A Narrativa Galega da Posguerra á Actualidade: Evolución e Autores
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 17,09 KB
A Narrativa Galega na Posguerra (1951-1975)
A narrativa é un xénero serodio na posguerra se o comparamos coa poesía. De feito, a primeira obra en prosa é de 1951. Ata 1975 temos poucas obras, pero moi distintas na temática e na estilística, un verdadeiro logro da prosa desta época.
Obras Continuadoras do Grupo Nós
- A xente da Barreira (1951) de Carballo Calero, que fala da historia dunha familia fidalga.
- Entre a vendima e a castañeira (1957) e O Señorito da Reboraina (1960) de Otero Pedrayo.
Obras de Autores Individuais e Serodios na Escrita Galega (Comezan a Escribir nos Anos 50)
Eduardo Blanco Amor e a Narrativa Realista
Describe de maneira real a sociedade do seu tempo. As narracións que escribiu foron A Esmorga, Xente ao lonxe e Os Biosbardos. Os protagonistas son adolescentes nas dúas últimas obras. É unha narración en primeira persoa, subxectiva, críbel e verosímil. Usa ambientes urbanos, algo de violencia en A Esmorga e tamén unha linguaxe coloquial baseada en rexistros da rúa.
Ánxel Fole e a Narrativa Popular
Céntrase en espazos de alta montaña e no pobo galego que nela habita. As narracións que escribiu foron Á lus do candil, Terra Brava, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Nestas narracións usa unha narración en espiral, o que significa que un conto leva a outro e así sucesivamente. Hai chamadas de atención ao auditorio (os lectores). Ten emotividade ante a paisaxe rural diúrna e nocturna. Usa un galego coloquial e enxebre e dálle importancia ao misterio e ao humor como compoñentes da personalidade do pobo galego.
Álvaro Cunqueiro e a Narrativa Fantástica
Céntrase nun mundo máxico e lendario onde vellos mitos viven nun ambiente cotián. O narrador crea un mundo idealizado de soños e fantasía para fuxir da crúa realidade do existir humano. As narracións que escribe son Merlín e familia, Se o vello Sinbad volvese ás illas e As crónicas do Sochantre, que son historias contadas dentro doutras que serven de marco. Usa a humanización e achegamento do mito ao lector (por exemplo, Merlín, Sinbad, Xenebra...). Tamén hai humor por comportárense estes mitos como auténticos galegos e usan tamén a melancolía na consciencia do paso do tempo, con descricións líricas e poéticas. Escribe teatro, narrativa e poesía.
A Nova Narrativa Galega (Anos 60)
Novidades Temáticas
- Personaxes anónimos, marxinais, desequilibrados...
- Expresión do absurdo da existencia, con ambientes urbanos claustrofóbicos e sórdidos e escasa importancia do personaxe.
Innovacións Técnicas
- Ruptura da linearidade temporal, con avances e retrocesos no tempo.
- Pluralidade de voces narrativas (varios narradores nun relato).
- Monólogo interior e multiperspectivismo.
- Renovación lingüística e sintáctica.
Características Comúns dos Autores
- Os autores teñen estudos universitarios.
- Hai influencia de escritores europeos e americanos.
- Son monolingües en galego, con participación no nacionalismo galego de esquerdas.
Principais Escritores
Xosé Luís Méndez Ferrín
- Temas:
- Fantástico: materia de Bretaña e lendas artúricas (por exemplo, Percival, Artur...).
- Exploración do absurdo da existencia humana, a angustia, a violencia institucional...
- Mundo mítico creado polo escritor, como por exemplo Tagen Ata, metáfora de Galiza sometida por Terra Ancha, e a loita por acadar a independencia.
- Obras: Percival e outras historias, O crepúsculo e as formigas, Arrabaldo do norte, Celtas sen filtro (Teatro), De Pondal a Novoneyra (ensaio).
Carlos Casares
Autor de contos e novelas. As tres primeiras son autobiográficas da súa infancia, mocidade e adolescencia. O resto delas están ambientadas nun pasado histórico, baseadas en narracións lúdicas do século X e XI, chegadas do cine a unha cidade galega do século XX e nunha investigación dunha morte nos comezos da Guerra Civil.
- Obras (Narrativa): Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul, etc.
- Tamén ten literatura infantil e pezas teatrais.
- Obras (Infantil/Teatro): A galiña azul, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.
Outros Autores da Posguerra
- Mª Xosé Queizán con A orella no buraco.
- Camilo Gonsar con Lonxe de nós e dentro e Como calquer outro día.
- Xohana Torres con Adiós María.
- Rodríguez Mourullo con Nace un árbore e Memorias de Tains.
- Xohán Casal con O camiño de abaixo.
Xosé Neira Vilas
Clasificación da Obra
- Segundo o espazo no que se sitúan as obras: en Galiza e América.
- Segundo o protagonista: infantil ou adulto.
Temas
- A Galiza Rural:
- Protagonistas infantís ou adolescentes: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo, Aqueles anos do Moncho.
- Protagonistas adultos: Xente no rodicio, A muller de ferro, Querido Tomás.
- En xeral, é un retrato da Galiza campesiña de posguerra caracterizada pola miseria, a opresión, os prexudizos, a dominación política e relixiosa, etc.
- A Galiza Emigrante:
- Obras como O Camiño bretemoso, Historias de emigrantes, Remuíño de sombras, Tempo novo.
- Tratan sobre a vida dos emigrantes galegos en América, cos problemas de adaptación ao mundo urbano, o illamento, a saudade da Terra, etc.
Contexto Histórico e Cultural (A partir de 1975)
Coa entrada no derradeiro terzo do século XX, Galiza encamíñase cara á actual situación de normalidade democrática; isto é, un estado onde se recoñece a soberanía popular e a liberdade e pluralidade políticas. Os nosos escritores gozan, de novo, de liberdade de expresión.
Acontecementos Políticos, Históricos, Económicos e Culturais
No Ámbito da Política
- Coa morte de Franco en 1975 comezou o proceso de transición democrática.
- En 1978, apróbase a Constitución.
- En 1985 España ingresa na Comunidade Europea.
- En 1981 o pobo galego aproba en referendo o Estatuto de Autonomía, que define Galiza como nacionalidade histórica e o galego como lingua propia de Galiza, establecendo a súa cooficialidade.
No Ámbito da Economía
É unha época de grandes transformacións. De feito, a integración de Galiza na UE supuxo cambios positivos e negativos.
- Na Industria: Entran en crise, aínda que algunhas medran con certo vigor (téxtil, alimentación...). Nos últimos anos o sector industrial estase a ver favorecido pola chegada de fortes investimentos da UE.
- En Servizos: Experimentou unha gran expansión, sobre todo o turismo, tanto o de masas na costa como o rural no interior.
- Na Agricultura e Pesca: A política pesqueira e agrícola da UE prexudicou seriamente este sector, no que se reduciron as cotas de pesca, de produción de leite e doutros produtos.
Normalización Lingüística
- A nosa lingua convértese en idioma oficial e reinicia o seu proceso de normalización; incorpórase ao ensino, aos medios e a outros ámbitos nos que ata o de agora non tiña presenza.
- O galego convértese en obxecto de estudo e investigación filolóxica na universidade e continúase co proceso de normativización. O Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG) elaboraron as Normas Morfolóxicas e Ortográficas da Lingua Galega, editadas en 1982 e revisadas en 2003.
Medios de Comunicación e Mundo Editorial
- Nos últimos anos alcanzáronse logros importantes: En 1984 comezou a emitir en galego a TVG e a Radio Galega.
- Ademais do xornal A Nosa Terra, xa existente, xurdiron diarios (como O Correo Galego, Galicia Hoxe, Xornal de Noticias -que foi bilingüe-, hoxe desaparecidos) e tamén numerosas publicacións periódicas: A Trabe de Ouro, Escrito, Luzes, Tempos Novos, Elipse, Bravú...
- O mundo editorial comezou unha etapa de expansión: Edicións Xerais, Ir Indo Edicións, Edicións Positivas, Kalandraka... E así, aumentaron as nosas publicacións.
Aspectos Negativos e Retrocesos
- Á parte dunha perda de falantes cada vez máis acuciante nas novas xeracións, aconteceron eventos como:
- En 2002, a catástrofe ecolóxica do Prestige.
- No 2009, o Goberno maioritario do Partido Popular que provoca retrocesos importantes para o mundo cultural e atenta contra liberdades lingüísticas, como:
- A instauración do decreto do plurilingüismo no ensino, propiciando a marxinalización do galego.
- Retirada de subvencións a proxectos en galego, provocando o peche.
- Respaldo ao Valedor do Pobo ante actitudes racistas coa lingua e os galegos.
- Retirada de subvencións á tradución de obras para o galego.
- Supresión da dotación económica de premios literarios en galego.
- Aniquilación de espazos culturais e alternativos, como locais de música ou a Sala Nasa...
A Narrativa Galega a partir de 1975
Características Xerais
- Xorden novas editoriais (Xerais, Kalandraka, OQO, Rinoceronte...) que dan un novo pulo á publicación de textos galegos.
- Aumenta o número de libros publicados, así como o número de lectores.
- Incorporación de traducións de grandes clásicos da literatura universal.
- Creación de premios literarios.
- Achegamento á literatura desde internet (editoriais dixitais, blogs...).
Novas Técnicas Narrativas a Grandes Trazos
- Desaparece o narrador omnisciente; o lector ten un maior papel na interpretación do texto.
- Desintegración da estrutura tradicional; a obra constrúese a través de fragmentos literarios ou pertencentes a outros códigos (audiovisual, xornalístico...).
- Presenza de personaxes complexos e do protagonista feminino.
- Tendencia ao "minimalismo estilístico", simplificación da lingua e dos recursos, procurando a función lúdica da literatura e a chegada a un público maior.
Modelos Narrativos (1975-1986)
De De xoguetes para un tempo prohibido (1975) a Polaroid (1986).
- Iníciase a novela de subxénero ou a "literatura de quiosco", como o xénero policial, erótico, ciencia-ficción, aventura, humorístico...
- Renóvanse modalidades narrativas xa existentes (narrativa memorial, histórica, xornalística, fantástica...).
- Foméntase de novo a novela longa, favorecida en 1981 polo Premio Blanco Amor.
- E Polaroid renovou e provocou a narrativa do momento, á cal lle seguiron Terminal e Tic-Tac.
Modelos Narrativos (1986 ata a Actualidade)
- Consolídanse as modalidades narrativas anteriores, diminuíndo o xénero erótico e medrando as novelas negras, sobre todo a detectivesca (por exemplo, A praia dos afogados).
- Retómase a novela longa grazas a obras como Trece badaladas, Home sen nome ou Os libros arden mal.
- Destaca o subxénero do diario persoal, con obras como Melodía de días usados, Tres segundos na memoria...
- Aparece a **Narrativa Bravú**, definida como enxebre e renovadora, da man de **Jaureguizar** e **Xurxo Souto**.
- Consolídase o relato como a modalidade máis practicada.
- Desenvólvese a literatura infantil-xuvenil con autores como **Fina Casalderrey**, **Agustín Fernández Paz** ou **Anxo Fariña**.
- Consagración de autores e incorporación doutros na narrativa, como **Anisia Miranda**, **Uxía Casal**, **Inma López**...
- Crecente interese pola tradución de escritores clásicos e estranxeiros.
- Literatura breve e experimental a través da rede, como Contos ínfimos de **Jaureguizar**.
- Importancia do lector implícito (por exemplo, Ser ou non ser de **Xurxo Borrazás**, Lukumi de **Alfredo Conde**...).
Autores na Narrativa Actual
Autores Consagrados (Iniciados na Posguerra)
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Arraianos (libro de contos), No ventre do silencio.
- Carlos Casares: O sol do verán, Deus sentado nun sillón azul.
- Víctor Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia, A cidade dos césares.
Autores que Cultivan a Literatura de Xénero
- Carlos Reigosa: Crime en Compostela (xénero policial).
- Xosé Fernández Ferreiro: Reportaxe cósmica (ciencia ficción).
- Paco Martín: Tres historias para ler á noite (xénero de terror).
Autores con Obra Enraizada nas Tradicións Galegas
- Manolo Rivas: Xornalista e escritor de grande proxección internacional, obra traducida a 20 idiomas, extensa produción literaria (poemas, novelas, relatos, teatro, crónicas xornalísticas...).
- Obras: Os comedores de patacas, En salvaxe compañía, Que me queres, amor?, O lapis do carpinteiro, As chamadas perdidas, Os libros arden mal, Todo é silencio, A corpo aberto... Este escritor amosa nas súas obras unha visión irónica e amable de Galiza, caracterizada coma un espazo de síntese entre o rural e o urbano, combina o humor cos aspectos máis agrestes da realidade social do país.
- Alfredo Conde: Aínda que comeza como poeta, destaca pola súa obra narrativa. Dedícase tamén ao xornalismo literario.
- Obras: Xa vai o Griffon no vento, Romasanta, Lukumi...
- Outros: **Darío Xohán Cabana**, **Xavier Alcalá**, **Xosé Carlos Caneiro**...
Autores Renovadores (Influenciados pola Cultura Underground e Audiovisual)
- Suso de Toro: Escritor, guionista de radio e televisión, colaborador na prensa... A súa obra ten unha grande repercusión na narrativa galega destes anos.
- Obras: Caixón Desastre, Polaroid.
- Libros de relatos: Land-Rover, Tic-tac, A sombra cazadora, Calzados Lola, Círculo, Non volvas.
- Novelas: Trece badaladas, Home sen nome.
- Unha rosa é unha rosa (obra teatral).
- Características: Presenza de escenarios urbanos e personaxes marxinais, ironía ante os discursos e apertura a novas linguaxes audiovisuais.
- Outros: **Xelís de Toro** (The Corunna Boats), **Antón Reixa** (Transporte de superficie), **Xurxo Souto** (A tralla e a arroutada), **Jaureguizar** (Fridom Spik).
Autores de Traxectoria Moi Recoñecida
- Marilar Aleixandre: Naceu en Madrid e residiu en varias cidades españolas ata que chegou a Vigo en 1973. Adopta o galego como lingua literaria, autora dunha extensa obra no ámbito da narrativa, tradución e guión de banda deseñada.
- Obras (Público infantil-xuvenil): A formiga coxa, A expedición do Pacífico, A banda sen futuro.
- Obras (Público adulto): Tránsito dos Gramáticos, Teoría do caos, A cabeza de medusa.
- Outros: **Xosé Martínez Oca**, **Xesús Rábade Paredes**, **Alfonso Álvarez Cáccamo**, **Xosé Miranda** (As mans do medo), **Paco Martín**, **Luis Rei Núñez**, **Cid Cabido** (Oralmente pola boca).
Autoras e Autores que Comezan
- Inma López (Memorias de cidades sen luz).
- Uxía Casal (Arealonga).
- Teresa Moure (Herba Moura, A intervención).
- Iria López (Meniña de cristal).
- Rosa Aneiros (Sol de inverno).
- Fran Alonso (Ninguén).
- María Reimóndez (O club da calceta).