A Música na Idade Media: Evolución, Canto Gregoriano e Notación Musical
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,58 KB
Idade Media: A Sinfonía Eterna
A Idade Media é o período máis longo de toda a historia da música, abrangue case dez séculos, dende o século V ata o XV. Durante todos eses anos, a música evolucionará dende as primeiras melodías cantadas a unha soa voz ata as complexas composicións a 2, 3 e 4 voces simultáneas. Nun mundo dominado polo cristianismo, a música relixiosa alcanzou un gran desenvolvemento, sobre todo nos mosteiros e catedrais. Fóra dos recintos relixiosos, tamén xurdiu unha música profana (non relixiosa) interpretada en castelos, cortes e prazas por troveiros, trovadores e xograres que animaban a monótona vida dos nobres e da plebe, cantando ao amor e relatando fantásticas aventuras e intrépidos cabaleiros.
Mil Anos de Música Medieval
A Idade Media abarca un longo período que comeza coa caída do Imperio Romano de Occidente (ano 476 d.C.) e finaliza no século XV tras unha grave crise iniciada no XIV. En Occidente, a Igrexa Católica converteuse no eixo fundamental da vida medieval; monxes e relixiosos compuxeron música para facer solemne a liturxia e alabar a Deus. A partir do canto gregoriano, foi desenvolvéndose unha música que desembocou no nacemento dun modo de expresión revolucionario: a polifonía. Cara aos séculos VII e IX, a Cristiandade sofre a expansión musulmá, organizándose unha resistencia que culmina nas Cruzadas. Estas fazañas serán cantadas e transmitidas; ademais, o contacto directo con Oriente beneficiou o panorama cultural. Á música occidental, por exemplo, incorporáronselle novos instrumentos e as composicións enriquecéronse.
Canto Gregoriano: A Voz Divina
O canto gregoriano é un canto relixioso, a unha soa voz, que se desenvolveu en mosteiros e abadías, onde tamén xurdiu a notación que deu orixe á moderna escritura musical. O obxectivo co que os frades comezaron a escribir a música que cantaban foi para poder recordala. A música escribíase usualmente en tetragramas (sistema de 4 liñas) e as notas eran cadradas, pois ese era o trazo que facían as plumas ao escribir sobre o papel.
Orixes do Canto Gregoriano
Dende moi cedo, os cristiáns déronse conta do extraordinario poder espiritual do canto, que se comezou a usar en festas e ritos. Crese que os primitivos cantos cristiáns naceron á semellanza dos que cantaban os xudeus nas súas sinagogas (salmodias). A partir do século IV, propagouse o costume de cantar nos templos. Como a Igrexa se estendera polo antigo Imperio Romano, en cada lugar cantábase dunha maneira distinta. Polo que foi necesario emprender unha tarefa de unificación. Esta labor foi levada a cabo polo Papa Gregorio Magno, razón pola cal este tipo de canto se chama gregoriano. A finalidade era a alabanza de Deus e o ennobrecemento dos ritos cristiáns. Os rituais cristiáns que se acompañaban do canto eran fundamentalmente dous:
- A misa
- Os oficios
Nunca se acompañaba de instrumentos, elementos que a Igrexa consideraba paganos, nin se mesturaban voces femininas e masculinas. A sensación ao oído é de sobriedade, sinxeleza e fluidez.
O Problema da Notación Musical
Chega un momento en que a cantidade e dificultade do repertorio é tanta que se empezan a copiar textos con indicacións acerca de como cantalos. Empezaron a usarse neumas (signos que serven de guía visual para recordar os diferentes cantos), pero era un sistema moi imperfecto. Primeiro, o monxe Hucbaldo e máis tarde Guido d'Arezzo empregaron as liñas paralelas para poñer os signos musicais. Guido foi tamén o promotor do primeiro solfexo elemental, colocando a clave e deixando así os primeiros exemplos de pentagramas onde se puxeron uns signos máis claros, nacendo a notación cadrada. Algúns dos monxes eran consumados copistas e incluso grandes teóricos musicais. O máis coñecido foi o benedictino Guido d'Arezzo, a quen se debe un dos tratados musicais máis famosos da Idade Media: o Micrologus, e os nomes das seis primeiras notas:
- Do
- Re
- Mi
- Fa
- Sol
- La
Pero este tipo de escritura non resolvía o problema do ritmo; será a partir do Renacemento cando se comeza a usar a notación musical tal e como a coñecemos hoxe.