Movementos Vangardistas Galegos: Autores e Obras Clave
Enviado por ALEJANDRO y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,03 KB
As Vangardas na Literatura Galega do Século XX
Os movementos vangardistas (do francés avant-garde) nacen en Europa nos comezos do século XX. Orixinalmente son pictóricos, pero son adoptados polas outras artes. Só comparten a reacción estética contra o establecido; porén, as súas propostas son moi diferentes. Coñécense tamén como os “ismos”: cubismo, surrealismo, dadaísmo, etc.
As Vangardas Galegas: Contexto e Características
Os vangardistas galegos (nados arredor de 1900) rompen coa tradición poética baseada no sentimentalismo, o folclorismo e a paisaxe. Dáronse a coñecer en revistas como:
- Ronsel
- Alfar
- Cristal
En Galicia, o movemento vangardista manifestouse fundamentalmente na poesía, destacando as seguintes correntes:
Creacionismo
Os creacionistas consideran que a arte non debe imitar nin explicar a realidade: debe ser unha realidade autónoma. O poeta é como un deus que crea o seu propio mundo.
Manuel Antonio: O Poeta Creador
O seu principal representante é Manuel Antonio Pérez Sánchez (Rianxo, 1900-1930). De catro a catro (1928) é o seu libro máis importante. Consta de 19 poemas nos que domina a monotonía e o estatismo (como o navegar): o mesmo escenario, as mesmas palabras, as mesmas imaxes.
A paisaxe central é o mar, con elementos recorrentes como a Lúa, as Estrelas, o Sol, faros, gaivotas, barcos, velas, horizontes... Non se trata dunha descrición do mar, dos mariñeiros ou da súa vida, senón de imaxes vangardistas e rompedoras; é unha paisaxe interpretada e interiorizada.
Surrealismo
O surrealismo busca liberar a expresión do subconsciente, explorando o onírico e o irracional.
Álvaro Cunqueiro e o seu Surrealismo Particular
Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) escribe Mar ao norde (1932) e Poemas do si e non (1933), este último de tema amoroso. Cunqueiro practica un surrealismo sui generis (ao seu modo): fundamentalmente hai nos seus poemas liberdade, recollendo elementos de todos os ismos e de toda a literatura que coñeceu. Non hai neles automatismo nin dramatismo, típicos do movemento surrealista orixinal.
Hilozoísmo (Animismo)
Baixo unha forma tradicional —estrofas populares— preséntasenos, a base de imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta aos sentidos, sobre todo ao auditivo e visual. O poema deshumanízase (a persoa non está presente) e a paisaxe humanízase (compórtase como unha persoa). Só é vangardista nas imaxes.
Luís Amado Carballo: A Natureza Viva
O hilozoísta máis coñecido e imitado é Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927). Escribe Proel (1923) e O Galo (póstumo).
Neotrobadorismo: Tradición e Modernidade
Non é propiamente un vangardismo, senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. Os poetas recrean a estética das cantigas de amigo, de amor e de escarnio (refrán, paralelismo, leixa-pren, natureza). Tivo moitos cultivadores e cultivouse tamén despois da Guerra Civil.
Principais Representantes do Neotrobadorismo
- Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901-Compostela, 1973): Escribe Nao senlleira (1933), que inicia a corrente recollendo e adaptando certas características formais da poesía medieval.
- Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981): Escribe Cantiga nova que se chama riveira (1933). É o representante máis significativo. Combina a imaxe vangardista con esquemas métricos tradicionais. Mesmo os seus poemas foron musicados por Amancio Prada.
- Xosé Mª Álvarez Blázquez: A súa obra Cancioneiro de Monfero (1953) é un exemplo destacado, xa que é quen mellor imita a poesía medieval (facéndoa pasar por un auténtico cancioneiro medieval).