Normativización do galego: Proceso, Polémicas e Interferencias

Enviado por ALEJANDRO y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,28 KB

Para ser un instrumento útil e eficaz para a sociedade, un idioma precisa a fixación dunha variedade unificada común a todos os seus falantes, unha variedade que sirva de modelo e de vehículo para a comunicación formal. O proceso a través do cal se elabora esta variedade denomínase normativización ou estandarización.

Algunhas linguas do noso contorno (español, francés, portugués...) levaron a cabo este proceso xa dende os séculos XVI e XVII, pero o galego, debido á situación subordinada que vivía nese período histórico, quedou á marxe dese proceso. Só cando empezou a recuperarse como lingua de cultura (séc. XIX) puido iniciar o seu proceso normativizador, con moito retraso respecto das linguas románicas máis próximas.

A construción dunha variedade estándar é un proceso longo e laborioso, ao redor do cal xorden frecuentes polémicas. Os primeiros pasos consisten na fixación dunha ortografía, a escolla dunha variedade común e a elaboración de gramáticas e dicionarios. No caso do galego, os dicionarios e gramáticas comezan a aparecer a partir de 1860. Hai que agardar aos primeiros anos do século XX para que xurdan as primeiras propostas dunhas normas comúns. A primeira proposta atópase en Algunhas normas para a unificación do idioma galego, publicadas en 1933 polo Seminario de Estudos Galegos. Logo do silencio de posguerra, a Real Academia Galega (RAG) publica en 1970 as Normas ortográficas do idioma galego. Xa no ano 1982 o Instituto da Lingua Galega (ILG) e a RAG publican as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais pola Xunta de Galicia. Estas normas sufriron senllas revisións nos anos 1995 e 2003. A aprobación destas normas non estivo exenta de polémica, xa que outra tendencia, a reintegracionista, considera estas normas oficiais illacionistas e pouco respectuosas co criterio histórico e etimolóxico que debería aproximar o galego ao estándar portugués.

Interferencias e desviacións da norma

En sentido amplo, podemos definir a interferencia lingüística como a influencia dunha lingua sobre outra en calquera plano (fonético, morfolóxico, léxico, etc.). No caso do galego, os castelanismos supoñen a interferencia máis frecuente. Existen ademais outros fenómenos alleos á norma, desviacións que se deben evitar sobre todo na escrita e nos actos comunicativos formais:

  • Castelanismos: substitución dunha forma xenuína por outra castelá: *dios, *iglesia, *o viaxe...
  • Hipergaleguismos ou diferencialismos. O desexo de afastarse do castelán levou en ocasións á falsa “galeguización” de formas coincidentes en ambos os idiomas, creando unha forma incorrecta: *primaveira, *carreteira, *urbán...
  • Vulgarismos. Vacilacións no vocalismo ou consonantismo por adición ou supresión de elementos: *amoto, *verdá, *vran...
  • Arcaísmos. Formas do galego antigo hoxe perdidas na lingua: *tiduo, *aer...

Ademais, son considerados incorrectos, e por tanto supoñen unha desviación da norma aqueles préstamos innecesarios para cuxo significado xa existe unha palabra propia na nosa lingua: *container, *fast food...

Entradas relacionadas: