Nacemento e desenvolvemento da industria: da Revolución Industrial á produción en masa

Geografía4,22 KB

Nacemento e desenvolvemento da industria

Que é a industria?

A industria inclúe todas as actividades que teñen como fin transformar un recurso natural, a materia prima, nun produto elaborado. Aínda que o ser humano empezou a fabricar útiles de distinto tipo xa na prehistoria, só se pode falar de industria cando se dan unha serie de condicións:

  • No proceso de transformación úsanse máquinas e enerxía.
  • Realízase en espazos pechados, as fábricas, nas que se concentra un gran número de traballadores, os obreiros industriais.
  • Elabóranse grandes cantidades de produtos.

Os países máis ricos e desenvolvidos son os que contan cun tecido industrial consolidado, mentres que os países menos desenvolvidos contan cunha industria escasa ou deficiente.

O nacemento da industria

Durante os séculos, a maioría da poboación viviu no campo, dedicada ás actividades agrarias. As familias elaboraban os obxectos que necesitaban nas súas casas ou encargábanos aos obradoiros artesáns, onde cada traballador fabricaba o produto de principio a fin. No último século XVIII, en Inglaterra, deronse as condicións necesarias para que xurdise un novo modo de produción, o industrial, baseado en:

  • As innovacións técnicas. As primeiras industrias naceron grazas á aplicación de inventos como a máquina de vapor, as máquinas de fiado e tecido ou os altos fornos. As máquinas pasaron a realizar parte do proceso da produción, que ata daquela se facía de forma manual, utilizando a enerxía do carbón.
  • A división do traballo. A produción descompúxose en múltiples tarefas realizadas por obreiros que se especializaron nunha fase concreta do proceso. Desde xeito aforrábase tempo e aumentaba a produtividade.
  • A produción a gran escala. A fabricación de moitos produtos permitiu reducir os prezos de venda e impulsou o comercio internacional.

A industrialización cambiou a economía e a sociedade. Provocou un extraordinario crecemento das cidades, pois grandes masas de poboación campesiña emigraron ás cidades para traballar nas fábricas aí situadas. As consecuencias foron tan profundas que denominamos Revolución Industrial este proceso. Nesta primeira fase, desde Inglaterra, a industrialización estendeuse a uns poucos países europeos, como Francia, Alemaña e Bélxica.

A segunda fase da industrialización

A finais do século XIX, iniciouse unha nova fase da industrialización. En Estados Unidos apareceu un novo modo de produción, o modelo fordista, chamado así porque se desenvolveu na cadea de montaxe da fábrica automobilística Ford. Tratábase dun modo de produción en cadea. Con este sistema, a produción aumentou enormemente e reducíronse os custos por unidade producida, o que posibilitou baixar os prezos dos produtos e poñelos ao alcance de moitas máis persoas. Iniciábase así a era do consumo de masas. Novos países como Estados Unidos e Xapón lideraron, xunto a Europa occidental, esta nova revolución. Nesta etapa agrandouse aínda máis a fenda económica entre os países industrializados e os que se mantiveron á marxe: a maioría de Asia, África e Iberoamérica.

Tipos de industrias

As industrias clasifícanse segundo dous criterios:

  • Polo seu grao de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, distínguense industrias maduras e industrias de tecnoloxía punta. Industrias como a téxtil, a siderúrxica ou a naval considéranse maduras, aínda que a comezos da industrialización foron avanzadas. Hoxe, son avanzadas as relacionadas coa biotecnoloxía, coa microelectrónica, coas telecomunicacións e coa robótica, que requiren maior investimento en investigación.
  • Polo destino dos produtos, diferénciase entre industrias de base, que fabrican produtos necesarios para o desenvolvemento doutras industrias, industrias de bens de equipo, e industrias de bens de consumo, con produción que se destina á venda directa aos consumidores.

Descargar

PDF Word HTML