Obra e Características Narrativas de Eduardo Blanco Amor
Enviado por Chuletator online y clasificado en Diseño e Ingeniería
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,22 KB
A Obra de Eduardo Blanco Amor
A obra de Blanco Amor abrangue todos os xéneros: foi poeta, dramaturgo, narrador e ensaísta. Comeza escribindo poesía de carácter vangardista e nos anos cincuenta escribe as súas grandes obras narrativas.
Obra Selecta
- Narrativa: A esmorga (1959), Os biosbardos (1962), Xente ao lonxe (1972)
- Poesía: Romances galegos (1928), Poema en catro tempos (1931), Cancioneiro (1956)
- Teatro: Farsas para títeres (1973), Teatro para a xente (1974), Proceso en Jacobusland (1980)
Características Comúns da Narrativa Principal
As tres obras narrativas principais de Blanco Amor comparten varias características fundamentais:
- Localización espacial: Auria, que é a configuración literaria da cidade de Ourense.
- Localización temporal: As dúas primeiras décadas do século XX.
- Protagonismo: Infantil e xuvenil (excepto en A esmorga).
- Narrador: Preferencia por un narrador en 1ª persoa.
- Linguaxe: Emprego de formas populares da fala.
- Intención: Interese, reiterado nos prólogos das obras, por facer literatura realista.
Análise de A Esmorga
A esmorga desenvolve unha historia tráxica que transcorre por diversos escenarios do ambiente urbano ou suburbial de Ourense. Estrúcturase en tres partes:
- Primeira parte («Documentación»): Un narrador-autor explica como obtivo a información necesaria para escribir a historia que a continuación se presenta.
- Segunda parte: Conta a historia en si, a través de cinco capítulos que recollen a declaración de Cibrán, o Castizo, ante o xuíz. Mediante este interrogatorio, reconstrúense as vinte e catro horas de esmorga dos tres personaxes: O Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tras o remate tráxico da mesma, Cibrán, único supervivente e por isto tamén único acusado, narra a súa versión dos sucesos sucedidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
- Terceira parte: Reaparece o autor-narrador para dar conta da morte do protagonista e as circunstancias nas que esta se produce.
Outras Obras Narrativas
- Os biosbardos: Reúne un conxunto de sete relatos breves protagonizados por rapaces de Auria que contan as súas experiencias persoais e informan acerca dos modos de vida daquel tempo (alimentación, vivenda, xogos, diferenzas sociais...).
- Xente ao lonxe: É unha novela longa que conta a historia dunha familia obreira e de esquerdas na Auria do primeiro terzo do século XX. O protagonista principal é un neno chamado Suso, que narra a súa historia persoal e a súa evolución desde a infancia á mocidade. Tamén conta a historia da súa familia e ofrece unha crónica da sociedade ourensá e dos principais acontecementos históricos da España daquel tempo.