A Nova Narrativa Galega: Características, Autores e Obras
Enviado por airamotcefrep y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 9,89 KB
A Nova Narrativa Galega
Nos primeiros anos 50 do s. XX, prodúcese unha importante renovación na nosa narrativa. Trátase dun grupo determinado de textos e autores marcados por unhas características literarias e xeracionais, presididas polo desexo consciente dunha renovación na narrativa. Algúns dos autores máis destacados son: Rodríguez Mourullo, Xohán Casal, Méndez Ferrín, Mª. Xosé Queizán, Suárez-Llanos, Carlos Casares e Xohana Torres. A obra que abre esta renovación literaria é “Nasce unha árbore” de Rodríguez Mourullo (1954), e a obra que pecha este período é “Adiós María” de Xohana Torres (1970).
Características xerais da Narrativa desta época:
Argumento. Desaparece a historia argumental, non existe a estrutura tradicional de presentación, nó e desenlace. O argumento limítase a anécdotas ou sucesións de acontecementos cotiáns na vida dunha persoa.
Temática. Afástase do ruralismo, do costumismo e da realidade para centrarse, de maneira recorrente, na morte e en estados psicolóxicos e patolóxicos de todo tipo. A violencia, a tortura ou a existencia de ambientes agresivos son tamén frecuentes.
Simbolismo. Personaxes como símbolos do ser humano en xeral, perdidos na súa propia terra.
Narrador. Predomina o enfoque múltiple e o monólogo interior.
Obxectivismo. É frecuente que a obra dea un protagonismo excesivo aos obxectos, que son descritos a miúdo coma se o narrador fose unha cámara cinematográfica.
Espazo. Son frecuentes espazos pechados, case claustrofóbicos, en contraposición con escenarios moi amplos. Neste caso adoita haber 2 planos, o da realidade e o da ficción, que é o mundo fantástico.
Tempo. Varios tipos de temporalización: tempo distorsionado con frecuentes anacronías, prolepses ou analepses ou duración temporal múltiple.
Personaxes. Seres anónimos que xeralmente viven unha existencia monótona da que se nos narran situacións triviais. Son psicoloxicamente complexos.
Linguaxe.
- No Léxico amplíase o vocabulario do galego literario. Son abundantes os cultismos e préstamos como galicismos e anglicismos.
- No Sintáctico prodúcense anacolutos, moitas veces derivados do monólogo interior.
- Antropónimos curiosos, por exóticos, que contribúen á creación dun mundo irreal afastado do cotián.
Estilística. Algúns trazos estilísticos teñen relación coa cinematografía.
- Elipse e ocultamento de detalles importantes para o desenvolvemento da historia.
- Minimalismo estilístico. O máis importante é a historia ou a anécdota e non a maneira de narrar.
Influencias. Esta literatura está influenciada por autores europeos, tamén é herdeira da literatura de Kafka, Faulkner, Joyce, Marcel Proust, John Dos Passos ou Samuel Beckett.
Autores e obras pertencentes á Nova Narrativa Galega
Dentro dunha grande heteroxeneidade, os autores teñen en común seren mozos universitarios cando escriben estas obras, non participar na Guerra Civil española, viaxar polo estranxeiro e coñecer a literatura que se facía noutras culturas; todos tiveron o desexo de renovar a narrativa que se facía en Galicia. Politicamente comparten unha ideoloxía nacionalista de esquerdas e participan activamente nos movementos culturais e políticos da época: fundación da colección literaria Illa Nova, recuperación das Festas Minervais e creación de partidos políticos: PSG ou UPG. Adquiren un compromiso claro coa lingua galega: manteñen unha práctica monolingüe en galego.
Xosé Luis Méndez Ferrín
Iníciase na narrativa con “Percival e outras historias”. 14 contos caracterizados pola creación dun clima de misterio que chega a desembocar no terror, polo emprego de topónimos e antropónimos de resonancias nórdicas e orientais, pola mestura de elementos míticos (o propio personaxe artúrico Percival) e obxectos cotiáns e, finalmente, pola presenza do mundo lexendario celta.
- “O crepúsculo e as formigas”, libro de relatos que se desenvolven nun ambiente urbano cheo de sordidez e poboado por personaxes patolóxicas e marxinais. Os relatos abordan temas como a violencia, a morte, o medo, os conflitos políticos... O seu estilo defínese como realismo cru, case naturalista.
- “Arrabaldo do norte” (1ª novela). No fundamental, segue a técnica obxectivista do nouveau roman francés: un personaxe anónimo á procura dun obxectivo impreciso nunha cidade innominada... Abundan aquí as descricións demoradas dunha xeografía urbana desolada e despoboada. Con esta novela Ferrín pecha, ata certo punto, un 1º ciclo creativo que o tiña situado entre os máximos exponentes da NNG.
- “Retorno a Tagen Ata” inicia un novo ciclo tras unha etapa de silencio que coincide co período de intensa actividade política clandestina. Obra alegórica de política-ficción onde se explica a aparición do nacionalismo revolucionario galego dos 70 e a súa ruptura co culturalismo.
- “Elipsis e outras sombras”, visión aterradora da violencia institucional contra os rebeldes e os inconformistas. Está composto por 7 relatos de temática coincidente co realismo social.
- “Antón e os inocentes”, 2ª novela, obra de ambiente urbano, protagonizada por mozo e moza estudantes; retrata en certo xeito a mocidade dos anos 50. É unha novela de aprendizaxe, tinguida de autobiografismo, os protagonistas perden a inocencia e se enfrentan á realidade do mal e da inxustiza.
- “Crónica de Nós” pon fin ao 2º ciclo narrativo ferriniano. Son 8 relatos que abordan o mundo das guerras, o universo interno da UPG, etc. En palabras do autor, é un libro plantexado deliberadamente coma unha serie de contos relacionados coa realidade histórica de Galicia e da Galicia contemporánea.
- “Amor de Artur” inicia o 3º ciclo narrativo de Ferrín. O libro consta de cinco narracións que recrean os mitos bretóns ou artúricos. É quizais o mellor libro meu, declarou o seu autor.
- “Arnoia, Arnoia”, relato longo que narra as aventuras dun adolescente de desasete anos, que desexa regresar á súa terra e para iso debe pasar unha serie de probas.
- “Bretaña, Esmeraldina”, volve ao tema da vida no cárcere e a represión política. O seu protagonista é un revolucionario bretón preso, que loita pola liberdade de Tagen Ata.
- “Arraianos”. Son 10 relatos, de temática variada (historias do 36 e da represión franquista, de mulleres meigas, da guerrilla carlista do s. XIX…), ambientados na fronteira galaico-portuguesa.
- “No ventre do silencio”, retrato social e ideolóxico da Compostela, dominada polo espírito mediocre, fanático e atafegante do nacional-catolicismo franquista.
María Xosé Queizán
Iniciouse con “A orella no buraco”, novela obxectualista influenciada polo nouveau roman. Dividida en 3 capítulos, céntrase na biografía dun emigrante fracasado que regresa a Galicia, onde morre.
A obra narrativa posterior tomará outros derroteiros, abordando problemáticas sociais diversas (a reproxenética, a sida, a homosexualidade, a violencia política e de xénero...) desde unha perspectiva marcadamente progresista e feminista. Está composta por títulos como “Amantia”, novela histórica na época do Priscilianismo (s. IV); “A semellanza”, que xira arredor da asunción problemática da homosexualidade por parte do protagonista; “O segredo da pedra figueira”; “Amor de tango” (historia de 3 irmás de mentalidade e intreses diferentes); a novela breve “O solpor da cupletista”; a novela longa “Ten o seu punto a fresca rosa”, protagonizada por 3 mulleres no Vigo dos anos 70-80; e o libro de relatos “¡Sentinela, alerta!”, tematicamente dominado pola violencia, tortura, inxustiza e destrución.
Gonzalo Rodríguez Mourullo
Autor de dúas obras: “Nasce un árbore”, libro que inclúe tres relatos intitulados “A capilla enmeigada” (que recrea o mito de Dafne), “O relox” e “Tres homes” (tres labregos que contan os motivos polos que están na cadea); e “Memoria de Tains”, volume con oito relatos que adoptan forma de carta e teñen trabazón entre si. Os relatos-cartas representan fragmentos da historia dunha cidade, Tains, arruinada e destruída. A crítica é unánime á hora de considerar este libro un dos cumios da NNG.
Camilo González Suárez-Llanos
Escribiu “Lonxe de nós e de nós e dentro”, 5 relatos, e “Como calquer outro día”, novela que xira arredor do personaxe Anselmo, individuo que vive en Madrid e lembra diferentes instantes do seu pasado. Fóra xa da estética da NNG editou as novelas “Cara a Times Square” e “Desfeita”. Tras un longo silencio, nos anos 90 retoma a narrativa con “Cemento e outras escenas” e “Arredor do non” (relatos reunidos).
Xohana Torres
Gañou en 1970 o Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires coa novela “Adiós, María”, novela que aborda, desde a perspectiva dunha adolescente filla de pais emigrados e con técnica innovadora (monólogo interior, tempo subxectivo), a problemática da integración dunha familia de procedencia rural no mundo dunha cidade (Vigo) na Galicia dos anos 60. A novela presenta dous planos: o mundo interior de Maxa, a protagonista, e o mundo exterior, conflitivo e dramático.