A música no Renacemento: Historia e características

Enviado por Chuletator online y clasificado en Música

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,15 KB

O Renacemento: A música e a súa evolución

A música relixiosa neste período xa non se compón só como unha arte para realzar a palabra de Deus, senón tamén pola súa beleza e para pracer do oínte.

O contexto do Renacemento (s. XV - s. XVI)

Iniciouse un movemento intelectual chamado humanismo, que reivindica a dignidade do ser humano e enlaza coa antigüidade clásica. O humanista é un pensador que estuda as ciencias humanas e as linguas clásicas (latín e grego).

A arte: Inspirada na arte clásica, comézase a valorar a beleza en si mesma. E a música? O Renacemento supón o triunfo definitivo do gran descubrimento medieval: a polifonía.

  • A mentalidade aberta do Renacemento dá lugar a unha música máis libre e expresiva.
  • O latín perde importancia na música profana en favor da lingua de cada país. Na música relixiosa, o latín seguirá sendo o idioma preferido.
  • Nace a afección pola música, que se cultiva entre as persoas cultas.
  • Grazas á imprenta musical, as partituras percorren Europa.

A notación e a imprenta musical

A invención da imprenta en 1453 supuxo un cambio radical na divulgación das partituras. A partir dese momento xurdiu a posibilidade de multiplicar os orixinais. Pero, segundo os expertos, só unha décima parte da música escrita antes de 1600 chegou ás nosas mans, debido a que a impresión seguía sendo cara. Xeralmente, as copias das partituras seguiron facéndose a man. A música que se imprimía era aquela que máis interese suscitaba, sobre todo cancioneiros e coleccións de danzas. Froito desta afección pola música xorde un novo xeito de escribir música: as tablaturas, que empregan números e letras en vez de notas musicais.

A consolidación da música profana

Aínda que a música profana naceu a finais da Idade Media, foi no Renacemento cando se consolidou. Isto foi grazas ao pensamento humanista que inundou Europa e puxo en relevancia os temas humanos. As características destas cancións son: textura homofónica (con maior importancia da voz superior), harmonía sinxela, ritmo marcado, melodía cantable e estrutura de estrofas e retrousos.

A música profana estendeuse por toda Europa, pero destacamos dous tipos de cancións:

  • O villancico español: Unha forma homofónica baseada nun poema en castelán que tivo moito éxito tanto no Renacemento como en parte do Barroco español.
  • O madrigal italiano: Unha forma do século XVI a catro ou cinco voces de textura polifónica imitativa, baseada en poemas en italiano.

No madrigal o principal é o texto, polo que a música debía axudar a entendelo mellor; así, o compositor creaba elementos musicais (melódicos, rítmicos ou harmónicos) que describían a palabra ou a idea que se estivera interpretando nese intre. O madrigal representa o primeiro intento de interrelacionar a música e o texto. Tivo tanto éxito que o seu estilo difundiuse por toda Europa.

Entradas relacionadas: