Motivación Académica: O Valor da Aprendizaxe e as Metas Educativas
Enviado por Chuletator online y clasificado en Química
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,42 KB
O Valor da Motivación: Metas Académicas
Aprender, Desenvolver e Gozar coa Tarefa
Traballar pode significar aprender, desenvolver e gozar coa tarefa. O significado básico que toda situación de aprendizaxe debería ter para o alumnado é o que posibilita incrementar as súas capacidades. Aínda que cada membro do alumnado ten características distintas, atópanse moitos absortos na actividade, tratando de resolver un problema, etc.; é dicir, o alumnado está intrinsecamente motivado. Parece que conseguir que o alumnado afronte a aprendizaxe atribuíndolle o significado sinalado, ten efectos altamente positivos.
A Percepción da Utilidade da Aprendizaxe
Traballar pode depender da percepción da utilidade da aprendizaxe. Un dos significados máis claros da aprendizaxe é o instrumental. Por iso, o esforzo por aprender pode ser máis ou menos interesante dependendo do significado funcional do que se aprende. Búscase aprender algo útil, aínda que esta utilidade sexa relativa: resolver un conflito, narrar historias, etc. Se non se percibe a utilidade do que se ten que aprender, o interese tende a diminuír. Polo contrario, se se perciben múltiples utilidades no que se pode aprender, aumenta o interese.
Metas Externas e Incentivos na Aprendizaxe
O valor do traballo pode estar na consecución de metas externas á aprendizaxe. O esforzo pode percibirse como útil ou inútil dependendo de posibilitar a consecución ou non de incentivos externos. A ausencia de incentivos pode ser unha causa de falta de motivación; porén, isto non implica que para motivar o alumnado teñamos que utilizar sempre recompensas externas, xa que en exceso pode ter consecuencias negativas.
O Impacto das Cualificacións no Traballo Escolar
O significado do traballo escolar pode depender das cualificacións. Nos contextos académicos, é obxecto de avaliación tanto a actividade do alumnado ao tratar de aprender como a consecución ou non de obxectivos perseguidos. Conseguir avaliacións positivas dá seguridade, xa que non conseguir a cualificación desexada ten consecuencias negativas. Ademais, comprobouse que cando a meta é conseguir a seguridade de aprobar, os efectos tampouco son positivos. Dependendo do tipo de avaliación, as notas melloran, pero a aprendizaxe acostuma a ser memorística. Cando o alumnado só estuda en función da nota, non vai tratar de aprender, senón de adquirir coñecementos para conseguir un bo resultado.
Autoestima e o Significado do Traballo Escolar
O significado do traballo escolar depende das súas implicacións para a autoestima. A actividade académica cobra sentido favorable ou desfavorable dependendo do grao en que contribúa a preservar ou aumentar a autoestima. No caso do alumnado preocupado por perder a súa autoestima, a súa preocupación fundamental é como o avalían os demais, tanto o profesorado como os compañeiros. Isto tende a diminuír a participación e isto prodúcese máis canto maior é o medo a fracasar.
O Desexo de Autonomía no Traballo Escolar
O valor do traballo escolar depende de que se respecte o desexo de autonomía. As persoas sentímonos a gusto cando facemos algo porque queremos sen que nos obriguen. Sen embargo, na escola ao alumnado impónselle case todo, aínda que isto non significa que o alumnado non poida aceptar a actividade escolar como propia. Para que o alumnado se sinta que actúa con autonomía é preciso crear contextos que esperten o interese e a curiosidade, que saiba que o que vai aprender contribúe a que consiga obxectivos relevantes. Sentir que se actúa de forma autónoma é positivo e facilita a regulación da propia aprendizaxe.
Aceptación e Atención do Profesorado e Iguais
O valor do traballo depende da aceptación e atención por parte do profesorado e grupo de iguais. A actividade académica pode afectar ao grao de aceptación persoal e afecto que o alumnado experimenta por parte do profesorado. Ademais, cando a motivación é alta, o alumnado é máis eficaz se o resultado da actividade lle vai permitir conseguir unha maior aceptación e contacto coas demais persoas. En consecuencia, é preciso que o profesorado revise en que medida son adecuadas as súas pautas de actuación na aula en relación coa necesidade do alumnado de sentirse aceptado.