Normalización do galego: Situación actual e retos

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 7 KB

O galego: Lingua e vías de normalización

Actualmente existen no mundo unhas seis ou sete mil linguas, aínda que só están censadas catro ou cinco mil. O número é difícil de precisar porque hai zonas do planeta pouco estudadas e porque non sempre está claro que se considera lingua. Esta gran diversidade lingüística correspóndese tamén cunha gran variedade de situacións nas que se poden atopar as diferentes linguas dende o punto de vista político e xeográfico.

A realidade é que hai unhas linguas dominantes, as hexemónicas, que son as que gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións cumpra unha lingua, maior prestixio social acada. Destas, o inglés é hoxe a lingua hexemónica por excelencia, xa que é a que maior prestixio social posúe actualmente no mundo e tamén a que se emprega en moitos países de gran potencial económico.

Outras linguas, polo contrario, encádranse no grupo das ameazadas, as linguas minorizadas, que son aquelas que, sendo historicamente propias dun pobo, están sometidas a condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións de uso. A competencia desigual cunha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante desta situación. Neste caso, a lingua minorizada mantense entre a poboación rural e nas clases máis baixas, mentres que os habitantes das cidades ou as clases altas adoptan antes a lingua dominante. Así, a lingua autóctona pasa a ter escaso prestixio, fronte á lingua dominante, asociada á promoción social e á cultura dos estamentos dirixentes, de aí que as linguas minorizadas sexan linguas sen estado (hai algunha excepción como o gaélico irlandés ou o luxemburgués). Convén aclarar tamén que o número de falantes non é factor decisivo para que unha lingua se considere minorizada (o islandés con só 200.000 falantes ten asegurada a súa supervivencia ao ser o único idioma nacional e oficial en Islandia; o galego ou o catalán, con moitos máis falantes, son minorizadas), mesmo linguas hexemónicas poden atoparse minorizadas en determinadas rexións, como ocorre co español en Porto Rico ou en zonas dos EE.UU, co alemán falado en Alsacia (Francia) ou no norte de Italia, ou coa variedade de francés falada no Val de Aosta (Italia).

Lingua minorizada vs. lingua minoritaria

Dende un punto de vista sociolingüístico, convén non confundir este concepto de lingua minorizada co de lingua minoritaria. Así:

  • Unha lingua minorizada é, como vimos, aquela que non cobre todas as funcións dunha lingua na súa comunidade (identidade, familiar, local, laboral, cultural e institucional).
  • Unha lingua minoritaria, independentemente da consideración social que teña, é a que ten un número relativamente pequeno de falantes.

Cómpre sinalar, entón, que mentres o concepto de lingua minorizada ten unha dimensión cualitativa e funcional (responde á pregunta para que se usa?), o concepto de lingua minoritaria ten unha dimensión simplemente cuantitativa (cantos a usan?). Por esta razón, podemos atopar linguas minoritarias que están minorizadas, por teren restrinxidos os seus usos (por exemplo o bretón); pero tamén linguas minoritarias perfectamente normalizadas, no sentido de que son o instrumento habitual de interacción entre os seus falantes, é dicir, cumpren todas as funcións sociais da lingua e teñen garantido o seu porvir (por exemplo o islandés). Polo que se refire ás linguas con moitos falantes, serán máis comúns as situacións de normalización-non minorización, pero non é excepcional que algunha delas se atope nalgún contexto en situación de minorización, xa que unha mesma lingua pode ser non minorizada nun territorio (o francés en Francia) e minorizada noutro (o francés no Canadá, pese a non ser minoritaria).

A normalización lingüística do galego

A normalización lingüística é o proceso tendente a converter unha lingua no vehículo normal de comunicación dunha comunidade; significa, pois, a recuperación do status de 'lingua normal', isto é, que o seu uso oral e escrito sexa natural e espontáneo en todas as situacións que se poden producir na vida pública e privada dos habitantes dun país, e que o recurso a outra lingua só sexa voluntario e non por obriga. Normalizar o galego consiste, pois, en que este recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida (ensino, medios de comunicación, administración, xustiza, comercio, relixión, relacións interpersoais...) e en todos os estamentos sociais, é dicir, que cumpra de facto a totalidade das funcións posibles no seu territorio.

Accións para a normalización

Para levar a cabo o proceso de normalización cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • A acción institucional do poder político (Xunta de Galicia, Parlamento Autonómico, deputacións provinciais, administracións locais, etc.).
  • A acción colectiva non institucional (asociacións culturais, de veciños, profesionais...).
  • A acción individual asentada na vontade de normalización das persoas que forman a comunidade lingüística. Sen esta vontade individual, o proceso nunca se poderá levar a cabo. Cada un de nós ten que facer algo polo seu idioma e non esperar a que outros o fagan por el. Que pode facer un individuo pola lingua propia de súa comunidade?: USALA.

Situación actual e retos de futuro

Hoxe podemos dicir que nos últimos anos houbo avances importantes que benefician o proceso de normalización do noso idioma: o galego goza dun recoñecemento oficial e dispón dunha lexislación propia; aumentou o seu uso nos diferentes niveis da Administración, nas institucións públicas, na actividade política, nos medios de comunicación, na igrexa, no mundo da cultura, é materia obrigatoria no ensino... Porén, en todos estes ámbitos maniféstase unha preferencia polo castelán e a práctica do galego segue a ser minoritaria. Ademais, segue retrocedendo como primeira lingua, sobre todo entre a mocidade, debido, entre outras causas, á escasa efectividade da política lingüística institucional.

Por outra banda, a súa presenza na empresa privada é aínda moi escasa. Así pois, a pesar dos avances cualitativos e cuantitativos analizados, de momento non acadou (nin moito menos) a categoría de lingua normalizada. Isto será realidade cando poidamos realizar calquera actividade (estudar, ler un xornal, ver unha película...) sen necesidade de recorrer a outra lingua, e cando na nosa sociedade ninguén o rexeite e todos saiban usalo e o usen de maneira natural e espontánea en calquera situación.

Mentres isto non aconteza, temos que seguir defendendo e potenciando a súa normalización e as institucións encargadas deben poñer todos os medios necesarios, tanto lexislativos como económicos, para seguir nese empeño.

Entradas relacionadas: