Orixes do Movemento Obreiro e a Configuración do Sindicalismo (1820-1840)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,18 KB
O Nacemento dos Sindicatos Obreiros
A partir de 1820-1830, os traballadores comprenderon que o novo sistema fabril chegara para quedar, e que non mellorarían as súas condicións de vida e de traballo destruíndo as máquinas (ludismo). Animados polas novas ideas socialistas, foron creando organizacións para defender os seus dereitos e formular alternativas ao capitalismo industrial.
O primeiro tipo de organización obreira foron as Sociedades ou Asociacións de Socorros Mutuos, en ocasións clandestinas. Tiñan a súa orixe en antigas formas de protección dos artesáns e axudaban o traballador ou a súa familia en caso de enfermidade, paro, defunción, etc. Organizaron as primeiras folgas grazas ao cobramento de cotas aos seus membros, o que lles permitía crear caixas de resistencia.
Posteriormente, en Gran Bretaña, cando se derrogaron as leis antiasociativas (1825), principiou a configurarse o sindicalismo contemporáneo. Os obreiros agrupáronse en organizacións de oficios, as Trade Unions, entre as que salienta o Gran Sindicato Xeral de Fiadores (1829), encabezado por John Doherty.
En 1834, baixo a dirección de Robert Owen, produciuse a unión dos diversos sindicatos de oficio, e constituíuse a Great Trade Union, que chegou a ter máis de medio millón de traballadores afiliados. Na década de 1840 espallouse o sindicalismo: en Francia creouse a Unión Obreira (1843) e en España o primeiro sindicato foi a Asociación de Teceláns de Barcelona (1840).
O Cartismo: Un Proxecto Político do Movemento Obreiro
Durante o proceso das revolucións liberais, os obreiros secundaran as propostas das correntes radicais, demócratas e republicanas. Foi en Gran Bretaña onde, por primeira vez, o movemento obreiro tomou a iniciativa de se organizar nun proxecto político propio: o Cartismo.
As enormes dificultades legais e a persecución á que estaban sometidos os dirixentes sindicais das Trade Unions, convencéunos da necesidade de participar en política para poder cambiar as leis e deste xeito mellorar as relacións laborais. En 1836, un grupo de obreiros fundou a Working Men's Association, que publicou a Carta do Pobo. En 1842 transformouse na Asociación Nacional da Carta, considerada o primeiro partido político dos traballadores.
Demandas Clave do Cartismo
Os cartistas reclamaban:
- O sufraxio universal masculino e secreto.
- A idéntica división dos distritos electorais (para acabar co predominio dos distritos rurais).
- Un soldo para os deputados, co fin de que os traballadores, e non só os ricos e os que vivían das rendas, puidesen exercer este cargo.
- Inmunidade parlamentaria para poder expoñer as súas ideas sen temor a represalias.
Presentáronlle as súas demandas á Cámara dos Comúns e promoveron na súa defensa folgas e manifestacións. Aínda que non conseguiron os seus obxectivos, o cartismo permitiu a concienciación de amplas capas de traballadores.