Orixes do Imperialismo Europeo no Século XIX

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,14 KB

As Orixes do Imperialismo Europeo

Que é o imperialismo?

O termo imperialismo implica a extensión do dominio dun país sobre outro. O país que conquista é a metrópole e os territorios conquistados son as colonias.

O imperialismo non era un fenómeno novo: xa na antigüidade houbo grandes imperios. Nos séculos XVI e XVII, España e Portugal foron os imperios máis importantes. A expansión imperialista do século XIX tivo novos protagonistas: Gran Bretaña e Francia foron as principais potencias coloniais, pero tamén crearon imperios outros países europeos (Italia, Alemaña e Bélxica) e extraeuropeos (EEUU e Xapón). Pola contra, España perdeu as súas colonias en Iberoamérica e no Pacífico.

A expansión do XIX foi rápida e total. Podíase dicir que Europa era a dona do mundo. A rapidez da conquista explícase pola superioridade militar dos países colonizadores.

As grandes potencias expandíronse por motivos de diversa índole.

Os factores económicos

Os factores económicos tiveron moita importancia. Ante o aumento da produción derivado das revolucións industriais, as colonias convertéronse en mercados onde non había que pagar tributos aduaneiros. Tamén eran espazos onde investir o capital, mediante a construción ou mellora de obras públicas, como ferrocarrís e portos. Así mesmo, colonizábanse os territorios que ofrecían materias primas baratas para a industria da metrópole.

Os factores políticos

As potencias conquistaron algúns lugares que eran estratéxicos para controlar rutas marítimas e terrestres importantes. A expansión territorial tamén servía para aumentar o prestixio dun país no mundo e fortalecer o orgullo nacional entre os seus habitantes.

Os factores demográficos

Nos países occidentais a poboación creceu intensamente no século XIX. Millóns de europeos emigraron ás colonias. Isto minorou o paro e o malestar nas metrópoles. Por iso, moitos gobernos animaban e controlaban as emigracións.

Os factores ideolóxicos

Non se pode entender a intensidade do imperialismo en Occidente sen ter en conta a forza que tiñan as ideoloxías racistas. Os occidentais estaban convencidos de que a raza branca era superior e de que isto lles daba dereito a dominar a outros pobos, aos que consideraban atrasados e inferiores. Por iso pensaban que tiñan a misión de civilizar os demais pobos. O ideal de civilizar uns pobos que consideraban atrasados e de convertelos ao cristianismo impulsou tamén a expansión colonial. Fundáronse centenares de misións en África, Asia e Oceanía.

Outra idea que impulsou as conquistas foi a curiosidade científica. A partir de 1870, en Gran Bretaña, Francia, EEUU e Alemaña creáronse sociedades xeográficas que se lanzaron a realizar expedicións científicas por todo o planeta. Unha vez explorado un territorio, o país que organizara a expedición tiña o dereito de conquistalo e explotalo.

Por todo isto, podemos dicir que os emigrantes, os exploradores e os misioneiros foron os vehículos que transmitiron a civilización europea fóra das súas fronteiras.

Entradas relacionadas: