Nova Narrativa Galega: Características, Autores e Influencias
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 8,8 KB
A Nova Narrativa Galega
Na década dos 50, xunto á recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas. Falamos dun grupo cunha mesma formación universitaria e con claras inquietudes galeguistas (todos coñecedores da literatura europea e a americana). No plano literario buscan innovar e romper coa tradición narrativa. Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman (movemento contemporáneo francés) non é esta a única influencia. Buscan un concepto desintegrado da novela tradicional. Interesa a narración sen lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición de estados de ánimo, de Kafka o mundo atormentado, de J. Joyce a exploración do monólogo interior, de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal, de Sigmund Freud a presenza do mundo do subconsciente. O Nouveau Roman propugna o obxectivismo, darlle a mesma importancia ás cousas que aos personaxes e do protagonista nin interesa a súa identidade (atópase perdido e non sabe o que busca); para presentar as situacións sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas. A obra de arte redúcese a un formalismo, a unha construción enxeñosa e técnica.
Características
En relación ao tema
- Abandono do antropocentrismo.
- Localización espacial imprecisa.
- Ambientes urbanos.
- Ausencia de preocupación polos conflitos do país.
- Mestura da realidade e mundo fantástico.
- Presenza do sexo e da violencia.
Formais
- Monólogo interior.
- Distorsión temporal (“flash-back”).
- Pluralidade de voces narrativas.
- Enfoque obxectivista.
Autores da Nova Narrativa Galega
A Nova Narrativa Galega abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo R. Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres).
Xosé Luís Méndez Ferrín
O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) cunha obra formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos. Falamos de tres etapas:
- Nova Narrativa Galega (1961-1971): A técnica imponse sobre o interese argumental. Tematicamente trata o absurdo e a falta do sentido da vida.
- O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o narrado é real. O máis importante é a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria.
- Na novela Arabaldo do norte (1964) vese a intención tecnicista, superponse a estrutura narrativa ao interese do relato.
- Segunda etapa (1971-1980): Maior riqueza temática e importancia de temas políticos.
- Terceira etapa (a partir de 1980): Volta á fantasía e ás recreacións míticas.
Carlos Casares
Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense, 1941 - Vigo, 2002). Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) e a novela Cambio en tres (1969). A súa prosa posterior é sinxela pero moi traballada.
A Prosa Galega de Posguerra
En consecuencia da guerra civil, a literatura galega deixa de existir como manifestación pública durante máis dun decenio. A actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde continúan os escritores exiliados.
No 1947 comeza a recuperación coa publicación do primeiro libro de poesía ata a constitución, en 1950, da Editorial Galaxia. Destacamos coleccións como Sanlés ou Illa Nova.
Escríbense gran parte das novelas do exilio, onde se relatan vivencias persoais da guerra e a represión.
Podemos distinguir diferentes correntes na prosa galega de posguerra:
- Continuación da prosa da Xeración Nós: Risco, Otero Pedrayo ou Carballo Calero, pertencente á Xeración do 36 e autor de A xente da Barreira, a primeira novela de posguerra.
- Realismo fantástico: Representado pola obra de Álvaro Cunqueiro. Unha literatura que mestura elementos culturais de orixe árabe, greco-latina ou nórdica, con recursos provenientes do mundo popular.
- Realismo popular: Representado por Ánxel Fole. O popular pasa a ser de culto a través dun texto relacionado co relato oral, da xeografía luguesa.
- Realismo social: No que destacamos a Eduardo Blanco Amor. Onde se plasma a vida das clases obreiras ou marxinais e as inxustizas.
- Realismo rural: Representado por Xosé Neira Vilas, coñecedor de primeira man das penurias da vida labrega.
- Nova Narrativa Galega: Da man de autores como Ferrín, Mourullo ou Casares cunha prosa moderna.
Álvaro Cunqueiro
Características da súa obra:
- Mestura de realismo e fantasía: Personaxes da literatura universal (Merlín, Simbad…) comparten vivencias con xentes do pobo galego.
- Predominio da oralidade no estilo: O autor ten certa tendencia a empregar unha maneira tradicional de contar, cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes.
- Tendencia á disgregación da novela: Usa unha técnica do relato dentro do relato.
Destacamos como obra Merlín e familia (1955), recreación da materia de Bretaña desde unha perspectiva galega.
Ánxel Fole
Destacamos obras como: A lus do candil (1953) e Terra Brava (1955). Seguen a técnica dos contos populares e os temas tamén seguen esa tradición oral: contos de lobos, lendas populares… mesturados con humor.
Eduardo Blanco Amor
Destacamos:
- A esmorga (1959): Supón unha renovación da narrativa galega, tanto na temática (protagonismo das clases populares) como na forma (técnica telefónica).
- Xente ao lonxe (1972): Relata a historia dun grupo de traballadores que loitan por unha escola laica e popular. É en certa medida unha antítese de A esmorga. Ten unha técnica e temática baseada nunha perspectiva múltiple.
Xosé Neira Vilas
Clasificamos a súa obra:
- Galicia interior: Fala dunha sociedade campesiña marcada pola opresión, da que é imposible fuxir. A obra máis destacable é Memorias dun neno labrego (1961).
- Galicia emigrante: Mostra os problemas xerados como consecuencia da emigración forzosa: a morriña da terra, loita por saír da miseria… Historias de emigrantes (1968). Escribiu literatura infantil: Espantallo amigo (1971).
Xosé Filgueira Valverde, en 1971, publica Quintana viva.
Construción da Variante Estándar e Interferencias Lingüísticas
A variante estándar dunha lingua é aquela que se emprega nun rexistro formal. O proceso de creación dunha variante normativa do galego non se iniciou ata o Rexurdimento, debido á represión da lingua, que non permitiu o seu emprego en todos os ámbitos.
A convivencia de varias linguas nun mesmo territorio pode levar a unha influencia lingüística. Unha das consecuencias disto sería a aparición dalgunhas expresións dunha lingua noutra. Falamos de interferencias, máis presentes en linguas minorizadas como o galego, que proceden dunha lingua hexemónica como o castelán; falamos dos castelanismos, neste caso.
Desta maneira, a normativización sería o proceso de creación da variante estándar e require a fixación unhas normas comúns: a ortografía, elaboración de gramáticas e diccionarios… O máis importante é a selección da variante estándar, elaborada como combinación de diversas variedades dialectais propias de cada zona. Desta forma, as interferencias lingüísticas (castelanismos neste caso) son formas incorrectas, destácanse algunhas como:
- Mal uso de v/b, h ou y no plano ortográfico.
- Uso incorrecto de termos en galego no plano semántico.
- Alteracións de xénero dos substantivos no plano morfosintáctico.
- Outras interferencias son as desviacións.
- Dificultades no plano fónico.
A normativización pasa por catro etapas: o galego popularizante, o galego enxebrizante (xorde certo interese por crear a norma). Despois a etapa do galego protoestándar e finalmente o galego estándar.
A lingua galega pasou a ser cooficial tras a súa aprobación no Estatuto de Autonomía en 1981. No ano 1982 decláranse oficiais as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego publicadas polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega. Revisadas en 1995 e 2003.