Nacionalismo Galego: Irmandades da Fala, Xeración Nós e Vangardas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 21,66 KB

O Rexurdimento e o Nacionalismo Galego

O nacionalismo galego moderno comezou a tomar forma a finais do século XIX e principios do XX, impulsado por figuras e movementos que buscaban a reivindicación da identidade e a cultura galegas. Algúns dos fitos e movementos máis importantes son:

  • As Irmandades da Fala (1916): Os seus obxectivos eran o dereito ao autogoberno, máis independencia de Castela, igualdade entre homes e mulleres, federalismo en relación con Portugal. Para iso, crean editoriais, revistas e o Conservatorio Nacional, por exemplo. Desenvolveron, a partir da defensa da lingua, un ideario de reivindicación política nacionalista. Destacan Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.
  • A Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos: Grupos centrados no labor literario e cultural, con figuras como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao.
  • O Partido Galeguista: Ao redor do cal se sintetizaron os esforzos do nacionalismo nos anos trinta. Foi o principal valedor do Estatuto de Autonomía de 1936. Algúns dos seus membros eran Castelao e Alexandre Bóveda.

O 28 de xuño de 1936 aprobouse en referendo o Estatuto. Dúas semanas despois produciuse a sublevación militar do xeneral Franco, que truncaría estes avances e daría paso á ditadura.

Feitos históricos importantes

  • 1906: Fundación da RAG (Murguía).
  • 1916: Constitución das Irmandades da Fala.
  • 1920: Aparición do grupo Nós e publicación do primeiro número da revista.
  • 1923: Inicio da ditadura de Primo de Rivera. Creación do Seminario de Estudos Galegos (universitarios – para o estudo científico de Galicia).
  • 1926: Aprobación do Real Decreto no que se establece a redención dos foros.
  • 1931: Proclamación da 2ª República e fundación do Partido Galeguista. Neste partido, había ideoloxías sumerxidas e moi diverxentes: disputa interna. En común só tiñan a defensa do galego.
  • 1936: Aprobación do Estatuto de Autonomía. Sublevación militar e guerra civil.

A Lírica das Irmandades

Ao redor das Irmandades, o panorama cultural galego experimentou un desenvolvemento: editoriais, revistas, xornais, agrupacións… Os autores comprometéronse coa lingua e cos principios do nacionalismo, apostando pola renovación das liñas literarias, novos estilos, temas, xéneros, etc.

Sen renunciar ao legado do Rexurdimento, afástase da súa tradición. Frutifica a exploración de novos horizontes, con alta calidade literaria.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876 – 1959)

Estudou en Cambados e Compostela. En 1910 embarcou cara a Cuba e traballou nun teatro propiedade do Centro Galego. Polo contacto cos galeguistas emigrados, empezou a escribir en galego. Regresou en 1915 e comezou a colaborar activamente coas Irmandades da Fala. En 1920 ingresa na RAG, e en 1929 na RAE. No 1936, coa guerra, estaba en Madrid. No final da súa vida regresou a Cambados.

Produción poética

Etapas
  • 1910-1915: Etapa de formación ou pregaleguista: Combina a evocación descritiva e nostálxica do seu país por parte dun emigrante co poeta anticaciquil e cívico propio da 2ª etapa. Carácter agrarista, estética modernista e ideoloxía celta de Pondal.

    Obras: No desterro, Vento mareiro.

  • 1915-1920: Etapa decisiva ou galeguista: Colabora coas Irmandades da Fala e o compromiso co país é total. Actúa de concienciador do pobo. Nesta etapa apréciase con claridade a influencia de Curros Enríquez. Poeta da raza.

    Obras: Da terra asoballada, A man da Santiña (teatro. Galego para ámbitos cultos e non só choqueiros)

  • 1920-1931: Etapa mítico-saudosista: Cun achegamento á Xeración Nós e ao Saudosismo portugués (movemento de Vangarda que se desenvolveu nos anos 20. Sostiña que o primeiro paso para a esperanza do futuro é o coñecemento do pasado. Pretenden recuperar e manter a memoria histórica. Autores: Teixeira de Pascoaes, L. Coímbra.).

    Obras: O Mariscal (teatro). Reconstrúe o pasado dende a Idade Media a través da figura de Pedro Pardo de Cela, líder da revolta dos Irmandiños; Na noite estrelecida. (Materia de Bretaña)

  • 1939-1959: Etapa da 2ª madurez: (hai uns anos baleiros por mor da guerra). Abandona a poesía combativa por unha de introspección e contemplación da beleza.

    Obras: Camiños no tempo, Versos de alleas terras e tempos idos (1955), Samos, Da miña zanfona (1954)

As Vangardas Galegas

A xeración das vangardas ou novecentistas é a xeración dos escritores nacidos arredor de 1900. Moitos cultivaron poesía de vangarda.

As vangardas galegas continuaron en boa medida os trazos xerais das mundiais, grazas ao camiño aberto pola xeración Nós, de quen herdaron a actitude universalista. Non quere dicir que a poesía neste momento fose só un seguimento dos movementos internacionais: presenta aspectos orixinais, propios dun contexto de produción e recepción singular.

Os poetas galegos, aínda estando ao día respecto dos ismos, mantivéronse nunha liña próxima á tradición e idiosincrasia galegas. O carácter individualizador das vangardas galegas é determinado por:

  • O espírito nacionalista herdado das Irmandades.
  • A relación con Portugal (o saudosismo de Teixeira de Pascoaes).
  • A presenza do sentimentalismo (non hai deshumanización total).

Hilozoísmo

O elemento fundamental é a paisaxe, un tema moi tratado ao longo da historia. É unha paisaxe humanizada (animismo): os elementos aparecen personificados. É frecuente a sucesión de imaxes plásticas, visuais e auditivas (imaxinismo).

Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927)

Familia conservadora. Estuda Maxisterio e empeza Dereito, pero non acaba. Estivo en Madrid, onde contactou con persoeiros do mundo literario e artístico do momento: Dalí, Lorca… Comezou seu labor como xornalista, publicando en periódicos e revistas. En 1921 volveu e acudiu a faladoiros poéticos de Bautista Andrade, quen o influenciou moito.

Produción poética
  • Proel (1927): 33 poemas, creacionista, ultraísta, de métrica tradicional.
  • O galo (1928): 17 poemas, certa maduración.

A súa obra foi ben acollida e creou escola: o hilozoísmo ou imaxinismo, seguido por Euxenio Montes, Manuel Luís Acuña…

A paisaxe é o principal trazo temático. Non é salvaxe, senón das terras do Lérez, natural, rural e humanizada (personificación); relegada pola presenza das imaxes, que pasan a ser o centro da obra e dan vida aos seus elementos. Concibe á poesía como a síntese ideal de tradición e modernidade. Ten como orixe o paisaxismo de Noriega Varela e Cabanillas e presenta a paisaxe de xeito novidoso, dotado de vida e enerxía.

En canto á forma, amósase conservador na métrica (rara vez usa verso libre e decántase pola métrica regular, rima asonante e arte menor), pero vangardista nas metáforas (ultraísmo).

Neotrobadorismo

A difusión en Galicia da lírica medieval, grazas a J. Joaquim Nunes (1928) provocou este novo discurso poético continuador da tradición medieval. Recréanse temas (amoroso), recursos formais (paralelismo e leixaprén) e ambientes. Tería continuidade na posguerra e chega mesmo aos nosos días. Este movemento foi abandonado polo propio creador, por problemas por grafías lusistas.

Fermín Bouza Brey (Ponteareas 1901 – Compostela 1973)

Viviu en Vilagarcía. Estudou Filosofía, Letras e Dereito en Santiago e relacionouse con galeguistas cos que fundou o SEG. Foi nomeado xuíz e exerceu en Estrada, Pontevedra e Oviedo. Fixo investigacións etnográficas, arqueolóxicas, históricas e literarias.

A Prosa da Xeración Nós

Baixo este nome recóllese unha serie de autores que contribuíron decisivamente ao progreso da literatura galega e a súa introdución na literatura universal. Puxeron en sintonía a cultura galega coa europea.

Periodización

  • O pregaleguismo (1914-1917)

    O núcleo naceu en Ourense coñecido como “cenáculo ourensán”, con membros como Risco, Cuevillas, Otero Pedrayo e Noguerol.

    • Procedían de clases acomodadas (fidalguía e pequena burguesía): accederon a unha boa educación, formación cultural e viaxes por Europa.
    • Estaban desvinculados da cultura e movemento nacionalista.
    • Os seus presupostos ideolóxicos e estéticos baseábanse na defensa do individualismo e na procura do exótico (especialmente oriental): escapismo. Buscaban noutras culturas o que xa tiña a galega.
    • Vocación pedagóxica: todos foron mestres.
  • O galeguismo (1917-1936)

    En 1917 o grupo ten os primeiros contactos coas Irmandades, en concreto con Antón Losada Diéguez e con Castelao. A adhesión ao galeguismo foi case inmediata; en 1918 Risco e Pedrayo participaron en campañas electorais.

    • O camiño da universalidade pasaba pola asunción e coñecemento da propia cultura. Teñen conciencia da modernidade pero adoran a tradición.
    • Co fin de romper co illamento de Galicia e de incorporala a Europa, desenvolveron un intenso labor político e cultural. No eido político interviñeron no movemento nacionalista a través das Irmandades da Fala, e en 1931 participaron na fundación do Partido Galeguista. No eido cultural, a revista Nós (monolingüe e diversa - 1920) supuxo a actualización das letras, e o SEG (1923) serviu de soporte para escolas científicas (etnográfica, xeográfica e histórica).
  • A etapa de posguerra (1936 en diante)

    O estalido da guerra supuxo a ruptura da unidade do grupo e o remate da súa actividade. Risco renunciou ás súas conviccións galeguistas, Pedrayo e Cuevillas foron acalados, Castelao exiliouse e Arturo Noguerol e Ánxel Casal foron executados.

A Madureza da Literatura Galega

A actividade da xeración Nós foi decisiva para a literatura galega. Figuras como Risco, Pedrayo ou Castelao propiciarían a madureza definitiva da prosa.

Prosa de ficción: novela

  • Diversifícase a temática: novela realista urbana, histórica, psicolóxica…
  • Incorpóranse técnicas narrativas de autores europeos, como a instrospección e monólogo interior, ruptura da secuencia temporal…

Prosa de ficción: conto

  • Consolídase o conto literario breve e sintético.
  • Diversifícase a temática na procura da orixinalidade.

Prosa científica: ensaio

  • Axéitase o idioma para a expresión científica moderna.
  • Abránguense todas as áreas do saber.

Vicente Risco (Ourense 1884-1963)

Amigo de infancia de Otero Pedrayo. Estudou Dereito e Maxisterio (foi profesor de historia). Era fidalgo. As súas inquietudes intelectuais levárono aos faladoiros de Ourense e é fundación da revista La centuria en 1917. Influído polo líder das Irmandades, Antón Losada Diéguez, converteuse ao nacionalismo. Participou da creación da revista Nós, chegando a ser director da mesma, publicou Teoría do nacionalismo galego e converteuse en mestre intelectual do nacionalismo. Era de ideoloxía máis conservadora e dáballe moita importancia ao mito e á intuición por encima da razón. Caracterízase polo catolicismo integrista e o dereitismo político, e era un reaccionario social.

Algúns dos principios que o acompañan son o individualismo e elitismo intelectual, o irracionalismo e crítica da ciencia, espiritualismo e relixiosidade, historicismo e culturalismo, e misticismo.

A Guerra Civil supuxo un golpe na súa traxectoria vital e literaria. Aterrorizado ante o destino dos seus compañeiros galeguistas, renegou do galego. Dedicou o resto da súa vida á docencia e á investigación etnográfica, e mesmo uniuse ao Bando Nacional.

Produción narrativa

  • Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919): relato situado no mundo de ultratumba e cargado de humor macabro. Deixa constancia xa da súa ideoloxía, facendo patente a súa oposición ao pensamento racionalista. O protagonista representa o espiritualismo, contra o materialismo dos demais.

    Supón un avance cualitativo, xa que rompe os tópicos da tradición do século XIX e incorpora asuntos como o esoterismo no mundo urbano e o mundo máxico e marabilloso, que atraerían a autores posteriores. Inclúe outras culturas doutros sitios e rompe co costumismo.

  • O lobo da xente – A trabe de ouro (1925): relatos costumistas.
  • A coutada (1926): presenta un diálogo en que, en consonancia coa súa ideoloxía, o protagonista sofre a inadaptación ao mundo moderno urbano e defende a necesidade de volver á aldea. Ten un compoñente filosófico.
  • O porco de pé (1928): é a única novela de Risco. Conta a historia de don Celidonio, comerciante foráneo que se instala en Auria (Ourense), e alí ascende de dependente do comercio a dono, a alcalde e a heroe local, sempre impoñendo un sistema de valores baseado no culto á utilidade do diñeiro.

    Risco usa a figura do protagonista, caracterizado coma un porco (física e psicoloxicamente), para criticar a vulgaridade e o materialismo da nove burguesía ata a perda da galeguidade. Usa tamén a ironía, longas enumeracións e imaxes paródicas e caricaturescas.

  • Os europeos en Abrantes (1929): novela inacabada. Visión negativa e crítica das clases altas galegas que intentan imitar os modelos de vida de Europa (culto ao corpo, materialismo…), que cree incorrectos.

Produción ensaística

  • Teoría do nacionalismo galego (1920): era un gran teorizador e posuído de afán didáctico. Era un ideario das Irmandades e guía para os galeguistas. Postula os trazos diferenciais de Galicia como nación.
  • Nós os inadaptados (1933): expón a evolución ideolóxica da súa xeración.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888-1976)

Familia fidalga rural. Amigo de infancia de Risco e Cuevillas. Estudou Dereito e Filosofía en Madrid. Despregou unha intensa actividade literaria, científica e política: revista Nós, sección de Xeografía do SEG, deputado nacionalista das Cortes… Era de ideoloxía moi tradicional e relixiosa, e escribe soamente para unha elite. Era partidario do Antigo Réxime.

Durante a guerra retiróuselle a cátedra. Despois dun exilio interior no seu pazo de Trasalba, tomou parte na recuperación do galeguismo cultural. Foi profesor universitario en Santiago e, antes de morrer, viviu anos de conferencias e homenaxes pola súa militancia galeguista.

Trazos da súa obra

  • Evolución dende un cosmopolitismo elitista a un galeguismo europeísta. No 1918 entra a formar parte das Irmandades farto do seu idealismo e preocupado pola situación de Europa trala 1ª Guerra Mundial.
  • A terra e a raza caracterizan o pobo galego. Segundo el, os factores xeográficos determinan a psicoloxía e os modos de vida (por iso a paisaxe é moi importante)
  • A tradición é un patrimonio espiritual e cultural formado pola acumulación de experiencias das sucesivas xeracións. No caso de Galicia as pezas claves son: fe, familia e unha peculiar organización social e económica. Aquí é onde temos que interpretar a saudade oteriana polo Antigo Réxime no que o ourensán vía o momento de máxima harmonía social. A modernidade rompe con isto e por iso critica a fidalguía por sucumbir.
  • O catolicismo é un elemento permanente no ser galego. Entende a fe como motor dunha historia colectiva entendida como marcha cara a Deus (home profundamente relixioso).
  • Defende a intuición como método de coñecemento máis axeitado ca a razón.

Produción narrativa

As primeiras son realistas e ficcionalizan á Galicia desde a segunda metade do século XIX ata a 2ª República; responden ao modelo decimonónico do narrador omnisciente. As posteriores, culturalistas, incorporan avances técnicos (monólogo interior, estilo libre indirecto, ruptura da narración lineal, mestura de xéneros…). Abandona a intriga das novelas realistas e introduce contidos filosóficos para actualizar a novela galega.

  • Pantelas, home libre (1925). Relato realista ambientado no mundo rural de labregos e fidalgos.
  • O purgatorio de D. Ramiro (1926). Relato realista ambientado no mundo rural de labregos e fidalgos. Trata, nun ton de humor, a temática de ultratumba: as peripecias do esqueleto dun fidalgo, seguindo as liñas iniciadas por Risco e Castelao (Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros e Un ollo de vidro).
  • Os camiños da vida (1928). Novela (elitista). É unha triloxía que conta a historia de varias xeracións de dúas casas fidalgas, os Doncos (tradicionalistas, entran en crise) e os Puga (liberais, adáptanse aos cambios e convértense en burguesía vilega). Reconstrúe o momento de tránsito entre a Galicia do Antigo Réxime e a Galicia moderna.
  • Arredor de si (1930). Novela (elitista) psicolóxica: domina a evolución subxectiva do protagonista, Adrián Solovio, sobre personaxes secundarios ou a mesma acción. Viaxa por Europa para volver a Galicia e aquí descubrirse a si mesmo; Pedrayo presenta unha experiencia autobiográfica (e dos homes de Nós), do paso do individualismo ao recoñecemento das raíces e o compromiso con Galicia.
  • Contos do camiño e da rúa (1932). Contos. Obra culturalista. Sete narracións cunha visión melancólica e humorística das vivencias de personaxes ligados á fidalguía. ambientado no rural.
  • A romeiría de Xelmírez (1934). Novela (elitista) e histórica medieval. Culturalista. O bispo Xelmírez viaxa a Roma para pedir ao Papa a dignidade do Palio para a sé compostelá. Fai unha reconstrución do Santiago do século XII e presenta a Galicia conectada coa cultura europea do seu tempo.

Castelao (Rianxo 1886 – Buenos Aires 1950)

Naceu nunha familia humilde e viviu a emigración arxentina. En 1900 regresa, estuda bacharelato en Rianxo e Medicina en Santiago, pero non exerce. Desenvolveu un labor creativo (no debuxo, no teatro…). En 1916 traballa como profesor de debuxo en Pontevedra e alí intégrase nas Irmandades. En 1920 pedíronlle que fose director artístico da revista Nós; anos máis tarde foi elixido deputado galeguista xunto a Pedrayo. Este labor político culminouse coa aprobación do Estatuto de Autonomía en 1936.

No mesmo ano estala a guerra e exíliase. Converteuse no referente da resistencia democrática á ditadura e no símbolo do compromiso con Galicia. A súa faceta chegouse a minusvalorar pola importancia do seu labor plástico ou político.

Produción narrativa

  • Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922). Novela breve (ultratumba). O protagonista, un esqueleto, narra as peripecias dos seus compañeiros de camposanto. Desenvolve o compromiso social e o humor.
  • Cousas (1926-1929). Relatos en dúas recompilacións. Obra máis orixinal. Constan dun debuxo acompañado dunha breve anécdota, coas seguintes características:
    • Unidade perfecta entre debuxo e texto.
    • Carácter sintético e carente de artificiosidade.
    • Combinación de realismo, lirismo e humor; de elementos narrativos e descritivos.
    • Protagonismo do pobo, co que se busca a complicidade.
    • Semblanzas humanas, paisaxísticas ou animais, unhas cunha veta dramática e outras raiando o humor negro.
    • Construcións paralelísticas e reiteracións rítmicas.
    • Final pechado, moi elaborado e cargado de emoción.
  • Retrincos (1934). Relatos: cinco contos que recollen vivencias autobiográficas en orde cronolóxico. En cada relato ofrece de forma implícita unha reflexión sobre a condición humana: a ilusión, o envellecemento… Disposición clara de introdución, nó e desenlace.
    • O segredo (infancia). Anécdota sobre a estadía do narrados na Pampa arxentina. Un gaucho morrera na pulpería do seu pai e este ordena ao fillo que non diga nada á nai, que estaba preocupada.
    • O inglés (adolescencia). Na Pampa. “Eu quixen asasinar un inglés por patriotismo”; de neno, o narrados pintaba os barcos da escuadra española. O inglés ri del pola súa exaltación patriótica e este planea vingarse, pero non o fai.
    • Peito de lobo (mocidade). Ten a ocorrencia de facer un cabezudo co rostro dun mariñeiro coñecido, que se alporiza coa reprodución grotesca e quere vingarse. Co tempo amígase coa cachola de cartón, orgulloso de sentirse inmortalizado. Avellentan ambos cos anos.
    • O retrato (mocidade). Curación imposible para un médico e milagre realizado polo pintor.
    • Sabela (madureza). Afirma que cando ocorreron os feitos relatados era deputado en Cortes. Sabela era xeitosiña; cando volve é vella e gorda.
  • Os dous de sempre (1934). Novela longa

Entradas relacionadas: