Narrativa Galega Contemporánea: Tendencias, Xéneros e Xeracións Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 9,3 KB
A Narrativa Galega Contemporánea: Tendencias e Xeracións
A narrativa galega caracterízase por un aumento considerable na nómina de escritores novos. A falta de afastamento cronolóxico fai moi complexa a análise de toda a produción literaria e da súa relevancia.
As Dúas Tendencias da Narrativa Finisecular
A narrativa finisecular vaise caracterizar pola convivencia de dúas tendencias:
- Unha moi relacionada co tipo de literatura que se fai hoxe, a coñecida como literatura de quiosco.
- A outra está moi relacionada coa nosa tradición narrativa, xa que recolle dela as influencias: a literatura autóctona.
Literatura de Quiosco: Xéneros Áxiles
A literatura de quiosco vai ter un oco importante dentro da nosa [narrativa], e é unha literatura áxil e sen grandes pretensións estéticas. Adscríbense dentro desta literatura os seguintes xéneros:
- Xénero policial: Corrupción e morte de Brigitte Bardot, Ambulancia, Crime en Compostela.
- Ficción científica: Reportaxe cósmica, Soños eléctricos.
- Novela do oeste: que inaugura Fernández Ferreiro con A morte de Frank González.
- Novela erótica: con Aventura en Nassau de Bieito Iglesias.
Literatura Autóctona: Continuidade e Diversidade
Na narrativa autóctona, o abano de xéneros é máis amplo. Son moitas e variadas as liñas que representan a continuidade:
- Realista
- Histórica
- Aventuras
- Feminina
- Intimista
- Artúrica
- Misterio-terror
- Humorística
- Guerra Civil
- Cunqueirismo
- Experimentalista
Liñas Temáticas da Narrativa Autóctona
Novela Realista e Conflitos Sociais
A novela realista ten moito éxito dentro da narrativa galega actual e son moitas as obras que se dedican a retratar a realidade do momento. É o caso de Morrer en Castrelo de Miño ou Panificadora, que reproducen os problemas económicos e os conflitos laborais.
Novela Histórica: Fecundidade Temática
Unha das liñas temáticas de maior fecundidade nesta etapa vai ser a novela histórica. Moitos dos autores máis destacados van escribir novelas de carácter histórico, como:
- Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia)
- Alfredo Conde (Xa vai o Grifón no vento)
- Darío Cabana (Morte de rei)
- Xabier Alcalá (Alén da desventura)
A Guerra Civil na Narrativa
Forman parte das novelas que fan referencia á Guerra Civil as obras de Fernández Ferreiro (Agosto do 36), Xavier Alcalá (Fábula) e Manuel Rivas (O lapis do carpinteiro).
Xénero de Aventuras
Unha tendencia moi pouco cultivada é o xénero de aventuras que durante os finais do século pasado comeza a ter unha maior presenza con obras como Cárcere verde de Alcalá ou Morning Star de Miranda.
Temática Feminina e Intimista
Podemos falar na narrativa dunha temática exclusivamente feminina. Nesta temática encaixarán obras como Contra morte e amor de Marina Mayoral, Amantia de María Queizán, ou Violeta de Margarita Ledo.
Certa relación coa temática anterior ten a novela intimista, todas aquelas obras que xiran arredor dos sentimentos e as inquedanzas dos personaxes. É o caso das novelas de Xosé Carlos Caneiro (O infortunio da soidade). Podemos incluír tamén nesta temática as obras de Fernández Ferreiro (A ceo aberto), de Xabier Alcalá (A nosa cinza), Alfredo Conde (Breixo), ou Martínez Oca (A fuxida).
Outras Liñas Temáticas
Gozan de certa presenza na narrativa actual galega outras liñas temáticas como a artúrica, herdeira da vella tradición medieval. O xénero de misterio-terror ten tamén a súa presenza no panorama literario galego en obras como as de Suso de Toro: Trece badaladas, Gárgola de Vila Sexto, Cartas de inverno.
Humor e Narrativa Experimental
O humor é unha constante en moitas narracións do século XX, sobre todo como fórmula para fuxir dunha realidade traumática e cruel. Antecedentes desta liña son as obras de Castelao ou as de Vicente Risco. A pegada de obras como Escola de menciñeiros ou Xente de aquí e acolá atopamos narradores moi novos, como é o caso de Roque Cameselle e a súa obra O pausitas e outros relatos.
Finalmente, a narrativa experimental ten o seu oco a partir da publicación da obra de Suso de Toro, Caixón desastre, e ten a súa continuidade nas obras de Cid Cabido e de Jaureguizar. Caracterízase pola apertura a novos ámbitos temáticos e técnicos á marxe dos tradicionais. Dentro desta nova tendencia poderiamos incluír o que coñecemos como literatura bravú, un novo xeito de interpretar e vivir a realidade desde Galicia e ao xeito dos galegos.
Xeracións Clave na Novelística Galega
A Xeración do Cambio (Década dos 70)
Nos últimos anos da década dos 70, un grupo de escritores coñecidos co nome da Xeración do Cambio vaille dar un novo pulo á novelística galega e van consolidar o proceso iniciado polos homes da Nova Narrativa. É o caso de Fernández Ferreiro, Alfredo Conde ou Xabier Alcalá.
- Fernández Ferreiro: Destaca como un dos autores que explora máis liñas temáticas e das máis diverxentes. É autor da primeira novela do oeste galega, A morte de Frank González.
- Alfredo Conde: Dase a coñecer con obras como Breixo. Destaca entre a súa produción a obra Xa vai o Grifón no vento, coa que acadou o premio Nadal.
- Xabier Alcalá: Dase a coñecer no panorama literario galego cunha obra que ofrece unha visión retrospectiva da infancia e mocidade da súa xeración, A nosa cinza.
A Xeración dos Oitenta: Realismo Feísta e Novas Voces
A década dos 80 deixa paso a unha xeración de novos escritores coñecidos como Xeración dos Oitenta. Algúns acadan un papel moi importante no panorama literario galego, como é o caso de Manuel Rivas ou Suso de Toro.
- Suso de Toro: Caracterízase por cultivar o que se coñece como realismo feísta: no canto de facer un relato bucólico e positivo da sociedade, dedícase a retratar a parte máis escura nas súas obras Polaroid e Land Rover.
- Manuel Rivas: É autor de varios libros de relatos (Un millón de vacas) e de obras narrativas como Todo ben ou O lapis do carpinteiro.
- Outros autores: Á parte, destaca Martínez Oca, que explora a psicoloxía do ser humano en obras como A fuxida. Freixanes é autor de tres obras de carácter histórico.
A Xeración dos Noventa: Consolidación e Premios
A derradeira década de século supón a incorporación ao panorama literario de autores como Caneiro, un dos novos valores da nosa narrativa que acadou dous dos premios máis importantes de Galicia, o Blanco Amor e o Eixo Atlántico, coa obra Ébora. Tamén forman parte da Xeración dos Noventa narradores como Ramón Caride (Soños eléctricos) ou Marilar Aleixandre.