A muller na Idade Moderna: sociedade, traballo e cultura

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,73 KB

A situación social da muller na Idade Moderna

Na Idade Moderna, as mulleres vivían nunha situación de subordinación aos homes, con escasa presenza política e social. Existían grandes diferenzas segundo a clase social, pero compartían problemas comúns como o risco do parto, a elevada mortalidade infantil e unha relixiosidade máis intensa ca a masculina.

Educación e alfabetización

O analfabetismo estaba moi ligado á pobreza. Só as mulleres das familias privilexiadas recibían certa formación, mentres que a maioría das nenas non ía á escola. A finais do século XVIII só unha de cada dez mulleres sabía ler ou escribir, fronte a un de cada tres homes. Aínda así, algúns ilustrados defenderon a capacidade intelectual feminina, como Benito Feijoo e Martín Sarmiento. Tamén houbo mulleres que o fixeron por si mesmas, como Josefa Amar e Borbón ou Inés Joyes e Blake, aínda que estas ideas non se traduciron en melloras reais no ensino feminino.

Mulleres privilexiadas

A Idade Moderna comezou co reinado de Isabel I a Católica, que deu unha excelente educación ás súas fillas. As Leis de Toro (1505) melloraron a situación legal das mulleres ao permitirlles herdar en igualdade e facer testamento sen permiso do marido. Houbo raíñas consortes con grande influencia política, como Mariana de Austria, Isabel de Farnesio ou María Luisa de Parma.

Na segunda metade do século XVIII, algunhas mulleres nobres destacaron no ámbito cultural e social, participando en faladoiros, sociedades económicas e promovendo a educación feminina. Tamén se lles permitiu ingresar na Academia de Belas Artes. Os conventos foron outro espazo importante para as mulleres, especialmente para as de orixe nobre, destacando figuras como Teresa de Jesús.

Mulleres non privilexiadas

Entre as clases populares, a emigración masculina fixo que moitas mulleres asumisen a responsabilidade económica da familia. Moitas emigraron ás cidades, a Castela, a Madrid ou a América. A pesar das Leis de Toro, as mulleres casadas estaban legalmente sometidas aos maridos, mentres que as viúvas gozaban de maior autonomía, sobre todo no comercio.

O traballo no ámbito urbano e rural

Nas cidades, o principal traballo feminino era o servizo doméstico. Tamén tiveron un papel clave no pequeno comercio, na venda de alimentos e no comercio téxtil. Na artesanía e na industria urbana destacaron no sector téxtil e na elaboración de pan. No século XVIII, as fábricas estatais, como as de tabacos, empregaron a moitas mulleres con salarios baixos e duras condicións.

No medio rural, o traballo feminino variaba segundo o nivel económico da familia. Nas máis humildes, as mulleres traballaban intensamente no gando e nas tarefas agrícolas. Na segunda metade do século XVIII desenvolveuse o domestic system, que permitiu a moitas mulleres obter ingresos propios e certa independencia. A súa crise a comezos do século XIX provocou pobreza e emigración.

Entradas relacionadas: