A Nova Narrativa Galega: Renovación, Autores e Legado Literario

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,2 KB

A Nova Narrativa Galega: Un Movemento de Renovación Literaria

Nos primeiros anos cincuenta do século XX, prodúcese unha importante renovación na nosa narrativa debido á incorporación dun grupo de escritores que pretenden superar os modelos existentes ata ese momento e introducir novos temas e técnicas propias dos innovadores autores e correntes literarias. Polo tanto, o conxunto de obras datadas entre 1954 e 1971, pertencentes a esta xeración de escritores, conforman o que se coñece como Nova Narrativa Galega.

Obxectivos e Compromiso dos Autores

Os autores que a compoñen, propóñense uns mesmos obxectivos que son:

  • A renovación da narrativa galega, tentando superar os modelos establecidos pola Xeración Nós e por escritores como Cunqueiro ou Blanco Amor.
  • O mantemento dunha actividade cultural e política galeguistas, participando en actividades culturais como a recuperación da celebración das Festas Minervais.
  • A difusión do seu pensamento de carácter existencialista e marxista, e a participación na aparición do nacionalismo galego de esquerdas.
  • Un compromiso coa lingua galega, mantendo unha práctica monolingüe nas súas obras.

Características Literarias da Nova Narrativa

Como movemento literario, a Nova Narrativa presenta algúns trazos caracterizadores fundamentais:

  • A expresión do absurdo da existencia nun mundo sen sentido, a través da inadaptación dos personaxes ao medio.
  • O intimismo e a introspección.
  • A recorrencia a un mundo simbólico.
  • O obxectalismo, onde os obxectos adquiren gran importancia ao seren descritos moi minuciosamente.
  • En canto ao punto de vista e ao narrador, predomina o monólogo interior e o multiperspectivismo, é dicir, a presenza de varios narradores nun mesmo relato.
  • As obras desenvólvense en ambientes urbanos, claustrofóbicos e sórdidos, sen seguir unha orde cronolóxica.
  • Os personaxes non aparecen descritos psicoloxicamente, senón que se presentan como seres anónimos, desarraigados e desorientados, ademais de ser a miúdo violentos e agresivos, inmersos en estados de delirio e loucura.

Autores e Obras Representativas

En canto aos autores máis representativos desta Nova Narrativa Galega, atopamos:

  • Camilo González Suárez-Llanos: Publicou dúas obras, o libro de relatos Lonxe de nós e dentro e a novela Como calquera outro día.
  • María Xosé Queizán: Iníciase na literatura galega coa novela A orella no buraco, a súa única contribución a esta corrente.
  • Xohana Torres: Na súa única novela Adiós, María, amosa o enfrontamento entre o mundo rural e urbano a través das experiencias dunha rapaza.
  • Xosé Luís Méndez Ferrín: Contribuíu a esta xeración con Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas e Arrabaldo do Norte.
  • Gonzalo Rodríguez Mourullo: Escribe tan só dous volumes: Nasce un árbore e Memorias de Tains.
  • Xohán Casal: Deixou unha soa obra, O camiño de abaixo, editada dez anos despois da súa morte, que consta de trece relatos caracterizados pola soidade e a presentida aparición da morte.
  • Carlos Casares: Podemos encadrar dentro desta narrativa Vento ferido e Cambio en tres.
  • Vicente Vázquez Diéguez: Contribúe a esta narrativa coa novela de carácter renovador As ponlas baixas.

Conclusión: O Legado da Nova Narrativa

Finalmente, cabe dicir que estes autores renovaron as técnicas e as correntes narrativas, rompendo co tradicionalismo e impoñendo novas características e formas nas súas obras, marcando un antes e un despois na literatura galega.

Entradas relacionadas: