Narrativa galega (1936-1976): Blanco Amor e Cunqueiro na posguerra
Entre 1936 e 1976: a narrativa
Logo de anos de silencio, na década dos 50 e ao abeiro de editoriais como Monterrey ou Galaxia, volveu publicarse en Galicia narrativa en galego.
Primeiros narradores da posguerra
Tres liñas dominantes entre os primeiros narradores destes anos:
- O realismo social: recrea a vida das clases populares nun ambiente urbano. Representante: Blanco Amor.
- O relato fantástico: mestura o mundo real e o fantástico, e tamén o mundo tradicional galego cos mundos míticos doutras literaturas. Representante: Álvaro Cunqueiro.
- O conto: reelabora de forma culta contos de ambientación popular. Representante: Anxel Fole.
Eduardo Blanco Amor
A obra de Blanco Amor abrangue todos os xéneros: narrativa, poesía, teatro e ensaio.
Narrativa
- A esmorga (1959): novela escrita en forma de declaración ante un xuíz.
- Os biosbardos (1962): relatos protagonizados por nenos e adolescentes.
- Xente ao lonxe (1972): novela centrada na historia dunha familia obreira a través dos ollos dun neno.
Temas
Blanco Amor é o mellor representante do realismo social. En correspondencia co seu compromiso coa realidade social, as súas obras presentan a vida das clases populares e traballadoras (emigración, pobreza, marxinación...), sempre no escenario urbano de Auria (o seu Ourense natal).
Blanco Amor é moi innovador nos elementos formais: emprega o perspectivismo, os saltos temporais..., anticipándose así a outros escritores posteriores. Emprega tamén unha lingua rica e expresiva, próxima á fala viva das persoas da rúa.
Perfil
Ourense, 1897 – Vigo, 1979. Na súa cidade natal coñeceu a Risco, figura que influíu moito nel. En 1919 emigrou a Arxentina, onde ampliou a súa formación autodidacta e traballou como xornalista. Durante a República viaxou varias veces a España con motivo de traballo e estreitou lazos co galeguismo e con figuras literarias españolas como Lorca. Despois da guerra pasou a ser un exiliado máis e mantivo en América do Sur unha intensa actividade cultural. En 1965 volveu a Galicia definitivamente.
Álvaro Cunqueiro
Destacado poeta e dramaturgo, con obras narrativas:
- Merlín e familia (1959)
- As crónicas do sochantre (1956)
- Si o vello Sinbad volve ás illas (1961)
Estas tres son novelas nas que mestura personaxes doutras literaturas coa tradición literaria galega.
- A escola de menciñeiros (1960)
- Xente de aquí e acolá (1971)
- Os outros feirantes (1978)
Relatos concibidos en forma de retratos de personaxes populares (reais e imaxinarios).
Contidos
Cunqueiro creou un mundo narrativo propio cunha maxistral combinación de realismo, fantasía e humor. Moitas veces esta mestura vén acompañada polo gusto de incorporar mitos clásicos doutras literaturas á nosa tradición literaria. Así sucedeu con Sinbad, que se converte nun vello mariñeiro retirado, ou con Merlín, que sitúa nas terras lucenses de Miranda. Este último personaxe protagoniza Merlín e familia, unha novela na que se suceden numerosas historias fantásticas unidas coherentemente entre si pola continuidade do narrador (o axudante de Merlín), do espazo e dos personaxes do ciclo bretón, como Merlín ou Xenebra.
A inesgotable fabulación de Cunqueiro tamén se plasmou na súa triloxía de relatos. Nestes aparecen algúns dos insólitos tipos do país que o autor coñeceu de neno, sempre presentados con grandes doses de imaxinación e humor.
En canto á forma, o escritor mindoniense posúe unha prosa refinada, chea de imaxes e metáforas e cun riquísimo vocabulario. Nos seus textos alternan os áxiles períodos narrativos con coidadas descricións que contribúen a darlle verosimilitude ao relato.
Perfil
Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981. A feliz infancia vivida en Mondoñedo deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudou Filosofía e Letras en Santiago. Nesta cidade asistiu aos faladoiros da época, colaborou en numerosas revistas literarias e participou en actividades do Partido Galeguista. Despois da guerra traballou como xornalista, primeiro en Madrid e logo en Vigo. A súa valía como escritor levouno a recibir numerosos recoñecementos: Premio da Crítica, Nadal, doutor honoris causa pola USC...