Normalización do galego: evolución normativa, usos sociais e retos actuais

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,91 KB

Normalización e evolución do galego (1939-actualidade)

Tras a ditadura (1939-1975) abriuse un novo período democrático no que se procurou garantir as liberdades individuais e colectivas. Neste contexto hai que situar a nova visión que se ten a nivel institucional da pluralidade lingüística, que se plasma nunha nova lexislación. O acceso do galego a funcións socialmente prestixiosas, antes reservadas en exclusiva ao castelán (administración, ensino, medios…), e a súa importante presenza no ámbito cultural axudaron a mudar a súa imaxe, antes estereotipada, para parte da poboación.

A nivel legal, a oficialidade do galego recoñécese de forma asimétrica na Constitución e no Estatuto de Autonomía. Ademais, a Lei de Normalización Lingüística (1983) desenvolveu polo miúdo os aspectos legais relacionados co uso, a promoción e a aprendizaxe. Así, incorporouse ao sistema educativo como materia de estudo e lingua vehicular, o que permitiu, por primeira vez, a alfabetización sistemática no noso idioma.

Así mesmo, converteuse na lingua oficial da administración autonómica e consolidouse o modelo estándar, depurado de castelanismos e vulgarismos, enriquecido por un amplo vocabulario técnico-científico, procedente dos máis variados campos do coñecemento e da vida social. Conta cunha norma culta fixada nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982).

Neste período, o galego chegou a ámbitos que en épocas precedentes tiña vetados e, neste senso, avanzouse na súa normalización, especialmente en termos cualitativos. Tamén aumentou a competencia lingüística da poboación e, actualmente, case a metade da poboación fala de xeito habitual, só ou principalmente, o galego. Porén, a desgaleguización avanza en termos cuantitativos e persisten indicadores negativos que ameazan seriamente o seu porvir, como o uso decrecente entre a xente máis nova e nos espazos urbanos e a ruptura da transmisión xeracional.

En 2004, logo dunha avaliación crítica do proceso, o Parlamento aprobou por unanimidade o PXNLG para lle dar prioridade en sectores estratéxicos, aínda que na realidade ese plan tampouco se executou até agora. É máis, no ámbito educativo aplícase desde 2010 unha lexislación regresiva que atenta contra os seus principios. O galego é hoxe, polo tanto, unha lingua na encrucillada que só pode afastar o perigo da substitución completa recuperando socialmente a súa presenza e conseguindo a plena normalización no seu espazo cultural propio.

a) Galego estándar (dende 1980 ata a actualidade)

O idioma incorpórase a ámbitos dos que estivera apartado historicamente, aumenta o seu uso formal e elabórase unha normativa, non sen fortes debates e discrepancias entre dúas tendencias: autonomista ou isolacionista vs. reintegracionista ou lusista. Que a lingua sexa obxecto dun maior estudo e investigación académica axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións anteriores. En 1982, a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego.

b) Principios das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego

  1. Achegamento á lingua falada, máis depurada de castelanismos.
  2. Elaboración dunha variedade supradialectal e apoiada na extensión demográfica coa cal se identifiquen os membros da comunidade galegofalante.
  3. Preferencia polas formas tradicionais fronte ás innovadoras, así como polas formas xa consagradas polo uso na literatura.
  4. Harmonización coas linguas romances e, particularmente, co portugués nos termos científicos e técnicos e tamén nos cultismos.
  5. Exclusión do radicalismo diferencialista (que pode levar a falsas analoxías e vulgarismos), da evasión cara á lingua medieval e dos lusismos e brasileirismos innecesarios.

Entradas relacionadas: