Narrativa Galega: Unha Mirada á Prosa de 1936 a 1976

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,37 KB

A Prosa entre 1936 e 1976

A primeira novela que se publica na posguerra é A xente da Barreira (1951) de Ricardo Carballo Calero; con ela comeza a recuperación da narrativa. Nestes primeiros anos podemos diferenciar dous grupos de narradores: os clásicos (Blanco Amor, Cunqueiro e Fole) e os membros da “Nova Narrativa”. Logo virán na década dos 70 as novas promocións xurdidas dos premios literarios.

Eduardo Blanco Amor

Naceu en Ourense en 1897 e faleceu en Vigo en 1979. Emigrou a América en 1919 onde botou parte da súa vida e onde realizou todo o seu traballo cultural e publicou a súa obra literaria. A súa narrativa sitúase en Ourense (Auria para o autor) a finais do século XIX e comezos do XX. Escribe a súa primeira novela cando contaba máis de sesenta anos, A esmorga, un dos mellores textos narrativos da época, no que se plasma a estrutura inxusta dunha sociedade que non é quen de integrar os individuos marxinais que ela mesma crea. Un libro de contos (Os biosbardos) e unha última novela (Xente ao lonxe) na que aborda o nacemento do movemento obreiro en Ourense, completan a súa aportación á narrativa galega.

Ánxel Fole

Naceu en Lugo en 1903 e faleceu en 1986. Lugo e a súa provincia, son o centro da súa vida e da súa obra que ten como aportación máis interesante os libros de contos: Á lus do candil (1952), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981). Trátase de contos de tipo oral ou popular que el reescribiu literariamente sendo o máis fiel posible á súa lingua orixinaria e tendo como temas fundamentais os lobos e as lendas populares.

Álvaro Cunqueiro

Naceu en Mondoñedo en 1911 e faleceu en 1981 en Vigo. Dedicou toda a súa vida a escribir en revistas ou xornais tanto de Galicia como de fóra. Na obra literaria aborda tódolos xéneros dende a poesía ata o ensaio ou os libros de cociña. Antes de 1936 realizou un intenso labor poético que se inscribe nos movementos vangardistas. Na posguerra decántase pola narrativa e o teatro. A súa narrativa presenta as seguintes características xerais:

  • unión entre o real e o marabilloso;
  • recreación dos grandes mitos da literatura universal;
  • mestura constante entre realidade e fantasía;
  • uso dunha lingua moi coidada e con influencias do galego oral.

Manexou o galego e o castelán, e na narrativa en galego destacan tres novelas: Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961), e tres libros de semblanzas: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979). Merlín e familia recrea o personaxe artúrico do mago Merlín a través dunha serie de episodios que transcorren en terras de Miranda en Galicia. Son episodios fantásticos. As crónicas do Sochantre sitúase na Bretaña francesa, no século XVIII, e narra as peripecias de un músico de capela (o Sochantre) que vai na súa carroza tocando o bombardino ós funerais dun nobre. Se o vello Sinbad volvese ás illas retoma o protagonista de As mil e unha noites, un mariño árabe retirado en Bolanda que soña con volver a navegar ata que perde a vista e xa non pode nin soñar. Ademais da narrativa, cómpre non esquece-la aportación do autor nos eidos da poesía e o teatro, neste último reseña-la publicación, en 1974, dun volume titulado Don Hamlet e tres pezas máis.

Xosé Neira Vilas

(Gres, A Estrada, Pontevedra, 1928): O mundo narrativo de Neira Vilas pode encadrarse na liña do socialrealismo. Xa tendo protagonista infantil ou adulto, o groso da súa obra xira arredor de dúas realidades: o mundo rural e o da emigración. Este autor caracterízase por dominar múltiples técnicas narrativas: desde diferentes puntos de vista (1ª, 3ª e mesmo 2ª persoa), ata diversas presentacións formais: o diario, a carta, a conversa... A súa linguaxe sitúase preto da fala popular, léxico rico, depurado e vivo, sintaxe sinxela e próxima á da lingua falada. Na súa extensa produción destacan obras como Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho, Xente no rodicio, Remuíño de sombras...

Entradas relacionadas: