A Normalización do Galego: Logros e Contexto Histórico (1900-1936)
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,23 KB
Logros Recentes na Normalización do Galego
Os logros máis importantes no proceso de normalización da lingua galega foron:
- A cooficialización do galego.
- A introdución do galego no ensino.
- A creación da Radio Televisión de Galicia (RTVG).
- A creación dunha variedade estándar.
- A produción de campañas institucionais que fomentan o uso do galego.
- A promoción da vida cultural en galego (teatro, literatura, música, etc.).
Podemos ver que houbo un grande avance. Os galegofalantes gozan de maior liberdade e respecto, e a maior parte dos seus dereitos lingüísticos están recoñecidos. Ademais, as taxas de substitución lingüística comezan a reverter, de modo que cada vez máis galegofalantes lles transmiten a súa lingua aos fillos. A xente nova xa non se avergoña de falar galego nin considera maleducado ou incorrecto comunicarse na súa lingua cos castelanfalantes; mesmo existen persoas co castelán como lingua materna que se comprometen co galego e pasan a usalo como lingua habitual.
Todo isto conleva un aumento no número de falantes, polo que podemos dicir que o galego é unha lingua en vías de normalización. É dicir, está no proceso de conseguir a dignificación cultural e a recuperación social, adquirindo ámbitos de uso que lle foron negados e deixando de ser unha lingua restrinxida ás clases baixas e á comunicación oral no ámbito familiar.
O Galego entre 1900 e 1936
No primeiro terzo do século XX dáse unha aceleración dos procesos sociolingüísticos que xa comezaran no século anterior: medra a conciencia idiomática, pero segue a castelanización da sociedade (clases medias e proletariado urbano).
Situación Lingüística e Cultural
Neste período, destacamos o labor de varias institucións e movementos clave:
As Irmandades da Fala
A primeira Irmandade, impulsada por Antón Villar Ponte, foi fundada na Coruña en 1916. O obxectivo fundamental desta asociación era a exaltación e o fomento da práctica social do idioma. En 1918, na Asemblea Nazonalista de Lugo, aparece por primeira vez o termo "nacionalista". En estreita relación está o xornal A Nosa Terra (1916-1936), que axuda a espallar as ideas nacionalistas.
O Grupo Nós e a Universalización da Cultura
Grande importancia cultural ten o Grupo Nós, protagonista da universalización e europeización da cultura galega e, por tanto, da súa lingua. A Revista Nós, fundada en 1920, axuda á difusión da cultura da época.
Outras Institucións Relevantes
- O Seminario de Estudos Galegos: Creado en 1923 por un grupo de mozos universitarios, ten como obxectivo o estudo de todas as manifestacións da cultura galega.
- O Partido Galeguista: É a primeira forza decididamente nacionalista na que se agrupan os colectivos galeguistas que non tiñan cohesión no país. O PG considera a lingua como un dos trazos individualizadores máis importantes de Galiza e expresa a súa intención de defendela e contribuír á súa expansión e dignificación social. Este esforzo culminará coa inserción no Estatuto de Autonomía dun artigo no que se recoñecía a cooficialidade do galego e o castelán na Administración e se admitía un ensino bilingüe nas escolas primarias.
Evolución da Lingua Literaria
Por outra banda, a toma de contacto co galego medieval, pola publicación das cantigas e outros documentos, provocou unha grande conmoción no galego literario, que vai recuperar moito léxico. Tamén vai aparecer unha liña de achegamento ao portugués para restaurar formas que a fala popular perdera pola presión do castelán. Non obstante, o afán de purificación da lingua levou á inclusión na literatura de numerosos arcaísmos, hipergaleguismos e invencións.
A Lingua na Sociedade do Momento
Resulta evidente a recuperación do galego nesta fase do século. A lingua avanza nos usos culturais (literarios e científicos), mais a situación da lingua no conxunto da sociedade segue a estar moi lonxe do ideal abrigado polo galeguismo.