Normalización Lingüística: Claves e Estratexias en Galicia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,96 KB

Normalización Lingüística e a Lingua Galega

Para podermos afondar no concepto de normalización lingüística, é dicir, o proceso que ten como obxectivo facer da lingua o vehículo normal de comunicación dunha comunidade, e conseguir que esa lingua se recupere en todos os ámbitos da vida e en todos os estamentos sociais, para así poder cumprir a totalidade das funcións no seu territorio, debemos partir da comprensión do concepto de lingua minorizada fronte a lingua hexemónica.

Linguas Minorizadas vs. Linguas Hexemónicas

Chamamos linguas minorizadas a aquelas que, sendo historicamente propias dun pobo, están sometidas a unhas condicións sociais que restrinxen as súas funcións, xa que estas son desenvolvidas total ou parcialmente por outra lingua foránea. Deste xeito, a lingua propia do territorio vai perdendo prestixio fronte á lingua foránea que vai ocupando os distintos ámbitos de uso e gozando cada vez de máis prestixio social. Ser unha lingua minorizada non necesariamente implica ser lingua minoritaria, é dicir, que posúa escaso número de falantes, pois pode darse o caso de ser a lingua máis falada no territorio e, sen embargo, estar igualmente minorizada.

As linguas alleas que cumpren as funcións que lles corresponderían ás linguas propias é o que se coñece como linguas hexemónicas. Os procesos de minorización non son naturais, senón resultados de procesos históricos nos que a lingua propia vaise vendo afectada por un fenómeno de restrición, perdendo usos, mentres a lingua allea vai ocupando eses usos mediante un fenómeno de expansión de usos.

O Perigo da Desaparición Lingüística

O perigo que ameaza a unha lingua minorizada é o da súa desaparición, que se produce ao deixar de utilizarse como instrumento de comunicación. Para evitar esta situación deben adoptarse medidas para favorecer a súa supervivencia, establecendo unha política lingüística que teña como principal obxectivo chegar á normalización lingüística. Para conseguir este proceso cómpre a intervención institucional do poder político, a través de organismos como a Xunta de Galicia, o Parlamento Autonómico ou as diferentes Administracións, a acción colectiva non institucional, a través de profesionais, asociacións ou empresas, e mais a acción individual.

Política Lingüística Galega

A posta en marcha da Política lingüística galega correspóndelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxa misión é a de articular as accións para levar a cabo o proceso normalizador e planificar actuacións que promocionen o uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade.

  • Leváronse a cabo actuacións importantes en materia lexislativa, como o Decreto de Bilingüismo e a Lei de Normalización Lingüística, xunto con accións a través dos medios de comunicación, por exemplo coa creación da RTVG, pero moitas destas actuacións tiveron unha escasa efectividade.
  • Isto, xunto co incumprimento da lexislación vixente, fai que o galego siga retrocedendo como primeira lingua.

Plan Xeral de Normalización Lingüística

Analizada a situación, a Administración decidiu elaborar un Plan Xeral de Normalización Lingüística que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia en 2004. Este Plan recolle medidas diversas, e ten como obxectivo garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, conseguir para o galego máis funcións sociais e máis espazos de uso, e promover unha visión moderna e útil da lingua.

O Futuro do Galego

Todas estas propostas van encamiñadas a frear a perda de falantes e aumentar o seu uso en todos os ámbitos e en todas as xeracións, xa que se non se reverte a situación actual de perda de falantes que está a sufrir o galego e se non se potencia a transmisión xeracional, en poucas xeracións o galego podería desaparecer como lingua maioritaria de Galicia.

Entradas relacionadas: