Movementos e Autores Clave da Literatura Galega: De Nós á Nova Narrativa

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 29,8 KB

Grupo Nós e a Prosa Moderna Galega (1920-1936)

Tema 3: Castelao conforma, xunto con Vicente Risco e Otero Pedrayo, o grupo Nós, colectivo que desempeñou un papel central entre 1920-1936 e participou en todas as iniciativas desenvolvidas na época (Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista...).

Son os creadores da prosa moderna galega (novela, relato curto, ensaio, discurso científico...). Esforzáronse en afastar a cultura galega do ruralismo decimonónico, modernizala e universalizala, poñéndoa en contacto cos movementos culturais europeos. A revista Nós foi o medio do que se valeron para conseguilo.

A Xeración do 50 ou das Festas Minervais: Uxío Novoneyra

Tema 5: Uxío Novoneyra pertence á Xeración do 50 ou Xeración das Festas Minervais, que xunto coa do 36 e a Promoción de Enlace conforman as xeracións poéticas de posguerra. Foi esta unha etapa onde a cultura galega, en plena ditadura franquista e nun proceso de minorización da lingua, vertebrou a súa recuperación paulatina arredor da editorial Galaxia (1950).

Neste poemario —como na maioría da obra de Novoneyra— predomina a poesía paisaxística, pero nesta composición, a paisaxe está case totalmente ausente, e céntrase na preocupación social, como noutros autores da mesma xeración (Ferrín, Manuel María).

A Narrativa Galega de Posguerra: Blanco-Amor, Fole, Cunqueiro e Neira Vilas

Tema 6: Blanco-Amor, xunto con Neira Vilas, Cunqueiro e Ánxel Fole, representa a narrativa galega de posguerra. Todos eles foron autores que cultivaron o realismo, pero desde ópticas diversas. Así, o autor de A Esmorga, novela na que se inclúe este texto, desenvolve nas súas obras un realismo social, que ten como trasfondo a cidade de Auria (Ourense).

Nos anos 50, coa creación da Editorial Galaxia, vaise iniciar a recuperación da literatura galega silenciada pola Guerra Civil. Xorden agora un bo número de obras mestras e de autores considerados clásicos das nosas letras: Blanco Amor, Cunqueiro, Neira Vilas e Fole, son personalidades illadas que non constitúen xeración; todos escriben literatura realista pero desde ópticas diferentes.

A Nova Narrativa Galega (NNG): Renovación e Experimentación

Tema 7: A publicación de Nasce unha árbore (1954) de Rodríguez Mourullo marcará o inicio da Nova Narrativa Galega, un movemento de renovación literaria que alcanzará o seu auxe nos anos 60 con obras coma O crepúsculo e as formigas á que pertence este texto. Os seus autores e autoras racharán co xeito de narrar da Xeración Nós, pero tamén co doutros escritores contemporáneos coma Fole, Blanco Amor, Neira Vilas ou Cunqueiro. Eles e elas asimilan as correntes renovadoras da literatura europea e americana (Kafka, Joyce, Faulkner...) e inauguran un modelo narrativo de técnica experimental e ambientación urbana.

Movementos Fundamentais da Literatura Galega

Irmandades da Fala: Difusión e Infraestrutura Editorial

Servíronse da prensa escrita (xornal A Nosa Terra, dirixido por Antón Vilar Ponte) e da literatura para espallar o ideario galeguista. Co fin de achegar o libro ao gran público, crearon as infraestruturas editoriais necesarias (fundación de editoriais, publicación de coleccións literarias de pequeno formato e custo reducido: Céltiga, Alborada, Lar, Terra a nosa!, Libredón...) e fomentaron xéneros literarios coma o relato curto e o teatro.

A narrativa moderna que comeza a se conformar nesta época aborda temáticas novas: humor, macabrismo, esoterismo (moitos relatos de ultratumba), neoceltismo, narrativa de trasfondo político; así como unha ambientación urbana, distanciándose da literatura decimonónica. Coas Irmandades tamén se inicia o ensaio en lingua galega. Cómpre sinalar nesta época autores de ensaio político como:

  • Lois Porteiro Garea
  • Antón Vilar Ponte (fundador en 1916 das Irmandades e autor de numerosos discursos, conferencias e artigos nacionalistas, recollidos en Pensamento e sementeira)
  • Xoán Vicente Viqueira con artigos centrados na galeguización e reforma do sistema educativo.

O Grupo Nós: Intelectuais e Modernidade (1920-1936)

Formada por Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (Cenáculo Ourensán), Castelao e outros intelectuais. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan nas actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Constitúen un dos colectivos máis singulares de toda a historia da Literatura Galega, desempeñando un papel central entre 1920 e 1936.

Son os creadores da prosa moderna galega (novela, relato curto, ensaio, discurso científico...). Esforzáronse en afastar a cultura galega do ruralismo decimonónico, modernizala e universalizala, poñéndoa en contacto cos movementos culturais europeos. A revista Nós foi o medio do que se valeron para conseguilo.

Vicente Martínez-Risco e Agüero

Centra o seu interese na tradición etnográfica galega e en temáticas relacionadas co esoterismo. Os seus ensaios máis destacados son Teoría do Nacionalismo Galego (1920) e Nós os inadaptados (1933), neste aborda a evolución que sofren el, Otero Pedrayo e Cuevillas ata reencontrarse co galeguismo.

A súa produción narrativa iníciase con Do caso que lle aconteceu ao Dr. Alveiros, un relato de ultratumba, cargado de humor macabro. Nel rompe cos tópicos da tradición do século XIX e incorpora á nosa literatura asuntos como o esoterismo ou o mundo máxico e marabilloso. Na novela O porco de pé conta a historia de D. Celidonio, un comerciante foráneo que se instala en Auria (Ourense). A figura de D. Celidonio, caracterizado satiricamente coma un porco, sérvelle para criticar a degradación da sociedade burguesa que só vive pendente do diñeiro. Tamén aproveita para burlarse dos intelectuais acomodados. O estilo da novela destaca pola riqueza léxica, o sarcasmo, a ironía, a hipérbole, o emprego de enumeracións acumulativas e as imaxes paródicas e caricaturescas.

Ramón Otero Pedrayo

Podemos distinguir:

  • Novelas histórico-realistas: con títulos como Os camiños da vida (1928), novela que ten como marco a Galicia rural do século XIX e a transición ao XX. Nela abórdase o proceso de decadencia da fidalguía e os bruscos cambios que está a experimentar a sociedade tradicional.
  • Histórico-culturalistas: A romeiría de Xelmírez (1934), ambientada na Idade Media.
  • Novelas psicolóxicas, de introspección e procura: Arredor de si (1930). Retrata, a través do seu protagonista Adrián Solovio, a evolución do Grupo Nós, que leva aos seus integrantes a reencontrarse con Galicia e consigo mesmos despois de divagar desacougados por culturas alleas.

Tradición, fidalguía e paisaxe son temas recorrentes en Otero Pedrayo. Como ensaísta, destaca o Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939) e a Xeografía física da Historia de Galiza (1962).

A súa técnica narrativa caracterízase polas descricións moi detalladas, as digresións, enumeracións, adxectivación exhaustiva e a erudición, que lle dan á súa prosa unha feitura barroca. Emprega tamén con frecuencia o símil, a personificación, a hipérbole e as sensacións olfactivas e sonoras.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Diferénciase dos restantes membros do Grupo Nós pola súa procedencia popular, o pensamento laico e o seu progresismo. Non comparte o culturalismo de Otero e Risco, pois para el a arte ten unha función social, debe servir para denunciar inxustizas e dar unha visión da sociedade do seu tempo. Político, pintor, caricaturista... Como escritor aborda a narración, o ensaio e o teatro. Conectou coa esencia máis profunda da idiosincrasia galega.

As súas obras están protagonizadas polas clases sociais máis desfavorecidas (labregos e mariñeiros), co que pretende contribuír á concienciación e dignificación das clases populares. A obra plástica e a literaria de Castelao caracterízanse por:

  • Didactismo, humor, lirismo e sinxeleza expresiva.

A técnica narrativa maniféstase mediante uns trazos esenciais (igual ca na caricatura) que denotan o fundamental, a información restante queda suxerida, o que dá lugar a textos breves e sintéticos.

A primeira obra narrativa de Castelao é Un ollo de vidro (1922) co subtítulo de “Memorias dun esqueleto”. Nela o humor mestúrase coa sátira social de carácter anticaciquil. Os dous de sempre (1934) é a única novela de Castelao. Con todo, a obra máis novidosa é Cousas (1926), un novo xénero literario creado por Castelao no que un relato breve vai acompañado dunha imaxe que o ilustra e o complementa. As Cousas están protagonizadas por clases populares que son tratadas con tenrura polo autor, en contraposición cos poderosos.

  • Hai crítica das inxustizas e preocupación polos problemas sociais, denuncia da miseria dos máis desfavorecidos.
  • Ironía, retranca e lirismo son elementos habituais.
  • Os desenlaces están coidados con esmero e a miúdo rematan nun clímax con epifonema (figura de pensamento que conclúe un relato cunha exclamación ou meditación profundas). Deste xeito, o narrador expresa a esencia do relato nunha atinada síntese. Noutras ocasións, despois do clímax narrativo, o conto prolóngase unhas liñas máis, que serven para lograr unha distensión.

Como ensaísta, cómpre destacar Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944), obra que sintetiza o seu pensamento político. Nela atopamos unha ollada anovadora sobre Galicia e as súas potencialidades, así como a crítica contra o modelo centralista do Estado e a proposta alternativa dun federalismo ibérico. Outros ensaios: As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950).

Narradores Novecentistas ou da Xeración de 1925

Outro dos grupos xeracionais importantes anteriores á Guerra Civil é o dos Novecentistas ou Xeración de 1925, que serán os encargados de levar a cabo a renovación da poesía (Vangardas).

Rafael Dieste

Rafael Dieste, rianxeiro coma Castelao e Manuel Antonio, é un autor desta xeración que non destaca no ámbito poético senón na narrativa e no teatro. Dos arquivos do trasno (1926) é unha colección de contos. Na introdución, o autor explica os dous principios que deben gobernar o relato: unidade emotiva e remate esencial. O eixo temático da narrativa de Dieste xira arredor de tres trazos:

  • A importancia concedida á técnica. Mestúranse recursos típicos da literatura oral: apelacións ao auditorio, referencias espazo-temporais concretas, historias encaixadas... e recursos de raíz culta: descricións moi plásticas, rupturas temporais, adxectivación rica, comezos in media res, finais abertos...
  • Preferencia pola temática de misterio.
  • A orixe popular dos argumentos, próximos ás lendas e supersticións, que recolle dos ambientes de Rianxo de comezos de século.

Autores Clave da Nova Narrativa Galega (NNG)

Xosé Luís Méndez Ferrín

As súas tres primeiras obras: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961) e Arrabaldo do norte (1964) encádranse claramente dentro das características da NNG: personaxes problemáticos (violentos, incomunicados, con diversas patoloxías...), espazos urbanos, estilo menos elaborado... A partir de Retorno a Tagen Ata (1974) o experimentalismo vaise reducindo, ao tempo que a realidade social e política galega vai cobrando máis peso. Desde 1980, a narrativa de Ferrín combina a fantasía, o simbolismo e o realismo, a recreación da materia de Bretaña, o compromiso político e a recuperación da memoria da represión franquista. Esta época iníciase en 1982 cos relatos Amor de Artur, Arnoia, Arnoia e chega ata a actualidade coa novela No ventre do silencio.

Carlos Casares

Vento ferido (1967), Cambio en tres (1969) e Xoguetes pra un tempo prohibido (1975), considéranse ligadas á Nova Narrativa. Nelas mostra unha realidade desacougante e opresiva e emprega o monólogo interior, o obxectivismo e a narración en 2ª persoa. Na etapa de madurez, a partir d’ Os escuros soños de Clío, escribe novelas máis realistas, centradas en sucesos ou situacións históricas de distintos períodos do século XX, sen renunciar totalmente ao elemento fantástico. Algunhas das súas novelas máis importantes desta etapa son Ilustrísima e Os mortos daquel verán. Algunhas características comúns a toda a súa obra son a presenza de elementos autobiográficos, os ambientes predominantemente urbanos, a constante aparición do Mal, orixinado pola mentira, a calumnia, o engano... como motor dos conflitos sociais e o gusto polo humor, a ironía e a parodia.

María Xosé Queizán

A orella no buraco (1965), novela obxectalista na que aborda o tema da liberdade do ser humano. Dividida en tres capítulos, céntrase na biografía dun emigrante fracasado que regresa a Galiza e morre. A obra narrativa posterior de Queizán aborda problemáticas sociais diversas desde unha perspectiva progresista e feminista.

Outros Autores da NNG

  • Gonzalo Rodríguez Mourullo: Nasce unha árbore (1954), obra que marca o inicio da Nova Narrativa Galega e Memoria de Tains (1956).
  • Camilo González Suárez-Llanos: Como calquera outro día (1962).
  • Xohana Torres: Adios, María (1971).

Xosé Neira Vilas (Nota Contextual)

A súa obra Remuíño de sombras presenta un xogo de voces narrativas, rupturas temporais, diversos rexistros lingüísticos, uso da técnica cinematográfica nas distintas secuencias que recollen fragmentos de conversas, noticias sobre espectáculos, actos sociais.

Características da Nova Narrativa Galega (NNG)

Temática

Expresión do absurdo da existencia, pesimismo, desesperanza. Asasinatos, suicidios, fracasos persoais, amor insatisfeito, soidade, illamento, episodios patolóxicos; presenza reiterada da violencia, da agresividade e da tensión nas relacións humanas. O sexo, o suicidio e a morte son ideas obsesivas nestas novelas. Outras veces estas novelas presentan mundos imaxinarios e simbólicos, absurdos e angustiosos, incorporando o mundo do subconsciente, os soños e pesadelos. Este mundo simbólico pode representar o clima social da Galiza desas décadas: trátanse aspectos políticos e sociais en clave simbólica, non realista.

Personaxes

A sociedade alienada e insegura da sociedade franquista reflicte-se a través do desequilibrio e illamento que caracteriza os personaxes. Os personaxes protagonistas acostuman ser antiheroes, insignificantes e sempre conflitivos, solitarios, desarraigados, moitas veces traumatizados por circunstancias que non lle son reveladas ou explicadas ao lector/a. Aparecen frecuentemente obxectalizados, cousificados, desprovistos de humanidade e sentimentos. Poucas veces se nos dan datos externos (como son, a que se dedican, onde viven...). É dicir, desaparece o personaxe perfectamente caracterizado e é substituído por un personaxe abstracto (sen nome, inseguro, desequilibrado, agresivo e con tendencia á autodestrución...).

Tempo

Rexéitase a cronoloxía lineal propia do século XIX e aparecen as prolepses e analepses ou flashback, dando entrada á cronoloxía vital na que todos os planos temporais aparecen fundidos.

Espazo

Maioritariamente urbano ou suburbial. Hai unha fuxida consciente do ruralismo e aparecen ambientes cosmopolitas e localizacións estranxeiras. Os ambientes son, polo xeral, claustrofóbicos e sórdidos.

Narrador

Desaparece o narrador tradicional (omnisciente). Agora, a voz narradora limítase a contar o que observa, como testemuña ou como personaxe, utilizando a primeira persoa e non a terceira. Utilizan tamén o monólogo interior. En ocasións, hai unha pluralidade das voces narrativas, ofrecendo un enfoque múltiple da realidade. Rexéitase o argumento.

Estilo

Estilo simple, oracións curtas, marcada tendencia ao coloquialismo, fuxida da retórica. Obxectalismo ou gusto pola descrición polo miúdo de cada detalle dun obxecto, como unha cámara cinematográfica, sen que a figura narradora interfira. A descrición é un dos soportes básicos do texto.

Narrativa de Posguerra: Realismo e Fantasía

Ricardo Carballo Calero

A súa novela A xente da Barreira é a primeira obra narrativa publicada na posguerra. A temática céntrase na decadencia da fidalguía. Esta é a orientación que segue.

Ánxel Fole: Realismo Popular

Iniciador do realismo popular. A súa obra está constituída por títulos como Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955). A primeira obra das citadas é unha colección de contos relacionados entre si cunha sinxela estrutura: uns personaxes, reunidos a carón do lume nunha vella torre incomunicada pola neve, contan as diferentes historias que compoñen o libro, transcritas por un dos presentes.

Emprega técnicas propias da narración oral, a “técnica do conto contado” porque considera que “O conto é bo cando lido parece contado”. O propósito de Fole é revitalizar o realismo popular ou etnográfico, na liña do conto popular de carácter oral (discurso lineal, apelación ás persoas oíntes, inconcreción temporal e fórmulas de apertura do relato: “xa hai moito tempo...”; narración en espiral: un conto leva a outro conto; detallismo; conclusións de carácter didáctico, narrador testemuña dos feitos...). Sobre o fondo da realidade labrega galega, preséntasenos o mundo do campesiñado, insistindo no seu humor e na súa cultura espiritual: crenzas, lendas e experiencias paranormais (premonicións, aparicións, telepatía, crenzas tradicionais, supersticións populares como a Santa Compaña) que non deixan de estar sometidas á análise racional. A lingua galega de Fole é exemplo do naturalismo lingüístico (vulgarismos, arcaísmos, dialectalismos e castelanismos).

Álvaro Cunqueiro: Realismo Fantástico

O realismo fantástico, concepto co que podemos definir a súa narrativa, é unha mestura de elementos culturalistas e populares, de realidade cotiá e de fantasía que atopamos en obras como Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) ou Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961).

  • Merlín e familia consiste nunha sucesión de episodios engarzados arredor da figura do personaxe central, o mago Merlín, que Cunqueiro desmitifica e galeguiza ao instalalo no pazo de Miranda, en Galiza. Acompáñano a raíña dona Xenebra e Felipe de Amancia, un criado que desde a vellez, narra de forma retrospectiva as visitas que fan diversos e estraños personaxes á casa do mago, buscando a solución a un problema de carácter máxico.
  • As crónicas do Sochantre evoca unha afastada Bretaña do S. XVIII, descrita con trazos e cores de Galiza. A obra está concibida como un xogo macabro no que se narran as peripecias do sochantre da catedral de Pontivy cando se dirixe a Quelven para tocar nun enterro. Na carroza que o recolle, encóntrase con cinco personaxes de ultratumba, que contan as súas historias.

O segundo grupo de títulos está formado por tres libros con breves retratos de seres populares tocados polo extraordinario, conformando un grande mosaico da Galiza popular: Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979).

O seu estilo está próximo á oralidade (digresións, diálogos...) e coa presenza constante do humor, derivado da mestura entre o mundo real e mítico. Usa:

  • Exhaustividade nos datos (localizacións xeográficas e cronolóxicas reais, minuciosidade no detalle, relacións de parentesco... que presentan un narrador cun coñecemento próximo e certeiro dos feitos).
  • Precisión na toponimia, antroponimia e referencias socio-culturais coñecidas.
  • Recurso a voces autorizadas, tanto orais como librescas, que conceden prestixio e credibilidade ao que se está a narrar.
  • Dúbida intencional, é dicir, a dúbida finxida polo narrador acerca dun feito para lle conferir autenticidade.

Eduardo Blanco Amor: Realismo Social

A esmorga (1959), considerada a primeira obra de ambientación urbana da narrativa contemporánea. Ambientada en Auria, a finais do século XIX e principios do XX, reconstrúe en cinco capítulos a historia de tres personaxes marxinais, que se moven polo instinto e están predestinados á autodestrución: Cibrán Canedo, o Milhomes e o Bocas ao longo de vinte e catro horas.

O relato foi recollido por un narrador-autor que aparece, ao principio (Documentación), para sinalarnos as fontes de onde sacou a información e tamén ao final, para dicirnos como acabou o protagonista principal. A historia está relatada por Cibrán Canedo (narrador-protagonista) a un xuíz (narratario ou destinatario interno da narración) que o está procesando por un suceso (24 horas) que el vai reconstruíndo ao longo de tres días (analepse ou flashback). Este xuíz-personaxe, do que sabemos que non é galego, está presente aínda que non se transcriben as súas preguntas. Este recurso narrativo chámase técnica telefónica e úsase para unha maior verosimilitude, evitar unha novela bilingüe e focalizar a atención no Cibrán.

Ademais dos protagonistas da novela (personaxes marxinais, instintivos e primitivos), aparecerán un número importante de personaxes de todo tipo, destacándose os personaxes femininos. Os protagonistas vivirán unhas vivencias extremas polas rúas e interiores de tabernas, prostíbulos, pazos e igrexas (espazo itinerante nunha atmosfera de líquidos, onde a **CHOIVA** xogará un papel fundamental no desenlace da novela).

É moi destacable nesta novela o exercicio lingüístico, consistente en literaturizar de xeito verosímil o rexistro popular dos personaxes, coloquial e dialectal (sintaxe elemental, vulgarismos, castelanismos, frases feitas, vocabulario escaso, palabras comodín...). Porén, ás veces a lingua de Cibrán incorpora sutilmente palabras da linguaxe literaria (hipergaleguismos, algúns arcaísmos...).

En 1962, publica Blanco Amor o libro de relatos Os biosbardos, composto por sete contos que teñen en común a narración en primeira persoa e a relación de experiencias protagonizadas por personaxes infantís. En 1972, edítase a última novela de Blanco Amor, Xente ao lonxe. Outra vez atopamos o Ourense-Auria de comezos do século XX, visto desde a perspectiva do Suso, un neno de familia proletaria de ideas socialistas. O protagonista vaise facendo consciente dos conflitos económicos e ideolóxicos da sociedade na que vive e que sofre na súa propia casa. Resulta tamén interesante o personaxe de Evanxelina, a irmá, pois representa a muller comprometida politicamente que tenta escapar do rol feminino da época.

Xosé Neira Vilas

A súa obra conecta, a principios dos sesenta, cos problemas máis importantes da sociedade galega: a desfeita do mundo rural galego, inzado de miserias e traxedias nos tempos do golpe militar e da inmediata posguerra, e a emigración. Tendo en conta a temática tratada, adóitase clasificar a súa narrativa en catro núcleos:

  • A visión da Galiza rural a través da mirada dos nenos: Memorias dun neno labrego (1961) e Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977). Na primeira, a máis coñecida, maniféstanse as preocupacións e a frustración de Balbino, un rapaz que vive nun mundo labrego de miseria e represión.
  • A visión da Galiza rural a través da mirada dos adultos: Xente no rodicio (1965).
  • A visión da Galiza emigrante: Camiño bretemoso (1967).
  • O mundo urbano.

A Poesía Galega de Posguerra

A Xeración de 1936

Formada por Luís Seoane, Emilio Pita ou Lorenzo Varela, mais tamén nomes como Xosé Mª Álvarez Blázquez, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Mª Díaz Castro, María Mariño, Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro.

Autores e Obras Destacadas (Xeración do 36)

  • Aquilino Iglesia Alvariño: Cómaros verdes, poemario que se integra no chamado neovirxilianismo ou clasicismo paisaxista (paisaxe nativa con dicción greco-latina).
  • María Mariño: Palabra no tempo (poesía intimista, na que destaca a relación da voz lírica coa paisaxe, o tempo e a presenza da morte); Verba que comenza (influencias rosalianas no seu intimismo radical).
  • Díaz Castro: Nimbos e o seu poema **“Penélope”** (frustración histórica da sociedade galega e o seu devir cíclico). Destaca polo seu intimismo relixioso.
  • Luís Pimentel: Sombra de aire na herba (1959). Intimismo existencial con expresión dos seus sentimentos dun xeito impresionista e simbólico. Expresión sinxela e delicada. Tamén ten algúns poemas sociais (**“Cunetas”**).
  • Celso Emilio Ferreiro: A súa poesía presenta tres grandes eixes temáticos: a poesía social, solidaria coa xente oprimida de calquera lugar. Denuncia o fascismo, a emigración, a explotación, a inxustiza... O segundo eixe é intimista; caracterízase polo desacougo existencial, con temas como a identificación coa terra, a fugacidade da vida, o amor... Ademais, ten unha poesía fortemente corrosiva e crítica, influenciada polas cantigas de escarnio e maldicir. O soño sulagado (1954) é un libro no que se crea un universo simbólico caracterizado pola presenza da angustia e da dor existencial, a soidade, a morte e o “paraíso perdido” da infancia (a nai, a terra natal e a paisaxe). Con Longa noite de pedra (1962), a poética de Celso Emilio decántase cara aos temas sociais e o compromiso político, cuns trazos característicos que son a sinxeleza expresiva, a preeminencia da mensaxe sobre a forma, o humor, a ironía e o sarcasmo. Cómpre destacar tamén a denuncia da opresión, que inclúe a condena do capitalismo e o fomento dunha conciencia proletaria; o antibelicismo, a denuncia da ditadura franquista e a defensa da liberdade, ademais da preocupación pola realidade galega, as súas xentes e a súa lingua. Outras obras posteriores son Viaxe ao país dos ananos e Onde o mundo se chama Celanova (1975) que é un poemario intimista co que volve ás orixes e onde destaca a parte **“Moraima: diario de a bordo”**, un canto de amor á súa compañeira Moraima.

A Promoción de Enlace (1920-1930)

Formada por escritoras/es que nacen entre 1920 e 1930. Actúan como ponte entre a xeración anterior e a seguinte dos anos 50. Predomina a poesía intimista. Cabe salientar a:

  • Luz Pozo Garza (paisaxe e amor vitalista)
  • Antón Tovar (dúbida e inquedanza fronte á vida)
  • Neira Vilas (poesía social)
  • Mª do Carme Kruckenberg (intimismo vivencial)

A Xeración das Festas Minervais (Década dos 50)

Grupo de poetas da década dos 30 e que irrompen no panorama literario galego nos anos 50 (como prosistas forman parte do que se coñece como Nova Narrativa Galega). Como poetas, as primeiras mostras deste grupo atopámolas na “Escola da Tebra”. É unha poesía na que destaca o pesimismo vital, a angustia, a dor da existencia, etc... Renovan tamén a linguaxe poética.

Grupo Compostelán

  • Manuel María: Obra moi ampla que dificulta a súa clasificación, pois vai desde o ton existencial que o vincula á “Escola da Tebra” en Muiñeiro de brétemas (1950), pasando pola poesía paisaxística da Terra Cha (1954) ata o compromiso político nos anos 60-70.
  • Uxío Novoneyra: Os Eidos (1955). Posúe unha obra herdeira da tradición paisaxística anterior, mais en Novoneyra atopamos unha comuñón coa natureza do Courel cunha linguaxe na que predomina a exclamación e a aliteración fonosimbólica.
  • Ademais de Cuña Novás, Xohana Torres (simboloxía paisaxística-intimista en Do sulco) ou Avilés de Taramancos (a paisaxe e a emigración a Colombia).

Grupo Brais Pinto

A súa poesía contén elementos máis radicais que os conecta con movementos europeos e norteamericanos. Contra o final da década, algúns membros desta xeración, influenciados por Celso Emilio Ferreiro, dedicáronse a cultivar unha poesía socialrealista e comprometida (sobre todo Ferrín) e participaron activamente no cambio político xerado no nacionalismo galego.

  • Bernardino Graña: Poesía existencialista, de denuncia e de amor. Profecía do mar (1966).
  • Xosé Luís Méndez Ferrín: O seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), manifesta a influencia existencialista da Escola da Tebra. A poesía producida nos anos 60, publicada na década seguinte baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, está fortemente marcada pola tendencia socialrealista, con fortes connotacións sociopolíticas (Antoloxía popular, 1972).

Entradas relacionadas: