Panorama da Dramaturxia Galega: Correntes, Autores e Obras Esenciais

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,84 KB

O Teatro Galego como Instrumento Nacionalista e Cultural

O teatro converteuse nun instrumento ideal para espallar o ideario nacionalista. A intención propagandística comporta a busca dunha nova temática acorde con ela.

Temáticas e Obxectivos da Dramaturxia Nacionalista

  • A recreación de episodios singulares da nosa historia.
  • A reivindicación social (coa emigración como centro dos males do país).
  • A recuperación cultural (a dignificación da lingua e da cultura popular).

Nun intento de normalizar e universalizar a nosa dramaturxia, aparecen diversos xéneros:

  • O drama simbolista.
  • O teatro cómico e infantil.
  • A comedia burguesa.
  • Mesmo a ópera.

Algúns dos principais dramaturgos do momento foron Manuel Lugrís Freire, Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.

As Vangardas no Teatro Galego

Nomeamos así o teatro dun grupo de autores que, sen formar parte da Xeración Nós, comparten con eles a concepción do teatro como unha «arte total», á vez que asumían as tendencias das vangardas europeas do momento e a influencia doutros dramaturgos relevantes. Entre estes dramaturgos están Rafael Dieste, Álvaro de las Casas ou Xaime Quintanilla.

Rafael Dieste e A fiestra valdeira

A principal peza teatral de Dieste é A fiestra valdeira. Trátase dunha comedia que ten de protagonista a don Miguel, un indiano rico que fora mariñeiro. O conflito xorde polo encargo dun retrato para don Miguel, que inicialmente o representará cunha escena mariñeira de fondo. A súa aceptación ou transformación representa a tensión entre as dúas posturas ante a identidade galega: asumila como propia e diferenciada ou renegar dela por considerala marxinal.

O Teatro do Grupo Nós: Renovación e Simbolismo

Os membros do Grupo Nós contribuíron tamén significativamente á actualización do noso teatro. As súas achegas clave inclúen:

  • Desvincular o teatro da función propagandística.
  • Depurar elementos costumistas e realistas en favor dos poéticos e simbólicos.
  • Incorporar tendencias da dramaturxia europea (o teatro é un espectáculo total: síntese de palabra, música, danza, pintura...).

Vicente Risco e O bufón de El-Rei

Vicente Risco é autor dunha única obra dramática, O bufón de El-Rei, fortemente marcada polo simbolismo. Trátase dun drama situado nunha corte medieval de tipo artúrico. O protagonista, un bufón, é un ser deforme, envexoso e intrigante. A través del, Risco cuestiona a relación entre a deformidade física e a deformidade moral (reflexión presente tamén en O porco de pé a través da figura de don Celidonio).

Ramón Otero Pedrayo e a Recreación de Ambientes

Ramón Otero Pedrayo non ten o obxectivo de presentar acontecementos, senón, máis ben, de recrear ambientes, espazos, personaxes... A lagarada, a súa principal obra, contén elementos de tipo simbolista (como a inclusión do universo mítico tradicional, o xogo coas sombras).

Castelao e o Teatro de Arte

Castelao sente predilección polas tendencias dramáticas da Europa do momento, o Teatro de Arte, caracterizado por:

  • Orixinalidade.
  • Espírito popular.
  • Estilización escenográfica.
  • Síntese de múltiplas artes.

Comezou a escribir a súa única peza dramática, Os vellos non deben de namorarse, antes da Guerra Civil, pero non puido estreala ata 1941, no exilio arxentino. Concibida como un espectáculo integral, componse de tres lances que presentan tres versións do tópico drama do vello namorado dunha rapaza nova e, nos tres casos, remata coa morte do protagonista.

Entradas relacionadas: