Os musulmáns na Península Ibérica: etapas políticas e realidade socioeconómica

Francés4,74 KB

Os musulmáns na Península Ibérica (etapas políticas e realidade socioeconómica)

A presenza musulmá en Hispania estivo comprendida entre os anos 711 (batalla de Guadalete) e o 1492 (conquista de Granada polos Reis Católicos). Nun primeiro momento produciuse unha ocupación militar rápida da península, debido á división interna da nobreza visigoda: Tariq e Musa encabezan un exército árabe e bereber que derrota a Rodrigo e ocupa gran parte de Hispania, así como polos pactos de capitulación aos que chegan con esa nobreza. Consolídanse as fronteiras no val do Ebro e na liña do Douro, e as terras conquistadas pasan a formar parte do Califato Omeya de Damasco, algo que non obstante non durará moito tempo. No 756, Abd al-Rahmán I, omeya fuxido, gobernará o emirato de Córdoba e declarará a independencia política respecto dos abasíes, os novos dominadores do poder musulmán en Bagdad.

No seo interno do poder musulmán houbo unha forte inestabilidade pola diversidade étnica, relixiosa e económica dos novos ocupantes da Península, polo reparto de terras e pola fragmentación territorial do poder, frecuentemente controlado por familias nobres. No ano 929, Abd al-Rahmán III creará o Califato de Córdoba, consumando a división do mundo musulmán. Iníciase con el o período de esplendor económico e cultural, coa racionalización da xestión política e a islamización de Al Andalus.

No ano 1031 culmina o proceso de descrédito da institución califal e as tensións entre os distintos grupos étnicos, dando paso a un proceso de fragmentación política que rematará na aparición dos reinos de taifas e favorecerá o avance dos reinos cristiáns. Os reinos de taifas pagaban parias (un tributo anual) aos reinos cristiáns para conseguir a súa protección.

A caída de Toledo en mans de Alfonso VI, en 1085, provocou a chegada dos almorávides1, chamados en auxilio polos reinos de taifas. Isto freou o avance cristián ata 1145, ano no que se producen novos conflitos internos no seo do imperio almorávide, que, agravados polo seu rigorismo relixioso, poñen fin a esta etapa. Aparece entón un novo período de fragmentación no mundo musulmán ata a chegada dos almohades2, que vencen a Alfonso VIII na batalla de Alarcos, en 1195. Este dominio almohade, sustentado sobre o dominio militar e sen moito apoio popular, será contrarrestado pola acción das ordes militares de Calatrava, Santiago e Alcántara. Derrotado na batalla das Navas de Tolosa (1212), o mundo musulmán volve fragmentarse en taifas, o que favorecerá o avance dos reinos cristiáns, quedando unicamente o reino nazarí de Granada ata 1492, ano en que caerá baixo o dominio dos Reis Católicos.

A sociedade no mundo musulmán

A sociedade no mundo musulmán era moi variada desde o punto de vista étnico. Estaba formada por árabes, bérberes, muladís, xudeus e mozárabes. A falta de cohesión social e o predominio dos lazos tribais foron motivo de frecuentes conflitos internos. O poder e o respecto cara á figura do emir ou do califa dependían da súa personalidade e carisma, o que derivou en momentos de fortaleza do poder central e outros de conxuras pacegas que facilitaban as tendencias centrífugas (os Banu Qasi en Zaragoza).

Había notables diferenzas sociais e económicas dentro dos grupos. A nobreza, de orixe árabe, dominaba os altos cargos da administración e era dona de grandes propiedades; as clases populares (campesiños, comerciantes, artesáns) habitaban as cidades e o campo; e, finalmente, os escravos formaban parte do servizo doméstico das grandes casas e do exército. Precisamente o exército era unha das bases do poder musulmán. Servía para manter a orde interna e defender o territorio nas fronteiras, e estaba formado por mercenarios e escravos de orixe bérber e eslava.

Economía e cidades

Todo o sistema administrativo xerarquizado descansaba sobre unha hábil política fiscal que permitía dispoñer de abundantes recursos, recadados a través de impostos de carácter territorial e persoal. O mundo musulmán recupera o pulso da vida urbana das cidades hispanorromanas (Córdoba foi a principal cidade do Occidente no s. X) e funda novas cidades de carácter estratéxico (Almería, Calatayud, Tudela, Madrid...). As cidades son o escenario dunha potente vida artesanal e comercial.

O sector agrícola saíu enriquecido polos cultivos de rega e as novas técnicas que crearon unha agricultura moi rica e variada (cana de azucre, arroz, produtos de horta, cítricos, etc.). Todo este sistema estaba fortalecido por unha abundante emisión de moeda de ouro (dinar) e de prata (dirhem).

Descargar

PDF Word HTML