Normalización do galego: retos, lexislación e futuro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias
Escrito el en
gallego con un tamaño de 3,84 KB
Normalización do galego: retos e situación actual
O galego, un idioma que nunca perdeu a súa condición de lingua maioritaria no seu territorio, padeceu durante séculos unha marxinación que o mantivo afastado dos usos institucionais e oficiais, relegado á condición de lingua oral familiar, situación que o converteu en lingua minorizada.
Substitución ou normalización
O conflito lingüístico que se produce pola primacía social entre un idioma hexemónico e unha lingua minorizada só coñece dúas saídas posibles: a substitución lingüística ou a normalización lingüística, é dicir, o establecemento de medidas políticas, legais, sociais e lingüísticas para a recuperación do idioma marxinado dentro da súa propia comunidade.
Que é a normalización lingüística
Denominamos, polo tanto, normalización lingüística o proceso de adquisición por parte do galego de funcións e ámbitos de uso e recuperación daqueles que lle foron usurpados polo castelán. A normalización pretende restaurar na sociedade o unilingüismo natural, eliminando as situacións diglósicas. Normalizar o galego significa, pois, recuperar a súa presenza exclusiva en todo tipo de ocasións e actividades da vida social, cultural, comercial, administrativa e de relación.
Marco político e avances
O novo marco político deseñado a partir da Constitución de 1978, do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e das demais disposicións e decretos que a desenvolven provocou importantes avances cualitativos no seu prestixio e recuperación social en terreos ata entón pouco propicios:
- actuación política institucional
- ensino
- medios audiovisuais
Resistencia e dinamización
Porén, hai quen entende que este proceso é aínda minoritario e pouco cristalizado, xa que se dá unha certa reticencia e resistencia, cando non oposición frontal, en relación co galego. Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma que impliquen colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, na procura dun cambio de actitude na sociedade.
Situación actual e riscos
O galego chega ao século XXI con presenza en todos os ámbitos e emprego real en todas as funcións da sociedade que constitúe o seu espazo cultural natural. Porén, por agora non podemos considerar rematado o proceso de normalización lingüística, xa que existen actitudes que seguen a considerar o galego como unha lingua máis acaída para falar cos amigos e familiares, na aldea e coa xente de máis idade; e o castelán, a lingua que debe empregarse de maneira preferente no comercio, na igrexa, no xulgado, na universidade e, en xeral, nos intercambios sociais máis formalizados.
Segundo os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia, a porcentaxe dos que falan galego decrece drasticamente conforme diminúe a idade das persoas. Desta maneira, de non mudaren os indicadores, a situación evolucionaría de maneira moi negativa para o galego, xa que un descenso tan severo do número de falantes podería mesmo facer perigar a propia supervivencia da lingua.
Aínda que estudos máis recentes confirman un estancamento desa tendencia de diminución, a creba do proceso que transmitía o idioma de pais a fillos segue a constituír unha seria ameaza para o futuro da lingua. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua «ritual». Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso.