Narrativa galega de posguerra: autores e obras

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,14 KB

A narrativa galega de posguerra

A Guerra Civil e a posterior ditadura franquista supuxeron o desmantelamento do sistema literario galego, truncando un período no que a narrativa, grazas á Xeración Nós, acadara un gran desenvolvemento.

Nos anos 40 a produción en galego trasládase a Bos Aires. Nos 50, coa suavización da represión, iníciase a recuperación cultural en Galiza coa creación da editorial Galaxia (1950). A primeira novela galega de posguerra, A xente da Barreira de Carballo Calero, publicarase un ano despois.

A partir deste momento, reiniciarase a literatura en galego, con autores como Blanco Amor, Cunqueiro, Fole e Neira Vilas, que contribúen á renovación da narrativa. Ademais, publícanse obras continuadoras da Xeración Nós, como O señorito da Reboraina de Otero Pedrayo, que retoma o tema da decadencia da fidalguía.

Álvaro Cunqueiro

Durante a preguerra escribiu poesía, mais a partir de 1950 céntrase maioritariamente na prosa. A súa literatura caracterizouse por un realismo fantástico, no que o máxico convive co real:

  • Os personaxes da literatura universal comparten vivencias con xentes do pobo galego.
  • Mestura elementos culturais de orixe árabe (Sinbad), da cultura grecolatina (Orestes) ou da materia de Bretaña (Merlín, Xenebra) con recursos do mundo popular.

Predomina na súa narrativa o sentido do humor, a sintaxe complexa e a ausencia de contextualización, pois o importante é a acción.

As súas obras adoitan ter estrutura de caixas chinesas, unha historia dentro doutra historia, con numerosos narradores e perspectivas. Todas as súas novelas comparten unha estrutura semellante: coleccións de historias contadas por un narrador testemuña.

Obras principais de Cunqueiro

  • Merlín e familia: Episodios narrados por Felipe de Amancia, paxe do mago Merlín. Recrea a materia de Bretaña dende unha perspectiva galega.
  • As crónicas do Sochantre: Narrado polo Sochantre de Pontivy e situado na Bretaña francesa. É unha obra con moito humor que ten como protagonistas a uns esqueletos que contan cadansúa historia.
  • Se o vello Sinbad volvese ás illas: Sinbad conta as súas aventuras mariñeiras. Reinterpreta o mito de As mil e unha noites.

Relatos de Cunqueiro

Os seus tres relatos (recollidos en Semblanzas) están escritos dende unha perspectiva máis realista:

  • Escola de menciñeiros
  • Xente de aquí e acolá
  • Os outros feirantes

Son breves retratos de personaxes populares aparentemente reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa.

Eduardo Blanco Amor

A súa narrativa enmárcase no realismo social. Está ambientada no seu Ourense natal, e caracteriza a sociedade galega de principios de século (a clase traballadora, a vida marxinal…). Predomina o narrador en terceira persoa mediante o cal este se afasta dos acontecementos, conseguindo obxectividade e verosimilitude.

Obras principais de Blanco Amor

  • A esmorga: Publícaa no exilio. Supón o inicio da renovación da narrativa galega de posguerra, tanto na temática (protagonista colectivo de clases populares) como na forma (técnica telefónica). O espazo que percorren os protagonistas é sempre suburbial. Cibrán relata ante o xuíz as últimas 24 horas de esmorga por Auria en compañía do Bocas e o Milhomes. A súa declaración é incomprensible para quen xulga (non falan o mesmo idioma).
  • Os biosbardos: Sete relatos con narrador infantil. Sitúase en Ourense de principios de século.
  • Xente ao lonxe: Presenta o Ourense de principios de século a través dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular. Técnica e tematicamente é a máis complexa das súas obras, xa que emprega a perspectiva múltiple.

Ánxel Fole

Representa o realismo popular, cunha temática rural e con elementos misteriosos e míticos, típicos da tradición oral, mesturados co sentido do humor. As súas obras están formadas case exclusivamente por libros de contos como Á lus do candil e Terra brava, ambientados nas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala.

Xosé Neira Vilas

A súa narrativa caracterízase polo realismo rural, coa presenza do mundo rural da posguerra dominado pola miseria.

Obras con protagonista infantil

Tres das súas obras xiran arredor dun protagonista infantil:

  • Cartas a Lelo
  • Aqueles anos do Moncho
  • Memorias dun neno labrego (unha das obras máis vendidas da literatura galega)

Neira Vilas fai unha crítica social dos anos 30-40, nos que se vive unha situación de miseria extrema. Xente no rodicio, con protagonista adulto, céntrase no tema da emigración. Foi pioneiro da literatura infantil.

Entradas relacionadas: