Movementos Literarios e Ideolóxicos na Galicia do Século XX: Agrarismo, Vangardas e o Grupo Nós

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 23,44 KB

Contexto e Poesía das Irmandades da Fala

Nas primeiras décadas do século XX xorden dous movementos sociais e ideolóxicos, herdeiros do galeguismo de fins do século anterior, que van caracterizar a vida social e política da Galicia da época e que van ter reflexo na literatura, en especial na poesía:

A Ideoloxía Agrarista

Supón a mobilización de amplas capas do campesiñado galego en defensa dos seus intereses e especialmente a súa loita pola redención dos foros, pola supresión deste tipo de contrato, vixente na maior parte de Galicia, que só producía grandes rendas aos terratenentes (fidalgos ou a Igrexa) pero supoñía o empobrecemento das familias labregas. Detrás das mareas de emigrantes desde a metade do século anterior estaba a vixencia deste tipo de contrato rural. O agrarismo, ademais de xuntar na loita reivindicativa a miles de campesiños galegos, espertou a solidariedade de moitas outras persoas sen vinculacións co agro. Entre elas Ramón Cabanillas e Antonio Noriega Varela, que reflicten a súa adhesión ao movemento agrarista en varios dos seus poemas. O agrarismo incrementou a súa forza en Galicia a partir de 1912 cando Basilio Álvarez lidera o sindicato agrario máis potente, Acción Gallega.

A Creación das Irmandades da Fala

A partir de 1916 nuclean o sentimento galeguista da época e, partindo do traballo e das aportacións feitas nas décadas anteriores polos rexionalistas, expoñen un programa de defensa do país que afectaba a diferentes aspectos da realidade social e política:

  • Autonomía integral para Galicia.
  • Consecución para Galicia dun posto na Sociedade de Nacións de Xenebra.
  • Igualdade plena entre homes e mulleres.
  • Reforma administrativa que disolva as Deputacións e recoñeza a validez xurídica da parroquia.
  • Modernización socioeconómica nas infraestruturas.
  • Cooficialidade entre o galego e o castelán e promoción do galego en todos os niveis do ensino.

A maior parte dos escritores galegos da época estiveron vencellados ás Irmandades da Fala ou ao seu sucesor a partir de 1931, o Partido Galeguista. Como características comúns aos poetas da época das Irmandades sinalamos estas dúas que os sitúan estilisticamente a cabalo entre dous séculos:

  1. Non desprenderse completamente da tradición poética do século anterior: temática costumista, galego oral na base do seu galego literario.
  2. Deixarse influír polas novas correntes poéticas que chegan co século XX, en especial o modernismo que acusa sobre todo Cabanillas a partir dun determinado momento.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876 - 1959)

Estudou no seminario de Santiago de Compostela onde espertou o seu gusto pola lectura, entre eles os autores clásicos. Traballou de administrativo en Cambados pero en 1910, con 34 anos, tomou a decisión de emigrar a Cuba. Os intelectuais galeguistas acollérono moi ben e animárono a escribir en galego. En Cuba publicou os dous primeiros libros, No desterro (1913) (significativo título) e Vento mareiro (1915). Ao pouco de regresar publicou Da terra asoballada (1917), tamén de significativo título. En Galicia entrou en contacto e colaborou tanto co sindicato agrario Acción Gallega (un poema seu foi o himno do sindicato e dedicoulle dous poemas a Basilio Álvarez), como coas Irmandades da Fala; en 1931 participou na fundación do Partido Galeguista. En 1920 ingresou na Real Academia Galega e en 1929 na Real Academia de la Lengua Española en representación das letras galegas.

Obra Poética de Cabanillas

Podemos dividila en dous apartados:

Poesía Lírica

Comprende os seus tres primeiros libros anteriormente citados e publicados entre Cuba e o inmediato regreso a Galicia (1913-1917): No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. E tamén A rosa de cen follas. Nos tres primeiros, en maior ou menor medida, toca Cabanillas esta temática:

  • Poesía costumista: o seu Cambados natal, a vendima, a vida mariñeira.
  • Poesía intimista e reflexiva: a vida, o paso do tempo.
  • Poesía social e combativa: denuncia dos caciques, da miseria do campo galego, loita contra os foros, chamadas á loita agraria.

A rosa de cen follas (1927) é o libro onde máis acusa a pegada do Modernismo.

Poesía Narrativa

Aquí o máis destacado é o seu longo poema titulado Na noite estrelecida (1926). O seu contido está na liña das posturas estéticas e ideolóxicas das Irmandades (tradición artúrica, atlantismo, pasado mítico), mesturadas coas conviccións cristiás do propio Cabanillas. Está dividida en tres partes e nelas narra en verso aspectos inspirados na Materia de Bretaña: Merlín, a espada Escalibor, o rei Artur e os Cabaleiros da Táboa Redonda e o Santo Grial. Na súa versión Cabanillas cristianiza máis os relatos artúricos (aparición do Espírito Santo, milagre no Cebreiro) e tamén os galeguiza: o cabaleiro Galahaz acabará atopando o Grial no Cebreiro (lugar mítico, fronteira por onde entra o Camiño de Santiago en Galicia), e o rei Artur acaba por sumirse nun profundo sono a bordo dunha barca que navega por un mar que é a ría de Arousa. Despertará deste sono un día futuro no que Galicia coñecerá tempos mellores. O poema remata así cunha chamada de esperanza. Esta mestura de tradición atlántica, galeguismo e cristianismo percorren toda a obra.

Influencias Literarias na Poesía de Cabanillas

Vista en conxunto, a poesía de Cabanillas acusa diferentes influencias literarias, consecuencia das súas múltiples e variadas lecturas e das correntes poéticas en voga a principios do século XX:

  • A obra dos poetas clásicos greco-latinos, a quen coñecía ben desde a súa etapa de seminarista en Santiago.
  • Os grandes mestres do Rexurdimento: Rosalía (na súa poesía intimista), Curros (na combativa) e Pondal (na mítica).
  • O simbolismo francés de Baudeleaire, Verlaine e Rimbaud.
  • O saudosismo portugués de Teixeira de Pascoaes.
  • O modernismo hispánico de Rubén Darío.

Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 - Viveiro, 1947)

Estudou no seminario de Mondoñedo onde adquiriu un bo coñecemento literario dos clásicos. Os diferentes destinos coa súa profesión de mestre levárono por distintos puntos da xeografía galega, sobre todo pola Mariña luguesa. En Foz coñeceu a Antón Vilar Ponte (fundador das Irmandades) e a través del chegou a contactar e simpatizar co movemento agrarista. Un novo destino en Trasalba (Ourense) propiciou o seu contacto con Otero Pedrayo e cos outros membros do Grupo Nós. Noriega é autor dun único libro de poemas que sufriu sucesivas reelaboracións. O título inicial foi Montañesas pero finalmente se titulou Do ermo (1920). Na poesía de Noriega poden distinguirse dúas liñas superpostas que van evolucionando ao longo da súa vida:

  • A poesía costumista e ruralista, característica da súa primeira etapa, moi influída por poetas de fins do século XIX, en especial o tamén mindoniense Leiras Pulpeiro. Son poemas de lingua e métrica popular, con versos de gran musicalidade. Na temática predomina a paisaxe de montaña e a descrición de costumes e tradicións dos “brañegos”, os habitantes das montañas de arredor de Mondoñedo.
  • A poesía máis culta e refinada da súa segunda época, que revela o coñecemento dos poetas clásicos latinos, dos saudosistas portugueses contemporáneos (Teixeira de Pascoaes) e do modernista Rubén Darío. Nesta etapa Noriega abandona o costumismo de corte ruralista e elabora unha poesía moito máis coidada na linguaxe e vertida en metros cultos como o soneto. Nesta época é cando aparece como tema recorrente nos seus poemas o chamado franciscanismo, unha actitude de amor pola natureza e polas cousas sinxelas da vida: o campo, a chuvia, as flores do toxo, etc. Este franciscanismo é a manifestación literaria de dúas devocións de Noriega: o seu amor pola natureza e a súa relixiosidade, que lle fai ver esa natureza que tanto estima como unha creación de Deus de acordo coas virtudes cristiás de humildade e de pobreza.
Outros Poetas

Outros poetas da época das Irmandades son: Xosé Crecente Vega (tamén educado no seminario de Mondoñedo) e Gonzalo López Abente.

As Vangardas Poéticas en Galicia

As vangardas son uns movementos que afectaron a diversas artes en Europa no chamado período de entreguerras, é dicir, entre 1918 (final da I Guerra Mundial) e 1939 (comezo da II G. M.). En España, coa guerra civil de 1936, adiantouse tres anos o final dese período. As vangardas coñeceron diversas orientacións dentro dunha proposta común: romper cos moldes e pautas artísticas anteriores. Sobre todo foron moi importantes as vangardas en dous campos da arte: a pintura (fin do figurativismo, chegada do abstracto) e en poesía (contra os moldes tradicionais, as novas imaxes poéticas). As vangardas tamén son coñecidas como ismos pois as súas diferentes propostas estéticas remataban con ese sufixo: cubismo, dadaísmo, creacionismo, surrealismo, futurismo, ultraísmo. Moi frecuentemente as propostas estéticas destes ismos viñan plasmadas en manifestos. Vangardistas de talla universal foron Picasso, Gris ou Braque (pintores cubistas), André Breton (autor do Manifesto Surrealista), os poetas españois da Generación del 27, Lorca ou o Nobel Vicente Aleixandre (surrealistas), etc.

A vangarda é recibida en Galicia nunha época de forte efervescencia galeguista: é a época das Irmandades da Fala e do Grupo Nós, defensores da identidade galega por un lado, pero tamén partidarios de enriquecer e universalizar a cultura galega coas achegas europeas máis en voga. Estas circunstancias fixeron que as vangardas poéticas galegas ofrezan dúas orientacións: unha vangarda matizada, que non se desprende completamente de elementos da nosa tradición literaria, e unha vangarda plena, abertamente rupturista. En calquera dos dous casos, os seus protagonistas participaron activamente na publicación de revistas de vangarda nas que deron a coñecer as súas propostas.

A Vangarda Matizada ou Vangarda Enxebre

Dentro dela encádranse o hilozoísmo e o neotrobadorismo.

O Hilozoísmo

Tivo presenza na literatura galega a través da obra de Luís Amado Carballo (1901-1927). Hilozoísmo quere dicir animización da natureza e niso consiste esencialmente a súa poesía: en seleccionar elementos da natureza ou da paisaxe galega e crear unha imaxe poética tras outra na que os dota de ánima, de alma, de vida. Amado Carballo publicou en vida o libro Proel (1927) e postumamente apareceu O galo (1928). O matiz do seu vangardismo consiste en dous aspectos: tematicamente non se desprende da poesía da paisaxe, cultivada xa desde o século XIX, e formalmente recorre á rima e á métrica de arte menor.

O Neotrobadorismo

É un ismo que só se deu en Galicia. Xorde como consecuencia do enorme impacto positivo que, no ambiente das Irmandades, supuxo a partir de 1928 a divulgación das cantigas medievais galegoportuguesas. Este feito supoñía para a historia da literatura galega ter uns inicios como os de calquera outra literatura europea, no século XII, e non ser unha literatura de recente creación e carente de tradición (como se crera ata ese momento). Algúns poetas galegos decidiron facer a súa homenaxe aos trobadores compoñendo estrofas e versos á maneira medieval pero con temas modernos e, sobre todo, con imaxes poéticas netamente vangardistas. O matiz do seu vangardismo está, pois, nos aspectos formais: paralelismos, repeticións, arcaísmos léxicos. Dentro do neotrobadorismo o iniciador foi Bouza Brey (1900-1973) co seu libro Nao senlleira, que aínda é pouco vangardista, e Álvaro Cunqueiro (1911-1981) con Cantiga nova que se chama riveira, ambos poemarios de 1933.

A Vangarda Plena

Cultiváronse en Galicia estas orientacións:

O Creacionismo

Cultivouno sobre todo o poeta Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930), o máis rupturista e abertamente vangardista de todos os poetas galegos. O creacionismo postula unha ruptura absoluta cos temas e coas formas anteriormente cultivadas; o poema debe ser unha sucesión de imaxes novidosas e orixinais que se van creando unha tras outra. Rompe co ritmo, coa rima, coa estrofa e mesmo coa lóxica gramatical. Manuel Antonio foi mariñeiro de profesión e persoa moi cultivada e atenta ás propostas vangardistas que se facían en Europa. Consultou frecuentemente con Vicente Risco para estar ao día en todo tipo de publicacións europeas de vangarda. En 1922 deu a coñecer o seu manifesto ¡Máis alá! onde critica os escritores que seguen imitando os modelos dos mestres do século XIX, e tamén aos que publican a súa literatura en castelán, en especial Valle-Inclán. Radicalmente nacionalista, toda a súa produción está escrita en galego. A súa obra máis destacada é o poemario De catro a catro (1928), que vén sendo unha crónica, en 19 poemas, da navegación ―exterior pero tamén interior― do poeta nunha longa viaxe mariña transoceánica. Comeza co poema “Intencións” e remata con “Adeus”. A maior parte do poema son estampas e reflexións captadas durante a longa e monótona navegación. As imaxes desta obra e o seu léxico rompedor póñena á cabeza da poesía vangardista da súa época. Outros poemarios vangardistas de Manuel Antonio son todos eles póstumos aínda que escritos entre 1922 e 1928: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e mais despois e Viladomar.

Outras Orientacións de Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro tamén seguiu outras orientacións de vangarda:

  • O cubismo no libro Mar ao norde (1932), formado por breves poemas nos que o mar é sempre o motivo central.
  • O surrealismo, que é o tipo de imaxes que predominan no libro Poemas do si e non (1933), unha obra que relata unha historia de amor e erotismo.

A Narrativa do Primeiro Terzo do Século XX: O Grupo Nós

Na narrativa do primeiro terzo do século XX conviven narradores que seguen modelos do século anterior xunto a outros claramente renovadores. Entre os primeiros están Francisca Herrera, Manuel García Barros ou Lesta Meis, que aproveitan as infraestruturas editoriais postas en marcha polas Irmandades para publicar as súas obras na década dos anos 20. O segundo grupo de narradores, os decididamente renovadores, son os escritores que se agrupan baixo o nome de Grupo Nós.

O nome vénlles da que probablemente fose a empresa máis importante das moitas que levaron adiante a prol da cultura galega: a revista cultural Nós. Porque ademais desta revista, practicamente as mesmas persoas foron fundadoras e membros destacados das Irmandades da Fala, dirixiron as diferentes seccións do Seminario de Estudos Galegos, colaboraron na revista A Nosa Terra, publicaron literatura de todo tipo (novelas, contos, teatro, xornalismo, ensaio) e acabaron confluíndo na fundación do Partido Galeguista en 1931.

O Grupo Nós: Composición e Obxectivos

En sentido estrito o Grupo Nós formárono tres ourensáns veciños e amigos desde a infancia: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas. A eles hai que engadir a Antón Losada e a Castelao, que se sumou inmediatamente, e logo a outros moitos colaboradores. A revista Nós foi fundada en 1920 e publicouse ata 1936. Risco foi o seu primeiro director e Castelao o director artístico, encargado de deseñar as portadas, o rótulo da cabeceira, as ilustracións, etc. Nela fóronse publicando os froitos de todas as investigacións e traballos que se ían levando a cabo naqueles anos sobre os múltiples aspectos da cultura galega que aínda estaban por coñecer: a nosa prehistoria (escavar castros, dolmens, etc.), a nosa historia antiga, medieval e moderna, a xeografía do país, a arte, a arte popular, a lingua, a literatura, a música tradicional, o folclore, etc. Este fora o plan das Irmandades desde 1916, secundado en 1923 polo Seminario de Estudos Galegos: estudar a realidade o país e dala a coñecer.

Características Comúns do Grupo Nós

Entre as características comúns que translucen os membros do Grupo Nós nas súas obras literarias e sobre todo nos seus ensaios están:

  • O desexo de europeizar, universalizar e poñer ao día a cultura galega, partindo das propias raíces.
  • A Terra e a paisaxe son elementos básicos para a identificación e para a afirmación de Galicia.
  • A posta ao día da cultura galega non debe esquecer o respecto pola tradición, que lle dá a Galicia unha personalidade propia.
  • Dentro da tradición está a concepción da fidalguía como clase social depositaria das esencias da Galicia rural. Se desaparace a fidalguía, se os fidalgos venden os pazos e as terras e se converten en burgueses rendistas, acaba con eles a Galicia tradicional.

Narrativa

Vicente Risco (Ourense, 1884)

Foi profesor da Escola de Maxisterio en Ourense onde tamén se incorporou ás Irmandades da Fala. Foi o primeiro director da Revista Nós. Risco foi unha persoa dunha enorme cultura, coñecedor das ideas e das correntes culturais presentes na Europa do seu tempo: literatura, arte, filosofía, as vangardas, as revistas culturais, etc. A súa obra narrativa vén sendo unha continuación da súa obra ensaística e está en certa medida lastrada polas súas ideas: Risco aproveita o relato para, en paralelo á ficción, colocar os seus posicionamentos ideolóxicos sobre diversos temas.

  • No conto Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) expón un caso do mundo de ultratumba, tratado, iso si, de maneira humorística.
  • No conto O lobo da xente trata dun caso de lobishome que el tiña realmente investigado na montaña ourensá.
  • O relato A Coutada (1926) vén sendo un xerme do que logo será a novela, tamén de tese, de Otero Pedrayo, Arredor de si: a necesidade de que a fidalguía galega non abandone as terras e siga cumprindo o papel de clase social rural preponderante e depositaria da tradición galega.
  • O porco de pé (1928), unha feroz crítica á deixadez da burguesía galega, carente de vitalidade e de iniciativas, que se deixa suplantar e gobernar por unha burguesía foránea, que acaba por implantar nas vilas e cidades galegas uns usos e costumes cotiáns, unha dinámica cidadá, completamente afastados da tradición e da cultura galega, ante o papanatismo e o asentimento da poboación.

Ramón Otero Pedrayo

Herdeiro dunha familia fidalga con pazo e posesións preto da capital, foi un gran coñecedor do mundo fidalgo e da vida campesiña. Licenciouse en Filosofía e Letras e en Dereito. Foi un gran coñecedor da xeografía de Galicia. En Ourense adheriuse ao ideario das Irmandades da Fala e colaborou nas revistas Nós e A Nosa Terra. Catedrático de Xeografía e Historia, foi represaliado en 1936. Catorce anos despois acabou sendo o primeiro Catedrático de Xeografía da Universidade galega. A súa obra narrativa é a máis extensa da súa xeración. O seu conxunto de novelas e contos pode agruparse en tres apartados:

  • Novelas histórico-culturalistas, nas que recrea a vida cultural dunha época histórica concreta con gran fidelidade e documentación histórica. Un exemplo é A romaría de Xelmírez, o poderoso arcebispo galego de principios do século XIII.
  • Novelas e contos realistas, nos que se describe con precisión a vida no mundo rural galego: Os camiños da vida, unha crónica das transformacións do rural galego durante gran parte do século XIX; O mesón dos ermos, outra crónica da decadencia da clase fidalga.
  • Novelas de ideas, nas que a acción apenas avulta en favor do desenvolvemento das ideas do autor a través dos seus personaxes. Arredor de si é unha especie de crónica da evolución ideolóxica do Grupo Nós: desde as súas iniciais posturas antigalegas ao seu posterior e imprescindible protagonismo galeguista; o personaxe protagonista vén sendo un trasunto do propio Otero. Devalar é unha especie de crónica da efervescencia e do entusiasmo e do traballo galeguista na época do Seminario de Estudos Galegos.

Alfonso Rodríguez Castelao

Médico de formación, apenas exerceu a Medicina. Case toda a súa vida profesional transcorreu como alto funcionario en Pontevedra. Castelao foi esencialmente un artista: pintor, caricato e humorista. De todo o Grupo Nós foi o que máis se implicou en política: dirixente do Partido Galeguista e deputado nas Cortes de Madrid. Gran orador, foi o encargado de defender o articulado do Estatuto de Autonomía de 1936. En 1939 tivo que exiliarse. Viviu en Buenos Aires ata 1950. A súa obra narrativa oriéntase máis ben cara ao relato curto, onde o caracteriza un estilo sobrio e depurado, case sempre tinxido de humor.

  • O ollo de vidro é o seu primeiro relato macabro-humorístico: un defunto a quen non lle podrece o ollo de cristal que tiña en vida “ve” a través del e conta en clave de humor quen vai chegando polo seu cemiterio.
  • Cousas é un conxunto de 45 relatos moi breves, todos eles acompañados dun debuxo do propio Castelao, que lle completa ao lector a información da breve prosa. Todo tipo de personaxes galegos da época desfilan por estes relatos tinxidos de humor e sentimentalismo.
  • Retrincos (1934) son cinco relatos baseados en experiencias autobiográficas, unhas da infancia e outras do Castelao adulto. O sentimentalismo, nostalxia e o humor tamén están presentes nestas historias. A concisión e a depuración expresiva tamén son características do seu estilo narrativo.
  • Os dous de sempre (1934) é a súa única novela. Narra a vida en paralelo de dous amigos de infancia que acabarán medrando de modo moi distinto: Pedriño representa as persoas conformistas e inmobilistas, e Rañolas representa as persoas dinámicas e idealistas. A novela tende ao fragmentarismo pois calquera dos seus 44 capítulos pode lerse con certa autonomía e, como sucede cos relatos de Cousas, todos levan cadansúa ilustración, obra do propio Castelao.

Rafael Dieste

Cronoloxicamente queda fóra do Grupo Nós, pero participou moi activamente en moitas das súas iniciativas: Seminario de Estudos Galegos ou Partido Galeguista. Gran difusor do teatro polas vilas e aldeas de Galicia na época da República, chegado 1936 tivo que exiliarse a Buenos Aires e México. Dieste é autor dun único libro de relatos titulado Dos arquivos do trasno. Escritos coa técnica do conto popular, caracterízanse tamén pola brevidade e intensidade, polo misterio e fantasía dalgúns relatos e, sobre todo, pola sorpresa que ofrecen no seu remate.

Entradas relacionadas: