Normativización Lingüística e Superación de Prexuízos: Variedades e Estándares do Galego
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 5,79 KB
Normativización, Normalización e Superación de Prexuízos
A normativización e a normalización son dous procesos estreitamente relacionados que se inclúen no concepto máis xenérico de planificación lingüística.
Cando poñemos en marcha a normalización dunha lingua marxinada, pretendemos que esta pase a desempeñar funcións de prestixio que lle foran prohibidas até o momento. Para acadar este obxectivo é necesario dotar a lingua dos recursos necesarios, é dicir, elaborar unha variedade estándar ou normativa, que será utilizada nos ámbitos formais e na escrita.
Prexuízos Lingüísticos
Un paso de grande importancia na planificación lingüística consiste na superación dos prexuízos cara á lingua minorizada, no caso do galego. Así, todas as medidas destinadas a normalizar unha lingua supoñen cambios sociais en maior ou menor medida, e en moitos casos estes cambios son contestados e rexeitados baseándose en prexuízos.
Unha Lingua, Moitas Variedades
O que denominamos lingua é, na realidade, unha abstracción de todas as variedades que a conforman. En efecto, cada lingua realízase na práctica nunha serie de variedades concretas que son as que cada un ou cada unha de nós empregamos ao falar.
A Variación Xeográfica
A xente que vén de fóra ou doutro lugar notámoslle unha diferencia na forma de falar. As diferenzas que mellor percibimos son as léxicas (palabras ou expresións) e as fónicas (a pronunciación). Pero tamén se dan diferenzas morfolóxicas e sintácticas.
Variación Social e Situacional
Dominar plenamente unha lingua implica sermos quen de cambiar de rexistro en función da situación comunicativa. Así, non falamos igual cando expoñemos un tema sobre recursos enerxéticos na clase que ao comentarmos cos amigos o último partido do noso deporte favorito. As principais diferenzas radican no léxico, aínda que tamén varían as construcións sintácticas.
Elaboración e Función da Variedade Estándar
Todas as linguas están integradas por diferentes tipos de variedades. Ademais, naquelas linguas que son escritas e usadas en ámbitos formais, créase unha variedade denominada estándar que se superpón a todas as demais e, polo tanto, é común a todos os falantes nos usos formais da lingua. Nos que coidamos máis o noso xeito de falar, adoitamos empregar esta variedade, tanto na escrita como na oralidade. A elaboración dunha variedade estándar forma parte do proceso de normalización dunha lingua e recibe o nome de normativización ou estandarización. Na lingua galega considerouse que non había motivo para priorizar un dialecto sobre outro. Nos casos en que se optou por variantes minoritarias, o criterio que primou foi o da tradición literaria, isto é, escolléronse as formas polas que se decantaron a maioría dos nosos escritores, xa dende o Rexurdimento.
Lusofonía: A súa Importancia no Século XXI
O portugués é unha das linguas máis faladas do mundo. Ademais, o seu uso espállase por diferentes continentes. Dentro da CPLP hai países emerxentes dende o punto de vista económico, polo que a lusofonía supón un enorme mercado laboral, ao que temos máis fácil acceso sen dúbida os falantes de portugués e de galego. Ademais da importancia económica, o feito de que os galegos nos poidamos comunicar cos portugueses, permítenos acceder á gran riqueza cultural de toda a comunidade lusófona.
Senón: conxunción adversativa que aparece en oracións negativas; tamén pode ser nexo comparativo e, como preposición, equivale a agás.
Se non: combinación da conxunción condicional se máis a negación non.
Biografía de Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova en 1912. Estudou Dereito e xa dende moi novo se sentiu atraído pola poesía e a política, chegando a ser cofundador das Mocidades Galeguistas de Celanova. Durante a Guerra Civil foi recrutado forzoso a loitar no bando franquista. Nun permiso, e a causa dunha denuncia calumniosa, foi encarcerado, experiencia da que xorde Longa noite de pedra. En 1966 marchou a Venezuela, onde sofre un gran desencanto ao ver que os dirixentes das sociedades galegas da emigración están totalmente desideoloxizados e dedícanse exclusivamente a enriquecerse, o que se recolle nos versos satíricos de Viaxe ao País dos Ananos. Despois desta experiencia vive en Madrid e Vigo, onde colabora con diversas publicacións. Morre en Vigo en 1979.
Temas Principais na Obra de Celso Emilio Ferreiro
- Liña social: solidaria cos oprimidos de calquera latitude e denunciadora dos males sociais: o fascismo, a deshumanización, a emigración, a inxustiza, a solidaridade cos que sofren, o antibelicismo… É unha poesía que se erixe en protesta contra a inxustiza e incluso se fai revolucionaria, porque pretende conseguir a trasformación da sociedade.
- Liña intimista na que se manifesta o seu inconformismo, o seu desacougo existencial, a forte identificación coa terra, a fugacidade da vida, a evocación da infancia ou o amor. O poeta evoca un tempo pasado e feliz, un tempo en que as cadeas que aferran o ser humano aínda lle eran descoñecidas; relembra así unha sorte de paraíso perdido.
- Liña irónica, fortemente corrosiva e crítica que se pode observar en libros como Cantigas de escarnio e maldicir ou nos Antipoemas. Celso Emilio denuncia a mesquindade humana con ton acedo, cheo de humor sarcástico. É esta unha poesía universal, que canta as traxedias do ser humano en xeral, por riba de razas, cores, linguas ou fronteiras.