Nacionalismo Galego e Literatura: Un Percorrido Polas Irmandades da Fala, Noriega Varela e Cabanillas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 14,72 KB

As Irmandades da Fala: Orixe do Nacionalismo Galego e a Súa Labor Cultural

As Irmandades da Fala eran agrupacións galeguistas que xurdiron na Coruña en 1916 e se espallaron por toda Galicia (Lugo, Monforte, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Betanzos, Santiago, etc.).

Obxectivos das Irmandades da Fala

  1. A defensa da lingua galega. Solicitaban a cooficialidade co castelán e unha extensión social do idioma.
  2. A denuncia dos problemas e do atraso de Galicia.
  3. A afirmación de que Galicia é unha nación e, polo tanto, debía contar cun poder político propio, unha autonomía integral.

Evolución das Irmandades da Fala

1918: I Asemblea Nacionalista (Lugo). Nela, as Irmandades constituíronse como a orixe do nacionalismo galego. Algúns persoeiros que xa formaban parte das Irmandades eran: Antón Villar Ponte, Castelao, Lois Peña Novo, Xoán Vicente Viqueira ou Antón Losada Diéguez.

1921: II Asemblea Nacionalista (Monforte). Impúxose a corrente cultural.

Labor Cultural das Irmandades da Fala

  1. A recuperación do galego nos usos públicos: cultura, política, etc.
  2. Apoxeo editorial: publicouse o xornal A Nosa Terra (que difundiu o ideario galeguista das Irmandades da Fala entre 1916 e 1936), creáronse as editoriais Lar e Nós e publicouse a revista Céltiga.
  3. O fomento do teatro: Creouse o Conservatorio Nacional de Arte en 1919, por iniciativa da Irmandade da Fala Coruñesa. Tratouse dunha escola de arte dramática (que formaba actores e actrices) e que contaba cunha compañía de teatro propia. O conservatorio foi o encargado de estrear a peza de Ramón Cabanillas, A man de Santiña, en 1921.
  4. A fundación do Seminario de Estudos Galegos: Fundado en Santiago en 1923. Tratouse dunha institución académica formada por alumnos e profesores da Universidade de Santiago. Entre os seus colaboradores destacan Xosé Figueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Lois Tobío Fernández, Manoel Magariños Negreira, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Vicente Risco ou Ramón Martínez López. Realizaban publicacións en galego de traballos científicos sobre historia, filoloxía, historia da literatura, artes e letras.

Antonio Noriega Varela: Poesía e Saudosismo Galego

Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 - Viveiro, 1947) estudou no seminario de Mondoñedo, eixe do coñecemento da cultura grecolatina, onde tamén estudaron autores como Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño ou Álvaro Cunqueiro. Traballou como mestre en Foz, Trasalba, etc., onde entrou en contacto coas figuras literarias e políticas do galeguismo (Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Alvariño ou Antón Villar Ponte). En Ourense coñeceu os intelectuais galeguistas do Grupo Nós e entrou en contacto coa literatura portuguesa.

Obra de Antonio Noriega Varela

Pódese dicir que Noriega Varela é autor dunha única obra, Do Ermo, que tivo varias edicións (1904, 1910, 1920, 1929 e 1946), cambiou o título inicial e experimentou co incremento e a supresión de varios poemas.

Influencias Literarias de Noriega Varela

  • O poeta mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro co seu poema Cantares Gallegos en 1911.
  • Os poetas clásicos grecolatinos.
  • Poetas do Século de Ouro español.
  • Os poetas saudosistas portugueses Teixeira de Pascoaes, Guerra Junqueiro e Eugénio de Castro.

Saudosismo na Obra de Noriega Varela

O Saudosismo é un movemento político e filosófico portugués de carácter nacionalista, fundado por Teixeira de Pascoaes a comezos do século XX. Caracterízase pola exaltación dos sentimentos. Na poesía de Noriega Varela distínguense dúas liñas básicas:

  1. A Costumista

    Logo dun comezo frustrado como poeta cívico e combativo (poesía de denuncia social: anticaciquil), Noriega Varela retoma a estética decimonónica do século XIX que se caracteriza polo realismo costumista (as circunstancias da vida dos labregos). Son poemas recollidos nas edicións de Montañesas de 1904 e 1910.

  2. A Poesía Lírica Pura

    Supón unha superación do realismo costumista anterior, pero os motivos seguen a ser os mesmos (o campo e a vida montañesa) e tamén o é a lingua empregada (a fala popular da súa terra). Con todo, agora é o poeta quen se achega á natureza empregando un ton emotivo e íntimo. Conta a humildade das cousas pequenas: a pinga de orballo, a floriña do toxo ou a minúscula pegada de Deus nesa natureza. Son poemas recollidos a partir da edición de 1920 de Do Ermo, e máis nas seguintes de 1929 e 1946.

Outras Obras de Antonio Noriega Varela

  • 1913: A Virxe e a Paisanaxe (Recompilación de cantigas populares nas que se honra a virxe).
  • 1928: Como falan os brañegos (Estudo lexicográfico baseado fundamentalmente en refráns e cantigas populares).

Ramón Cabanillas: O Poeta das Razas e a Renovación da Poesía Galega

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959)

  • 1910: Viaxou a Cuba. Traballou como administrador do Teatro Nacional, propiedade do Centro Galego da Habana. Na Habana entrou en contacto cos galegos emigrados e comezou a escribir en galego.
  • 1915: Regresou. No ano seguinte comezou a súa colaboración coas Irmandades da Fala a través do xornal A Nosa Terra.

Obra Poética de Ramón Cabanillas

A poesía de Cabanillas é unha síntese e superación da poesía do Rexurdimento. Así, atopamos na súa obra a pegada da poesía social de Curros Enríquez, a liña descritiva e intimista de Rosalía e o ton épico da obra de Eduardo Pondal. Ademais, renovou a poesía galega con trazos do saudosismo, modernismo e simbolismo, afastándoa da poesía realista, pero sempre cunha finalidade patriótica.

Simbolismo na Obra de Cabanillas

O Simbolismo é un movemento literario que xorde en Francia arredor de 1880 como reacción contra o Romanticismo. Fundaméntase no valor suxestivo da palabra e na musicalidade do verso, sendo moi común nesta poesía o uso de neoloxismos. Entre os seus representantes destacan: Mallarmé, Rimbaud e Verlaine.

Influencias Literarias na Obra de Cabanillas

  1. A poesía do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal.
  2. A corrente modernista do ámbito iberoamericano: Rubén Darío.

    Trazos do Modernismo:

    • Musicalidade da linguaxe.
    • Captación da beleza a través dos estímulos.
    • Evasión: necesidade de fuxir do mundo real cara a outros espazos.
    • Erotismo: visión provocadora do amor como gozo estético.
    • Cosmopolitismo: o poeta é un cidadán do mundo. Visión que choca coa poesía ruralista e costumista.
  3. Os poetas románticos europeos: Heine, Bécquer ou Rosalía.

Modalidades da Obra Poética de Cabanillas

  1. Poesía Lírica:

    • 1913: O Desterro
    • 1915: Vento Mareiro
    • 1917: Da Terra Asoballada
    • 1927: A rosa de cen follas
    • 1935: Da miña zanfona

Liñas Temáticas Destas Obras:

  1. A Reivindicación Cívica

    O antecedente desta liña temática atópase na poesía social, combativa ou cívica de Curros Enríquez. Polo seu compromiso coa causa dos máis desfavorecidos socialmente, Cabanillas era coñecido como o «poeta das razas».

    É unha liña temática na que conflúen o nacionalismo das Irmandades da Fala e o compromiso co agrarismo.

    Esta liña temática está presente nos poemarios: O Desterro (que conta cun prólogo de Basilio Álvarez), Vento Mareiro (que contén o himno de Acción Galega, fundada por Basilio Álvarez) e Da Terra Asoballada.

  2. O Intimismo

    O antecedente desta liña temática atópase na poesía romántica europea de Heine, Bécquer e Rosalía.

    Os elementos básicos desta liña temática son: a presenza da sensibilidade amorosa, a comuñón entre a natureza e o sentimento dolorido da vida.

    Esta liña temática está presente nos poemarios: A rosa de cen follas e en Da miña zanfona.

  3. O Costumismo

    A poesía de Cabanillas non reproduce personaxes galegos nin costumes, como se facía na poesía galega de finais do século XIX. Cabanillas concibe o costumismo como unha indagación e reivindicación das raíces da nosa cultura. A isto engádelle novidades formais procedentes do modernismo xunto con trazos de tenrura e humor. Esta liña temática está presente en O Desterro e Vento Mareiro.

  4. O Modernismo

    Elementos modernistas na obra de Cabanillas:

    • Busca da beleza a través dos sentidos (sensorialidade).
    • A evasión: propicia a aparición de ambientes exóticos e medievais.
    • A musicalidade do verso.

    Esta liña está presente no poemario O Desterro.

Outras Obras Destacadas de Ramón Cabanillas

O Bendito San Amaro

Expón o pecado, a penitencia e os milagres de Don Amaro de Aventei, personaxe lendario da tradición popular na comarca do Salnés.

Na Noite Estrelecida

É unha historia que xorde na época do galeguismo europeizante, momento no que a cultura galega se abre cara a Europa, grazas, sobre todo, ao labor do Seminario de Estudos Galegos e ao Grupo Nós (Castelao, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco).

Para concibir esta obra, Cabanillas parte da materia de Bretaña (rei Artur, espada Escalibor, Merlín...). O que fai Cabanillas é relacionar esta tradición bretoa con Galicia. Así, por exemplo, o Santo Grial, atopado no Cebreiro (Lugo), e a espada Escalibor que está na illa de Sálvora.

A obra aparece dividida en 3 sagas (por tratarse dunha narración de carácter épico):

  1. A Espada Escalibor

    Cóntase que Artur é o único capaz de desencravar a prodixiosa espada da rocha e, consecuentemente, convértese en rei. Ademais, son presentados os outros personaxes: o mago Merlín, os cabaleiros da Táboa Redonda ou a raíña Xenebra.

  2. O Cabaleiro do Santo Grial

    Conta como Artur, convertido xa en rei, lles encomenda aos seus cabaleiros a procura do Santo Grial, cáliz da derradeira cea de Cristo e tamén o cáliz co que Xosé de Arimatea recolleu o sangue de Cristo despois da súa crucifixión. Todos os cabaleiros parten e será Galahaz quen o atope no Cebreiro (Lugo).

  3. O Sono do Rei Artur

    Galahaz entrégalle o cáliz ao rei Artur e este parte nunha misteriosa viaxe na que promete volver nos tempos de gloria, profetizados polo mago Merlín.

  4. Significado desta Obra

    Con todo, Na Noite Estrelecida non é tanto a narración épica das fazañas dos cabaleiros do rei Artur como a exaltación lírica de Galicia. A carga ideolóxica nacionalista desta obra é clara: a partir duns elementos céltico-astúricos, perséguese a dignificación do noso pasado e dos nosos valores culturais. Neste sentido, o Santo Grial representa tamén a esperanza no futuro.

Camiños no Tempo

É unha recompilación de poesía narrativa e lendaria dos anos 20.

Samos

É un poemario didáctico e descritivo sobre a vida e a historia do mosteiro de Samos, no que Cabanillas pasou algunhas tempadas ao final da súa vida. Contén algúns poemas relixiosos.

A Man de Santiña (1921)

É unha comedia burguesa de costumes que foi representada por primeira vez polo Conservatorio Nacional de Arte. Presenta como novidade o feito de aparecer nela personaxes de ámbitos sociais elevados comunicándose en galego, algo que chocaba coa realidade social da época, onde o noso idioma era utilizado en espectáculos cómicos ou chocalleiros.

Ricardo regresa das Américas con fortuna despois de sete anos. Marirrosa, que aínda lle conserva o seu amor, sospeita por certos indicios de que el está namorado da súa curmá Santiña. Outros personaxes que sospeitan o mesmo contribúen a fomentar o equívoco, que se resolverá co encontro de Ricardo e Marirrosa.

O Mariscal (1926)

É unha traxedia histórica en verso centrada na figura de Pedro Pardo de Cela, símbolo da rebelión fronte a Castela e das aspiracións de autogoberno. Reinterprétase en clave nacionalista un feito histórico: a execución de Pardo de Cela e do seu fillo en 1483 por orde dos Reis Católicos.

A acción arrinca no Castelo da Frouseira (Mondoñedo), que é propiedade do mariscal Pedro Pardo de Cela, señor feudal de case a metade das terras de Galicia a finais do século XV. Traizoado polos seus criados, é detido e executado xunto co seu fillo na praza maior de Mondoñedo, acusado de rebelión. O drama remata co pranto de Dona Sabela, muller do mariscal, que portaba o perdón real, pero é interceptada por dous cóengos na ponte do Pasatempo. Cando entra na praza maior comproba que o seu marido e fillo xa foron executados.

As Irmandades da Fala tomaron a Pardo de Cela como mártir da nacionalidade galega oprimida.

Fonemas da Lingua Galega: Vocálicos e Consonánticos

Fonemas Vocálicos

  • Fonemas pechados: i, u
  • Fonemas semipechados: e, o
  • Fonemas semiabertos: E, O
  • Fonemas abertos: a
  • Fonemas anteriores ou palatais: i, e, E
  • Fonemas posteriores ou velares: u, o, O
  • Fonema central: a

Todos os fonemas vocálicos son sonoros.

i: fonema vocálico, pechado, anterior ou palatal e sonoro.

Fonemas Consonánticos

  • Bilabiais: m, b, p
  • Labiodentais: f
  • Linguodentais: t, d
  • Linguointerdentais: c
  • Linguoalveolares: l, n, r, rr, s
  • Linguopalatais: x, ñ, ch, ll
  • Linguovelares: k, g, nh
  • Oclusivos: p, k, t, b, d, g
  • Fricativos: s, f, c, x
  • Africado: ch
  • Nasais: m, n, ñ, nh
  • Líquidos laterais: l, ll
  • Líquido vibrante simple: r
  • Líquido vibrante múltiple: rr
  • Sonoros: b, d, g, m, n, l, ñ, nh, ll, r, rr
  • Xordos: s, t, f, c, p, t, x, k, ch

Entradas relacionadas: