A Normalización da Lingua Galega na Democracia

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,43 KB

O Galego na Transición e a Democracia

En 1975, coa morte de Franco, ponse fin á ditadura e iníciase a democracia. Coa aprobación da Constitución Española no ano 1978, que establecía a cooficialidade das linguas de España diferentes do castelán nos seus respectivos territorios, e coa aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, o galego pasa a ser a lingua propia e cooficial, xunto co castelán, en Galicia.

Marco Legal e Promoción

Do mesmo xeito, o Estatuto obriga aos poderes públicos a cumprir coa oficialidade e á promoción do galego, loitando contra a discriminación por cuestións lingüísticas.

Co fin de potenciar o noso idioma, en 1983, o Parlamento de Galicia aproba a Lei de Normalización Lingüística do Galego, a cal establece o dereito dos cidadáns con respecto ao uso do galego en ámbitos reservados ata ese momento ao castelán, como a administración, ensino, medios de comunicación, etc.

Ámbitos de Normalización

Administración

No ámbito da Administración, o galego será a lingua oficial en todos os organismos de carácter autonómico, local ou dependentes da Comunidade Autónoma.

Ensino

Tamén se produce a regulación do emprego do galego no ensino e a súa igualdade co castelán. Unha parte importante das medidas normalizadoras centráronse neste campo, xa que todos coincidían na importancia de incluír a lingua galega no sistema educativo para dar un paso adiante no proceso de normalización.

Medios de Comunicación

Nos medios de comunicación, a normalización está lonxe de acadarse. En canto á prensa escrita, só a finais do s. XX aparecerá un diario monolingüe en galego. O feito máis destacado foi a creación da CRTVG, que comeza a emitir en 1985. Nace co obxectivo de promover o uso do galego e desfacer os tradicionais prexuízos cara ao uso da lingua.

Houbo que esperar a 2004 para que se aprobara o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que de todos os xeitos non chegou a aplicarse na práctica máis que de forma puntual.

Estandarización da Lingua

Ao converterse o galego en lingua cooficial en Galicia, fíxose necesario ter unha variedade estándar ou normativa. Así, en 1982, o Instituto da Lingua Galega e a RAG publican as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, declaradas oficiais. Tras anos de discrepancias, no 2003 fíxose unha última revisión da normativa oficial que significou a superación desas discrepancias.

Situación Actual e Desafíos

Esta situación nova para o galego que estamos a explicar non consegue frear, non obstante, a perda constante de falantes que se pasan ao castelán, e a substitución lingüística do galego polo castelán continúa imparable. O galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, aínda que en descenso e cunha distribución desigual en función sobre todo do hábitat e da idade.

Mas o proceso de normalización consegue introducir o galego en ámbitos novos reservados ao castelán, e asistimos á ruptura definitiva da estabilidade diglósica que perdurara durante séculos. Aínda que os progresos cualitativos do galego non foron quen de reducir o avance cuantitativo do castelán.

O máis preocupante é a ruptura xeracional que se produce entre os falantes; moitos rapaces non reciben a lingua da familia, senón que a adquiren na escola coma se fose unha lingua allea.

Entradas relacionadas: