A Narrativa Galega de Posguerra: Cunqueiro, Fole e a Renovación Literaria

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,59 KB

A Narrativa Galega de Posguerra: Fole, Cunqueiro e a Renovación

A narrativa comeza a agromar de novo durante os anos 50 da man dun grupo de autores e autoras que se caracterizaban pola súa individualidade. Neste caso, imos deternos nas dúas figuras polas que apostou a editorial Galaxia para renovar a novela galega: Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro.

Máis adiante, na década dos 60, aparecerán outras figuras importantes como Xosé Neira Vilas ou a xeración denominada como Nova Narrativa Galega, que virán renovar a nosa literatura, como veremos na seguinte unidade.

Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981)

Xa coñecemos a súa faceta de poeta vangardista durante a preguerra. Con todo, despois da guerra, foi captado polo xornalismo franquista, polo que abandonou a escrita en galego e Galicia. Posteriormente, Cunqueiro quedou sen traballo, regresou a Mondoñedo e será a partir dos anos 50 cando, animado polo seu amigo Fernández del Riego, retome a súa produción literaria en galego e se reconverta ao galeguismo.

Características Xerais da Narrativa Cunqueiriana

A súa obra narrativa é o resultado da combinación da literatura oral popular e a cultura libresca. As características xerais da narrativa de Cunqueiro son:

  • Unha escritura que se achega á linguaxe poética, polas súas estruturas curtas e pola súa intensidade.
  • A mestura do real e o marabilloso: combina personaxes míticos (Merlín ou Sinbad) con personaxes reais, elementos ou sucesos cotiáns con outros extraordinarios e fantásticos. Todo isto presentado con absoluta naturalidade.
  • A mostra dunha fonda galeguidade, mais tamén do cosmopolitismo e do universalismo (coñecemento da cultura universal, da cultura mítica, das culturas orientais e europeístas, dos mitos grecolatinos…).
  • A memoria como elemento estruturante: a través da memoria crea o marco narrativo.
  • A importancia temática do mito: trata de achegar os mitos de diferentes tradicións á realidade galega e humanízaos.
  • Uso de recursos da tradición popular: hai unha tendencia á polifonía ou descentralización narrativa e á técnica das historias encaixadas.
  • Presenza do humor e da ironía.

Obra Narrativa de Cunqueiro: Novelas e Relatos

Destacan tres obras de narrativa longa (novelas):

  • Merlín e familia (1955)
  • As crónicas do Sochantre (1956)
  • Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961)

Nos anos 60 pechará a súa novelística en galego e iniciará a publicación dunha serie de coleccións de relatos curtos nas que, mediante o modelo do conto oral, presenta un retrato de tipos populares galegos:

  • Escola de menciñeiros (1960)
  • Xente de aquí e acolá (1971)
  • Os outros feirantes (1979)

Outros Xéneros Cultivados por Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro tamén tentou sorte noutros xéneros:

  • Poesía: Publicou Dona do corpo delgado (1950) e unha serie de poemas dispersos que viron a luz nun volume titulado Herba de aquí e de acolá (1980).
  • Teatro: Escribiu textos teatrais coma O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959), onde seguimos a ver a importancia do mito.

Entradas relacionadas: