Obras Mestras da Arte Europea: Do Bosco ao Románico de Santiago de Compostela
Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en
español con un tamaño de 13,83 KB
O Xardín das Delicias, O Bosco
Presentación
Estamos diante dunha obra pictórica, trátase de O Xardín das Delicias do **Bosco**, a cal data de principios do **século XVI**. Este autor está dentro do grupo dos mal chamados **Primitivos Flamencos** (rexión histórica de Flandres, actualmente entre Bélxica, Luxemburgo e os **Países Baixos**), xunto con outros artistas como **Jan Van Eyck**. A escola flamenca renovou a pintura gótica e representou un dos primeiros pasos da pintura cara á **modernidade** na súa procura da representación da **perspectiva** e do **volume**.
Contexto Histórico
Entrando no contexto histórico, hai que apuntar que **Flandres** adquiriu un alto **desenvolvemento económico** grazas ao comercio de panos, dando así como resultado unha forte **burguesía** que serán os novos clientes da arte.
Nesta arte, sen abandonar as inquedanzas relixiosas, ábrense novas temáticas como o **retrato**, os intereses domésticos que permiten exhibir o **estatus social** dos burgueses e a **paisaxe**.
Característico desta nova sensibilidade é o **naturalismo**, o gusto polo **detalle** dos obxectos que rodean a vida cotiá dos burgueses e a representación sutil da **natureza**, que aparece a través dunha porta ou ventá.
Análise Formal
En canto á análise formal, o cadro que nos ocupa é un **óleo sobre táboa**. Debemos apuntar que os Primitivos Flamencos desenvolven a técnica moderna do **óleo**, é dicir, o uso de aceite como **aglutinante**. Cada pintor obtiña a súa propia mestura de pigmentos disoltos en aceite (normalmente de **liñaza**) e a gardaban como o seu maior tesouro.
Esta forma de pintar ofrece vantaxes ao artista, entre outras, realizar a obra máis lentamente que a pintura á **témpera** (diluída en auga e mesturada con aglutinantes) sen presa polo acabado. E poder aplicar **veladuras**, é dicir, películas de tinta moi finas, transparentes ou semitransparentes, que crean distintos efectos de **profundidade**, cores máis brillantes e maior **luminosidade**.
Tema
Tríptico Pechado
O tríptico pode pecharse, e nas súas táboas amosa o mundo no terceiro día da creación, rodeado dunha esfera, o que contrasta coa diversidade e brillo das cores do interior. Fóra da esfera represéntase a **Deus Pai** cun libro aberto.
Estando aberto, o tríptico consta de **tres paneis**, os cales se len de esquerda a dereita.
Panel da Esquerda: O Paraíso Terreal
O panel da esquerda está dedicado ao **paraíso terreal**, nel pódese observar a creación, con Deus no medio de **Adán e Eva**, unha **fonte central**, a dos catro ríos do paraíso, a carón da cal se sitúa a **árbore do ben e do mal**, arredor da cal se enrosca a serpe. Os animais que se sitúan preto de Eva, como por exemplo as cobras, simbolizarían o **pecado**.
Panel Central: A Luxuria
O panel central é o que dá nome ao cadro. Represéntanse moitos homes e mulleres **espidos**, mentres se relacionan entre si con actitudes eróticas. O tema central do panel é a representación da **luxuria** e dos **praceres carnais**, que se expresa en símbolos como as froitas que comen.
Panel Dereito: O Inferno Musical
O panel dereito, moito máis escuro, está ocupado polo inferno, que foi coñecido tamén como o “**Inferno Musical**” polo protagonismo dos **instrumentos musicais**, cos que se tortura aos condenados.
Santa Sofía de Constantinopla
Presentación
Estamos diante dunha obra arquitectónica de carácter **relixioso** a cal recibe o nome de **Santa Sofía de Constantinopla**. Este templo foi construído no **século VI**, na etapa de ouro do **Imperio Bizantino**, do Emperador **Xustiniano**, localizada na actual **Istambul**, Turquía. Considerado o templo máis importante da arquitectura bizantina, foi ideado por **Isidoro de Mileto**.
Planta
Santa Sofía de Constantinopla é un exemplo de **plan central**, que son igrexas que se organizan arquitectonicamente arredor dunha **cúpula**.
A tipoloxía de planta arquitectónica que pode adoptar esta igrexa pode ter forma circular, poligonal ou de **cruz grega**; neste caso podemos apreciar que a súa planta é **rectangular**. O espazo está dividido en tres naves lonxitudinais, á semellanza da **planta basilical**, coa central máis ancha e alta que as laterais, das que está separada por columnas e piares. Esta nave central remata nunha **ábsida** na cabeceira. No espazo central atopamos a cúpula, o espazo máis importante de Santa Sofía. Esta combinación de planta basilical con cúpula central non tiña precedentes, sendo esta a primeira en tela.
Tamén se poden distinguir catro **exedras**, un **nártex** e un **exonártex** na entrada.
Cúpula
Da cúpula central destacamos o seu inxenioso **sistema de contrarrestos**, que se basea nos seguintes elementos:
- **40 nervios** que reforzan a cúpula.
- As **pechinas** no paso do círculo ao cadrado.
- Catro grandes **arcos de medio punto** apoiados en piares na súa parte rectangular.
- Dúas **semicúpulas** en lados opostos da cúpula, que á súa vez en cúpulas máis pequenas.
- Grandes **contrafortes** por riba das naves laterais.
Santa Comba de Bande
Datamento
Dentro do termo paraugas do **Prerrománico**, Santa Comba de Bande clasifícase como **arte sueva** ou **arte visigoda**, un aspecto que está sendo revisado pola historiografía.
Análise Formal
Á súa ábsida accédese mediante un **arco de ferradura** que se apoia en columnas de mármore, aproveitados dun edificio **romano**, e é iluminada por unha pequena ventá que conta cunha **celosía** de semicírculos.
Como curiosidade, non existe no templo ningunha imaxe nin referencia a **Santa Comba**, unha virxe galaica. Á súa vez, na igrexa atópase o **sartego baleiro** de **San Trocado**, que se atopa entre os primeiros discípulos do **Apóstolo Santiago**.
Interior da Catedral de Santiago de Compostela
Presentación
O interior da catedral compostelá, cunha clara función relixiosa, foi construído entre os **séculos XI e XII**, dentro do estilo **Románico**. O edificio levántase sobre os restos de dúas antigas basílicas **prerrománicas** dos séculos IX e X. Localizada en Santiago de Compostela, é un espazo organizado para que os fieis, os **peregrinos**, poidan percorrer a catedral até chegar ao **sepulcro** coas reliquias que a tradición atribúe ao **Apóstolo Santiago**.
En canto aos autores, interveñen varias mans, cuxos nomes coñecemos polo **Códice Calixtino**; destacamos o **Mestre Mateo**. Debemos sinalar que neste tempo os mestres non son considerados artistas, simplemente son recoñecidos por realizar un **traballo ben feito**.
Análise Formal
Entrando na análise formal, o material empregado, principalmente, é o **granito**. Presenta unha **planta de cruz latina** con **nártex** e tres naves, a central máis ancha e alta que as laterais, e un **transepto** ben desenvolvido igualmente con tres naves e dúas **absidiolas** en cada brazo.
A cabeceira remata nunha ampla **ábsida semicircular** cun **altar maior** rodeado do **deambulatorio**. O altar maior sitúase sobre a **cripta**, lugar de repouso das reliquias do Apóstolo.
Simbolismo e Estrutura
O simbolismo, como xa acontece desde a arte Paleocristiá, está presente neste edificio; por exemplo, a **planta de cruz latina** simboliza a **Cristo crucificado** e o sentido lonxitudinal do espazo subliña a idea de **camiño até Deus**.
Na análise do interior da Catedral tamén debemos citar a marcada **verticalidade**, unha importante altura por razóns funcionais e como mostra do **poder da Igrexa** pero que, igualmente, debía provocar a **emoción relixiosa**.
O alzado articúlase en dous niveis:
- O primeiro nivel formado por **arcadas** que dividen as naves, son **arcos formeiros de medio punto peraltados**.
- O segundo nivel, unha ampla **tribuna** sobre as naves laterais, o transepto e a **xirola**, que aumenta a capacidade da catedral.
Igrexas de Peregrinación
Así, a Catedral de Santiago de Compostela responde á tipoloxía coñecida co nome de **igrexas de peregrinación**, termo no que se engloban unha serie de templos románicos que se atopan nas rutas francesas de peregrinación e que presentan elementos comúns, basicamente planta de cruz latina e existencia de ampla cabeceira e tribuna. Os trazos das igrexas de peregrinación responden á necesidade de acoller ás **multitudes** que visitan as reliquias e celebrar oficios simultaneamente. Por iso desenvolve unha cabeceira con absidiolas tamén presentes no transepto. A de Santiago é a maior igrexa de peregrinación do Camiño, cun carácter monumental sen precedentes na Península.
Cubertas e Ornamentación
Nas **cubertas** atopamos variedade de **bóvedas**; destaca a de **canón** reforzada por **arcos de faixa** na nave central, cuxos empuxes son contrarrestados cos **contrafortes exteriores**, igual que sucedía no edificio prerrománico de **Santa María do Naranco**. O **ornamento** no interior resérvase á labra dos **capiteis**, con motivos vexetais, animais e algúns historiados. E ao **taqueado jaqués** ou **axedrezado** dos muros.
Para concluír, debemos citar outros exemplos do mesmo período da Catedral de Santiago como son **San Isidoro de León**, a **Catedral de Jaca** (Huesca) e **San Martín de Frómista** (Palencia), entre outras.
Pórtico de Praterías
Análise Formal e Escultura Románica
A escultura do Románico intégrase na arquitectura, por iso predomina o **relevo** e escasea o **vulto redondo**. E por esta mesma razón aplícase a **lei do marco**, na que o escultor dispón dun espazo definido e debe adecuar a escena a ese espazo. Isto ocasiona esculturas dobradas, que se alongan ou achican para non saírse do marco. Outra característica do Románico que cumpre Praterías é o **horror vacui**, a tendencia a encher todo o espazo do que se dispón. Os relevos desta portada concéntranse no piso inferior, nos **tímpanos** e no **friso** pero tamén aparece noutros elementos como as columnas ou os contrafortes.
Tímpano Dereito: Paixón e Adoración
Presenta as escenas da **Paixón** e a **Adoración dos Reis**. Destacamos a escena central con **Cristo semiespido**, para representar a súa indefensión, atado a unha columna por un verdugo, soporta os **lategazos** dos personaxes situados ás súas costas.
Tímpano Esquerdo: As Tentacións
No tímpano da esquerda o tema central son as **tentacións** que sofre Cristo durante o seu retiro ao deserto. Entre o conxunto de escenas observamos, por exemplo, a **gula** (arriba, á dereita do tímpano): Xesús mantivo o xaxún durante 40 días e o demo, que cabalga sobre un animal fantástico, téntalle pedindo que converta as pedras en pan.
Ademais, neste tímpano da esquerda existen pezas soltas como a **muller adúltera**. Escultura atribuída ao mestre de Praterías, considerado o artesán de maior calidade. Nun principio a idea era que representaba a Eva como símbolo do pecado orixinal; sen embargo, seguindo o **Codex Calixtinus**, a figura representa o adulterio. A muller sostén a **cabeza putrefacta do seu amante**, cortada polo seu propio marido, quen a obriga dúas veces por día a bicala. O seu cabelo, longo e despeiteado, informa ao espectador do seu desorde moral e a caveira que sostén é o castigo por ter pecado. O **programa iconográfico** de todo o tímpano esquerdo simboliza unha mensaxe clara: a forza do **Ben sobre o Mal**.
Para concluír, comentar que as esculturas de Praterías presentan unha clara **finalidade didáctica**, característica do Románico, relatando acontecementos bíblicos que transmiten mensaxes claros aos fieis, como o **temor a ser condenado** ou a necesidade do **arrepentimento**.
Pórtico da Gloria
Presentación
Estamos diante dunha obra escultórica de carácter relixioso, trátase do **Pórtico da Gloria**. Datada na **segunda metade do século XII** (1168-1188), **Románico pleno**. A autoría pertence ao **Mestre Mateo** e o seu obradoiro. Debemos sinalar que neste tempo os mestres non son considerados artistas, simplemente son recoñecidos por realizar un traballo ben feito.
Análise Formal
Entrando na análise formal, a escultura do Románico intégrase na arquitectura, por iso predomina o **relevo** e escasea o **vulto redondo**. E por esta mesma razón aplícase a **lei do marco**, na que o escultor dispón dun espazo definido e debe adecuar a escena a ese espazo. Isto ocasiona esculturas dobradas, que se alongan ou achican para non saírse do marco. Outra característica do Románico que cumpre o pórtico é o **horror vacui**, a tendencia a encher todo o espazo do que se dispón.
Arcos Laterais
O esquerdo, dedicado ao **Antigo Testamento**, con escenas como a de **Adán e Eva**. E no arco da dereita, con figuras do **Novo Testamento**, represéntase o **Xuízo Final**; neste espazo móstranse os tormentos aos que son sometidos os condenados mentres os xustos son levados á **Gloria**. Destacar que na súa orixe o Pórtico estaba **policromado** pero o tempo foi deteriorando e cubrindo estas pinturas. A última restauración descobre, en parte, esta policromía.
Conclusión Estilística
Así, o conxunto é Románico pola estrutura que presenta, **arcos de medio punto** con figuras nas **arquivoltas**, pola temática, un **Pantocrátor** cos evanxelistas, e pola composición, con escenas xustapostas sen deixar baleiros (**horror vacui**), adaptándose ao marco arquitectónico, con **escala xerárquica** e figuras en **disposición frontal**. Pero xa adianta elementos do **Gótico** no camiño ao **naturalismo**.