O Mosaico Lingüístico da Península Ibérica: Linguas, Cooficialidade e Diversidade Cultural
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,26 KB
A Diversidade Lingüística na Península Ibérica
A Península Ibérica divídese en tres estados: Portugal, España e Andorra, que son un bo exemplo da diversidade lingüística en Europa.
- Andorra é oficialmente monolingüe en catalán.
- Portugal conta con dúas linguas oficiais: o portugués en todo o Estado e o mirandés, circunscrito a Miranda do Douro.
- No Estado español, coexisten sete linguas.
As Linguas no Estado Español: Un Mosaico Multilingüe
O Estado español é multilingüe, como a maior parte dos estados do mundo. En total, as linguas faladas no Estado español son sete e teñen unha extensión, vitalidade e recoñecemento legal moi distintos:
- Galego
- Asturleonés
- Castelán
- Éuscaro
- Aragonés
- Catalán
- Aranés
Ademais destas, existen outras comunidades lingüísticas non oficiais, como a arabófona e tamazightfalante de Ceuta e Melilla, a romanífalante da poboación xitana, ou certos lugares lusófonos en Estremadura.
Das sete linguas citadas, todas son linguas románicas agás o éuscaro, de orixe descoñecida e falada na Península antes da chegada dos romanos.
Recoñecemento e Cooficialidade das Linguas en España
O castelán é a única lingua oficial en todo o Estado, tal como establece o artigo 3 da Constitución Española. Para que o resto de linguas españolas sexan consideradas cooficiais nos seus territorios, teñen que ser recoñecidas como tales nos respectivos estatutos de autonomía.
Así, son cooficiais:
- O galego en Galicia.
- O éuscaro no País Vasco e Navarra.
- O catalán en Cataluña, Valencia e Illas Baleares.
- O aranés no Val d’Arán.
Pola contra, o asturleonés e o aragonés non teñen o status legal de cooficialidade en ningunha das comunidades onde se falan.
Todas as comunidades que recoñecen a cooficialidade das súas linguas propias aprobaron respectivas leis de normalización lingüística, co fin de promover e regular o seu coñecemento e o seu uso, compensando a situación de inferioridade con respecto á lingua estatal.
O Catalán: Unha Lingua con Ampla Presenza Europea
O catalán conta con arredor de dez millóns de falantes e é unha lingua falada en catro estados europeos: España, Andorra, Italia e Francia.
- En Andorra é lingua oficial.
- É usada tamén no Rosellón francés e na cidade italiana sarda de Alguer, onde comparte cooficialidade co italiano e co sardo.
- En España é cooficial en Cataluña, Valencia e Illas Baleares, pero non nunha zona de Murcia e Aragón onde tamén se utiliza.
Agás nas zonas onde é oficial, o catalán corre perigo debido á presión secular das linguas estatais de España, Francia e Italia.
Tradición, Normalización e Desafíos do Catalán
O catalán posúe unha rica tradición literaria desde a Idade Media. En Cataluña, a recuperación do idioma en todas as funcións da vida social é unha realidade debido a unha activa política lingüística e ao prestixio social e cultural que a asocia coa burguesía.
A pesar da alta inmigración, o seu sistema educativo, con todas as materias en catalán agás a lingua e literatura castelá, consegue que os fillos dos inmigrantes aprendan a lingua desde pequenos e de xeito progresivo. Este tipo de programas educativos recibe o nome de inmersión lingüística.
Porén, en Valencia e Illas Baleares, o catalán sofre unha situación de diglosia. Na actualidade, o catalán é unha das linguas minorizadas con máis prestixio de toda Europa. Dispón dunha variedade estándar desde 1913 grazas ao filólogo Pompeu Fabra e ao Institut d'Estudis Catalans.
Existe unha polémica sobre o carácter do valenciano, considerado pola maioría de filólogos como variedade do catalán, pero defendido por certos sectores políticos e culturais como lingua distinta, con normas diferenciadas.