilas. A narrativa de Ánxel Fole caracterízase polo emprego da lingua oral dialectal, do conto de tradición oral e do realismo popular con elementos fantásticos. É autor de catro libros de contos: Á lus do candil e Terra brava, ambientados na Galicia rural, máxica e misteriosa da montaña luguesa; Contos da néboa e Historias que ninguén cre presentan temas de medo e misterio nunha ambientación urbana. A obra de ficción en galego de Álvaro Cunqueiro presenta a adaptación de xéneros da literatura universal e unha mestura entre realidade e fantasía É autor de tres novelas: Merlín e familia, onde sitúa a figura do mago Merlín nun tempo presente e nun escenario galego, onde chegan personaxes que solicitan axuda; As crónicas do Sochantre, narra a viaxe nunha carroza dun músico e varios personaxes que contan as súas historias; Si o vello Sinbad volvese ás illas, recupera o personaxe do mariño, retirado, que soña con volver ao mar. Nos seus libros de relatos retrata personaxes populares tocados polo extraordinario. Eduardo Blanco Amor presenta na súa narrativa unha serie de características: localización espazo-temporal en Auriabnas dúas primeiras décadas do século XX; a preferencia por un narrador en 1ª persoa; e un interese por facer literatura realista. Estes trazos aparecen no seu libro de relatos Os biosbardos e nas súas novelas: Aesmorga, que presenta un carácter renovador na modalización narrativa e desenvolve a historia duns personaxes marxinais nos suburbios que rodean a cidade; e Xente ao lonxe, que conta a historia dunha familia proletaria e ao tempo ofrece unha crónica da sociedade da época. A obra narrativa de Xosé Neira Vilas pode agruparse en cinco núcleos baseados nas características técnicas e temáticas: 1º, obras que xiran arredor da vivencia infantil e o mundo da aldea: Memorias dun neno labrego; 2º, narracións en que o mundo rural é observado desde a perspectiva dun adulto, como Xente no rodicio; 3º, obras centradas no mundo da emigración: Camiño bretemoso; 4º, narracións ambientadas no mundo urbano: relatos de Un home de pau; 5º, coleccións de relatos breves como Lar.
Tema 7.- A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.
A Nova Narrativa Galega (NNG) está constituída por un conxunto de obras editadas entre 1956, ano en que se publica Memorias de Tains, de Gonzalo Rodríguez Mourullo e 1980, ano da publicación de Cara a Times Square, novela de Camilo Gonsar que pon fin ao mo vemento. As novelas e relatos da NNG presentan, en conxunto, os seguintes trazos: Fuxida da localización concreta dos espazos. Preferencia por ambientes urbanos periféricos e por espazos claustrofóbicos, sórdidos ou enigmáticos. Fusión inquietante de realidade e fantasía. Redución ao máximo do tempo que vai ser narrado rexéitase a cronoloxía lineal e dáse entrada á cronoloxía vital. Contestación da idea de argumento e negación da acción. Esixencia dun lector competente e activo, disposto a afrontar todo tipo de dificultades técnicas e temáticas. As obras énchense de contidos filosóficos e simbólicos. Pluralidade de voces narrativas. Focalización ás veces obxectualista e abundante emprego da técnica do monólogo interior . O narrador limítase a contar o que observa, a ocultarse detrás dos personaxes ou a se converter el propio en tal, adoptando un ton autobiográfico que leva ao uso da primeira persoa. Tratamento intensivo do tema do absurdo existencial. Esta narrativa manexa personaxes antiheroicas e problemáticas, sumidas en situacións patolóxicas, desprovistas de humanidade e sentimentos. Presenza reiterada da violencia, da agresividade e da tensión nas relacións humanas. Práctica da intertextualidade, con abundantes referencias literarias e culturais, influxos doutras artes como o cinema, a pintura e o cómic etc. A NNG supón a asimilación consciente dunha serie de técnicas, temas e procesos fondamente renovadores utilizados na narrativa universal do século XX. Canto aos autores, encádranse na NNG os narradores da Xeración dos 50 como: Gonzalo Rodríguez Mourullo, autor de dúas obras de relatos: Nasce un árbore e Memorias de Tains. Camilo González Suárez-Llanos, autor de obras como Lonxe de nós e dentro, Como calquer outro día e Cara a Times Square. Xosé Luís Méndez Ferrín contribuíu á NNG cos libros de relatos Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas e a novela Arrabaldo do norte. María Xosé Queizán con A orella no buraco. Xoana Torres con Adiós, María, son tamén escritoras relevantes deste movemento. Carlos Casares con Vento ferido, Cambio en tres e Xoguetes pra un tempo prohibido.
Tema 8.- O teatro galego entre 1936 e 1975: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
O resultado da guerra de 1936 orixinou un prolongado silencio editorial e literario que non comezou a superarse ata os comezos dos anos 50. O xénero teatral non foi unha excepción e esta penuria foi dalgún xeito compensada co labor feito polos autores galegos exiliados en América. En Galicia, a posta en marcha da editorial Galaxia significará un pulo decisivo no proceso de recuperación do teatro galego. Na década dos 50 Otero Pedrayo publica O desengano do prioiro e Jenaro Marinhas a farsa A serpe. Esta lenta recuperación vai consolidarse coa publicación e estrea de O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) de Álvaro Cunqueiro. Os autores da chamada Xeración dos 50 adicáronse ao cultivo do teatro nun contexto histórico e cultural en que a estrea das súas obras se fixo practicamente imposible, polo que ficaron na maior parte inéditas ou no mellor dos casos como “teatro para ler”. Dramaturgos destacados desta xeración son: Manuel María, autor dunha copiosa obra teatral composta por textos infantís, autos, farsas e dramas épicos; a fins da década dos sesenta, crea un teatro popular, reivindicativo e propagandístico. Xohana Torres, autora de obras como A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río. Bernardino Graña, escritor de pezas teatrais que presentan unha visión crítica sobre o poder do diñeiro e sobre a vida alienada do ser moderno, entre as que destaca Os burros que comen ouro. Outros autores foron Xosé Luís Franco Grande e Arcadio López Casanova. En 1973 ten lugar a I Mostra de Teatro de Ribadavia, convocada pola Agrupación Cultural Abrente. Arredor destas mostras, celebradas ata 1980, aparece o Grupo Abrente ou Grupo de Ribadavia, un conxunto de dramaturgos galegos que exploraron novas tendencias e mantiveron unha concepción profesional do teatro galego. Formaron parte deste grupo autores como: Manuel Lourenzo, a súa dramaturxia pode dividirse en varios ciclos temáticos: ciclo mítico, o das mulleres apaixonadas, o mitolóxico galego, o do teatro por dentro, o ciclo experimental e o das corruptelas sociais. Algunhas das súas obras son A paixón de Brenda Moore, Veladas indecentes e As dunas. Euloxio R. Ruibal conxuga nas súas primeiras obras as tendencias europeas da época coa tradición galega e o compromiso social e político. En obras posteriores (Labirinto da memoria) retrata a sociedade galega contemporánea e reflexiona sobre a condición humana. Roberto Vidal Bolaño ten unha estética innovadora, pois combina elementos da cultura teatral popular galega, da dramaturxia de vangarda e da linguaxe cinematográfica. Entre as súas obras pódense destacar Laudamuco, señor de ningures, Agasallo de sombras, Saxo Tenor ou Días sen gloria.
Tema 9. A literatura do exilio entre 1936 e 1975: poesía, prosa e teatro.
Como consecuencia da Guerra Civil moitos galegos, entre eles escritores, artistas e intelectuais víronse obrigados a marchar ao exilio. Os países de América, principalmente Arxentina, Uruguai e México, acolleron o maior grupo. Alí coincidiron con outros que xa estaban establecidos antes. Isto axudou a dinamizar a vida da comunidade galega e creou o clima apropiado para a continuidade do galego como lingua escrita a través dei niciativas culturais como: a organización de actos; a fundación de editoriais; a edición de xornais e programas radiofónicos; ou a creación de compañías teatrais. Poesía. Trátanse temas de denuncia social, o drama dos emigrantes e exiliados galegos, ou a reivindicación da dignidade e mais do pasado histórico de Galicia. Entre os principais poetas cómpre citar a: Luís Seoane autor de obras cunha temática preferentemente social e cun dominio do verso longo. Lorenzo Varela, desenvolve temas como as vivencias tráxicas da guerra, a reivindicación de figuras emblemáticas da Galicia medieval e a saudade da terra dos seus antergos. Emilio Pita , trata temáticas como a denuncia da situación dos emigrantes, as vivencias persoais e a lembranza da paisaxe galega. Outros poetas son Blanco Amor , Florencio Delgado Gurriarán ou Ernesto Guerra da Cal. Prosa . Na narrativa hai unha preferencia pola temática da Guerra Civil. Os autores máis destacados foron: Ramón de Valenzuela publicou Non agardei por ninguén, novela que recrea experiencias vividas durante a guerra; Era tempo de apandar e o libro de relatos O naranxo. Silvio Santiago escribiu dúas novelas: Vilardevós, sobre a súa infancia na aldea natal, e O silencio redimido, que trata as vivencias durante a guerra, a detención e posterior fuxida. No ensaio moitos autores continuaron o labor do Grupo Nós e do Seminario de Estudos Galegos. Cómpre citar a Castelao, Alonso Ríos, Núñez Búa, Lois Tobío... Teatro. Conviven dúas propostas: Unha de tipo culto, con técnicas e temas de carácter innovador, representada por autores como Blanco Amor; Castelao, que estreou en Bos Aires Os vellos non deben de namorarse, peza que presenta tres versións do vello namorado dunha moza e a imposibilidade deses amores; ou Luís Seoane, autor de A soldadeira, de temática histórica sobre a primeira revolta irmandiña, Esquema de farsa e O irlandés astrólogo, sobre o conflito entre o poder e a liberdade do individuo. Outra proposta de tipo máis popular e costumista, representada por dramaturgos como Manuel Varela Buxán, escritor de pezas teatrais costumistas e humorísticas como Se o sei... non volvo á casa.
Literatura. Tema 11. A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.
Nos anos 80 do século pasado aparecen novas publicacións en galego e novas editoriais. Os
escritores evolucionan desde unha narrativa de preocupacións sociais e realistas a combinacións máis complexas dentro dun experimentalismo formal. Ademais das tendencias que xorden nestes anos, destaca a obra de autores que seguen publicando novelas e relatos, como Xosé Luís Méndez Ferrín e Carlos Casares. A narrativa dos 80. Temas e autores. Na década dos 80 a narrativa experimentará un incremento de obras publicadas; aparecen diversas tendencias e liñas temáticas; préstase especial atención á literatura xuvenil, coa aparición de diversos autores e obras como Agustín Fernández Paz (As flores radioactivas) ou Xabier Docampo. Nos temas e xéneros, obsérvase unha continuidade de modalidades máis clásicas xunto a outras máis novidosas e comerciais. Así, destacan: a Narrativa histórica: O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes, ou Xa vai o griffón no vento, de Alfredo Conde. O relato policial: Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, que será o punto de partida da literatura policial. Narrativa memorialista: A nosa cinza, de Xavier Alcalá. Narrativa experimental: representada principalmente por Suso de Toro, con obras como Polaroid. A narrativa dos 90. Temas e autores. Seguen tendo moito vigor algúns dos xéneros precedentes e aparecen outros novos. De entre as diferentes tendencias que se observan na narrativa dos anos 90, cómpre citar: Persistencia da novela histórica: Galván en Saor de Darío Xohán Cabana. Consolidación da novela policial: Un home que xaceu aquí de Anibal C. Malvar. Narrativa neocostumista: representada por Manuel Rivas, con obras como Os comedores de patacas; Que me queres, amor? ou O lapis do carpinteiro. A narrativa a comezos do XXI. Baixo esta denominación faise referencia aos narradores máis novos, ben por idade ou ben por ter acadado a súa obra maior relevancia nos últimos anos. Consolídanse as tendencias das décadas anteriores ao carón de novas vías temáticas. Especial relevancia nos últimos anos tivo a chamada “literatura de muller”. Un marcado protagonismo feminino ou a reivindicación de figuras femininas son algúns dos trazos comúns destas obras. Destacan Teresa Moure , Rosa Aneiros (Resistencia) ou María Reimóndez (O club da calceta). O ensaio . Este xénero rexorde nos anos oitenta con certa vitalidade. Maniféstase en novas revistas como Encrucillada, ou Luzes de Galiza. O campo ensaístico é diverso, pero pódense establecer algunhas liñas temáticas como o ensaio histórico, económico, xurídico, pedagóxico, lingüístico ou filosófico.
Literatura. Tema 12. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.
A partir de 1978 prodúcese unha recuperación das actividades teatrais e a aparición de compañías profesionais. A Mostra de Teatro de Ribadavia vai prolongarse ata os 80 e comezan a xurdir noutros lugares mostras e xornadas de teatro. Póñense en marcha coleccións e publicacións, como O teatro galego de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado. O teatro dos 80. Nste período aparecen novas compañías como Sarabela Teatro, Teatro do Morcego, Teatro do Atlántico, Chévere Créase o Centro Dramático Galego (1984) e o IGAEM. Comezan a funcionar os primeiros circuítos teatrais. Ponse en marcha A Biblioteca do Arlequín. Consolídase a Revista Galega de Teatro. Establécense premios de teatro e xorden os primeiros locais estables de representacións teatrais, como a Sala Luís Seoane da Coruña. Entre os dramaturgos destes anos destacan, entre outros, Manuel Guede, João Guisán Seixas (O vendedor de Janelas), Xesús Pisón e Inma Antonio Souto. O teatro dos 90. Prodúcese unha consolidación do sistema teatral, que se manifesta en acontecementos como: O nacemento de numerosas compañías: Factoría Teatro, Ollomoltranvía, Os Quinquilláns, Mofa e Befa ou Talía, e outras de teatro experimental como D2. A posta en funcionamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e da Escola Superior de Arte Dramática en Vigo. A celebración en distintas localidades de Festivais e Mostras de Teatro. A apertura de salas privadas estables, como a Sala NASA ou a Galán. As edicións de textos e revistas relacionadas co teatro galego; e a convocatoria de novos certames. Entre os autores destes anos cómpre citar, entre outros, a Quico Cadaval, autor de obras como Códice clandestino; a Cándido Pazó; a Raúl Dans; a Roberto Salgueiro ou a Ana Vallés. O teatro a comezos do XXI. As principais tendencias do teatro galego actual son: a crítica, a experimental, a irónica, a lúdica e a culta. Estas soen presentarse mesturadas: o teatro comprometido entrecrúzase co humor e coa sátira para retratar a realidade e nos dramas pode darse unha visión crítica. Destaca a tendencia culturalista, que se centra no “teatro dentro do teatro”; o neorruralismo e a intertextualidade (recreación de grandes textos da dramaturxia; a comedia; o teatro histórico; e as propostas experimentalistas.
Estereotipos e prexuízos lingüísticos: a súa repercusión nos usos.
A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante. O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística, ou pode que non.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro Se non existisen estes prexuízos poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos.