Paisaxes Agrarias da Península Ibérica e Canarias: Usos do Solo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,44 KB
A paisaxe agraria do interior peninsular
A estrutura agraria vén caracterizada por un poboamento concentrado en vilas, de pequeno e gran tamaño (val do Douro e do Ebro, e metade sur da península, respectivamente). Existen amplas zonas despoboadas por mor da emigración interior, principalmente.
O sistema de propiedade da terra é variado, predominando o minifundio no val do Douro e nas zonas de secaño do Ebro, e as grandes propiedades no resto. Os usos do solo son variados:
- Agricultura: Ocupa preto da metade da superficie, repartíndose entre cultivos extensivos de secaño (Meseta e val do Ebro): cereais (cebada, trigo, avea, etc., complementados co xirasol e leguminosas en réxime de medio barbeito), oliveiras e vide; e cultivos intensivos de regadío (A Rioxa, Navarra, zonas do val do Ebro): plantas industriais (remolacha azucreira, lúpulo e tabaco), forraxes para o gando (alfalfa, millo), froitas e hortalizas.
- Gandería: A ovina predomina nas terras de secaño, téndose incrementado ultimamente a bovina (para produción de leite) e a porcina. Nas provincias limítrofes con Portugal, domina a devesa, unha gran explotación agropecuaria destinada a usos diversos: agricultura, alimentación de gando porcino e vacún, explotación forestal e caza.
- Explotación forestal: Non ten moito relevo, aínda que está aumentando.
A paisaxe agraria mediterránea
A estrutura agraria vén definida por unha poboación numerosa, tradicionalmente dispersa, que actualmente tende a concentrarse en núcleos urbanos. A propiedade da terra está moi dividida nas zonas de regadío; nas de secaño depende da zona: grandes propiedades en Andalucía oriental, medianas en Cataluña e pequenas e medianas en Valencia. Os usos do solo son diversos:
- Agricultura: Presenta unha clara diferenciación entre os cultivos de regadío e de secaño. Entre os primeiros destacan a horticultura (ao aire libre ou en invernadoiros) e a fruticultura (cítricos, froitas de óso e pebida, froitas tropicais); unha porcentaxe importante destes produtos adícase á exportación. Entre os de secaño destacan os cereais, a vide, a oliveira e a amendoeira.
- Gandería: É variada: bovina e porcina en Cataluña, reses bravas no val do Guadalquivir, e ovinos e caprinos nas terras de secaño.
- Explotación forestal: A máis destacada localízase en Cataluña.
A paisaxe agraria de Canarias
A estrutura agraria caracterízase por un poboamento relativamente concentrado en aldeas e pequenas vilas, habitadas por unha poboación rural en retroceso, debido á atracción do sector terciario (turismo). A propiedade agraria amosa importantes contrastes entre as pequenas propiedades das zonas medias e altas e as grandes explotacións dos regadíos costeiros.
- Agricultura: É limitada, pois a superficie cultivada é reducida. Nas áreas litorais de regadío predomina o monocultivo adicado á exportación (plátano, tomate, pataca temperá), os cultivos de invernadoiro (pementos, flores, cogombros), e as plantacións tropicais (papaia, mango, piña, aguacate). Nas zonas medias e altas do interior dáse unha agricultura tradicional de secaño de autoconsumo (vide, pataca e trigo, este último en clara regresión).
- Gandería e explotación forestal: Son escasas.