A Narrativa e o Teatro Galegos do Século XXI: Unha ollada aos novos camiños

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,38 KB

A Narrativa Galega nos Primeiros Anos do Século XXI

A comezos do século XXI, a narrativa galega experimentou unha certa contracción editorial debido a diversos factores, como o impacto da crise económica, o auxe das traducións de obras doutras linguas (Editorial Rinoceronte, Biblioteca Compostela de Galaxia, Editorial Hugin e Munin, etc.) e a política de publicación máis restritiva das principais editoras. Non obstante, consolidáronse liñas temáticas xa presentes en etapas anteriores, como a novela policíaca (Domingo Villar, con éxitos como Ollos de auga e A praia dos afogados), a humorística, a fantástica, a de terror e a de ciencia-ficción. A narrativa histórica viviu un momento especialmente fértil, coa conmemoración do Ano da Memoria en 2006, que impulsou obras como Home sen nome (Suso de Toro), As rulas de Bakunin (Riveiro Coello) e O lapis do carpinteiro (Manuel Rivas).

A Narrativa de Mulleres

Un trazo destacado é a aparición da narrativa de mulleres, con diversas voces, estilos e temas, pero con algúns trazos comúns:

  • Protagonismo feminino.
  • Cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais.
  • Visibilización da solidariedade feminina (sororidade).
  • Abordaxe das relacións entre mulleres (nai-filla, avoa-neta, amigas, amantes, etc.).
  • Reivindicación de figuras femininas importantes na historia (Exeria, Xoana de Castro, María Balteira, a Bela Otero...).
  • Preferencia por unha narrativa de enfoque psicolóxico.

A publicación en 2000 da antoloxía Narradoras serve como punto de referencia. Xunto a pioneiras como Xohana Torres, Mª Xosé Queizán, Margarita Ledo, entre outras, sitúanse novas narradoras como Rosa Aneiros (Eu de maior quero ser, Resistencia, Veu visitarme o mar, etc.), Inma López Silva (Concubinas, Non quero ser Doris Day, Memoria de cidades sen luz), Teresa Moure (Herba moura, Benquerida catástrofe, A casa dos Lucarios, etc.), María Reimóndez (O caderno de bitácora, O club da calceta, Usha, etc.) e Anxos Sumai (Anxos de garda, Así nacen as baleas).

Autores de xeracións anteriores, como Suso de Toro (Home sen nome), Manuel Rivas (Os libros arden mal), Antón Riveiro Coello (Laura no deserto, Os elefantes de Sokúrov), Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor) e Marina Mayoral (Tristes armas, O anxo de Eva), tamén continuaron publicando.

O Teatro de Fins do Século XX e Comezos do XXI

A morte de Franco supuxo unha revitalización do teatro galego. Desde 1978, pódense distinguir tres fases:

Primeira Fase: Profesionalización

Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia profesionalizan o teatro, como Sarabela Teatro. Editoriais e entidades culturais (D. Saturio, Elsinor Teatro, Cadernos da Escola Dramática Galega) publican obras teatrais e celébranse mostras como a de Ribadavia, Cangas, Cariño e Cee. As obras de intencionalidade política explícita dan paso a unha maior diversificación e complexidade.

Segunda Fase: Institucionalización

Créanse novas compañías profesionais: Teatro do Atlántico, Matarile Teatro, Teatro do Noroeste, entre outras. Destacan a creación do Centro Dramático Galego (1984) e do IGAEM (1989), así como a convocatoria de premios.

Terceira Fase: Dos 90 aos nosos días

Surxen numerosas compañías profesionais como Uvegá Teatro, Factoría Teatro, Talía Teatro, etc., xunto a compañías alternativas (Teatro Ensalle, D2, Nut Teatro e Voadora) e de afeccionados (FEGATEGA en 2001). Ponse en marcha a Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996) e a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo (2005/06). Celébranse novos festivais e mostras, ábrense salas privadas, publícanse monografías e traducións, e editoras como Xerais e Laiovento lanzan coleccións de teatro. Convocanse novos certames de textos teatrais (Estornela, Barriga Verde, Manuel María, Diario Cultural, etc.), que se suman aos xa existentes (Rafael Dieste e Álvaro Cunqueiro).

A diversidade da oferta dificulta atopar características comúns, pero destacan catro liñas que adoitan entrecruzarse: a crítica, a irónica, a lúdica e a culta.

Entradas relacionadas: