A Oposición ao Franquismo: Evolución e Resistencia na Ditadura (1939-1975)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,29 KB

O réxime franquista comezou ao remate da Guerra Civil e estendeuse ata a morte de Franco (1939-1975), resultando nunha longuísima ditadura militar, con el mesmo como líder supremo (Caudillo). Aínda que este réxime comezara imitando descaradamente o fascismo italiano (líder, partido, sindicato únicos), desde 1942, ao intuírse xa a derrota dos fascismos, empezaría a maquillar o réxime para intentar diferenciarse deles e lograr a súa aceptación internacional. Con todo, a pesar da longa duración do franquismo, desde o inicio tamén houbo quen se opuxo a el. Así, foron xurdindo diferentes formas de oposición ao réxime (incluso desde dentro do mesmo), que irán aparecendo e evolucionando en función do contexto internacional e da situación económica en España. De feito, podemos explicar a súa evolución nas catro etapas nas que se adoita dividir o franquismo.

Anos 40: Posguerra e Autarquía

Os anos 40 foron unha etapa de gran crise económica (polos efectos da guerra e polo illamento mundial), o que obrigou a Franco a implementar a autarquía ou autosuficiencia económica do país. A esta crise sumouse unha durísima represión, con 40.000 persoas executadas, e un fortísimo control policial sobre a poboación para eliminar os vencidos, aprobando incluso unha lei, a Lei de Responsabilidades Políticas de 1939, para lexitimar esta represión.

Neste contexto, xorden dúas frontes de oposición interna (dentro dos propios apoios de Franco):

  • Os falanxistas radicais, que criticaban o distanciamento cada vez maior dos fascismos, pero que foron silenciados mediante a represión ou obrigados a abandonar o partido único.
  • Os monárquicos, que apoiaban a Xoán de Borbón e o seu Manifesto de Lausana (1945), no que criticaba a Franco e lle pedía a súa renuncia para poder restaurar a monarquía na súa figura. Pero Franco logrou calmalos ao aprobar a Lei de Sucesión á Xefatura do Estado (1947), que definía a España como un reino sen rei (ata 1969, cando nomea sucesor a Xoán Carlos I).

Paralelamente, había tamén unha oposición externa, na que podemos mencionar outros dous grupos:

  • Os exiliados, que lograran abandonar o país e refuxiarse na URSS, México e sobre todo Francia, pero que practicamente non chegaron a ser un problema para o réxime. Co inicio da Segunda Guerra Mundial, moitos acabaron uníndose á Resistencia Francesa contra a ocupación nazi, e loitando outra vez contra o fascismo, coa esperanza de que se atacase tamén a Franco.
  • Os maquis ou guerrilla antifranquista, formada por comunistas que fuxiron aos montes e desde alí intentaron seguir loitando contra o réxime e pola República, empregando a guerra de guerrillas. De feito, chegaron a intentar en 1944 unha invasión no Valle de Arán (Pireneo de Lleida), sen éxito. Pero, coa fin da Segunda Guerra Mundial e a aceptación da España franquista polo Bloque Occidental en 1953, os maquis acabaron abandonando a loita armada para buscar outras formas de oposición. Na Galicia interior, por exemplo, destacou o afamado Foucellas, á fronte dun grupo de maquis, ata que foi detido, executado por garrote vil e enterrado nunha fosa común na Coruña, en 1952.

Anos 50: Tímida Apertura do Réxime

Nos anos 50, a pesar de que seguía a crise económica, agravada aínda máis pola autarquía, Franco comezou a ser recoñecido internacionalmente, como evidencian os dous acordos asinados en 1953 con Estados estranxeiros, que pasaron a apoialo:

  • Co Vaticano (Concordato co Vaticano), a cambio da concesión de enormes privilexios para a Igrexa.
  • E cos EUA, que obtiñan territorio para instalar bases militares, a cambio de apoio económico.

Este xiro na situación mundial axudou a Franco a manter a tranquilidade do réxime, a pesar do cal podemos destacar os cinco momentos clave de oposición ao mesmo:

  • As folgas obreiras, en protesta polos baixos salarios, nas industrias de Cataluña, Asturias e o País Vasco, ao que Franco reaccionou ordenando a súa represión, permitindo, con todo, melloras salariais.
  • A fundación de CCOO (Comisións Obreiras), alternativa clandestina ao Sindicato Vertical do réxime, e que, liderado polo comunista Marcelino Camacho, logrou afiliar en segredo a moitos traballadores, ao estar infiltrado no Sindicato Vertical como representante elixido polos obreiros do metal, converténdose así nunha das principais formas de oposición ao réxime desde dentro do propio Estado.
  • As protestas universitarias, en 1956, a favor dunha maior apertura do réxime e contra a Falanxe, comezando así os fillos das clases medias a cambiar o silencio pola protesta, que tamén foron reprimidas.
  • A fundación de ETA (Euskadi Ta Askatasuna / País Vasco e Liberdade), que se escinde do PNV en 1959, de momento como grupo de mozos anti-españolista e en contra da migración de españois ao País Vasco.
  • O movemento independentista marroquí a partir de 1956, cando Francia descolonizou Marrocos, pedindo a Franco que tamén descolonizase Marrocos e o Sáhara españois.

Entradas relacionadas: