A Monarquía dos Reis Católicos: Unión Dinástica e Reorganización

Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia

Escrito el en español con un tamaño de 3,58 KB

A Nova Monarquía dos Reis Católicos (Unión Dinástica, Reorganización Político-Administrativa)

A Unión Dinástica

O matrimonio en 1469 de Isabel de Castela e Fernando de Aragón deu orixe a unha nova entidade política: a monarquía hispánica. Esta débese entender como unha unión dinástica de dúas coroas, na que cada reino seguiu a rexerse polas súas leis e institucións, polo que se conformou un Estado plural e non unitario, integrado por uns territorios que só tiñan en común unha mesma monarquía, pero no que as leis, a moeda, as institucións, así como as Cortes, permaneceron diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as aduanas entre elas.

Os Reis Católicos completaron a unificación territorial dos reinos hispánicos: Castela, coa axuda aragonesa, anexionou o último reduto musulmán, o Reino de Granada, en 1492. Fernando o Católico incorporou Navarra a Castela en 1515. Formalizaron alianzas matrimoniais con diversos reinos europeos que estarán na orixe do Imperio europeo de Carlos I e Filipe II. Recuperaron territorios no Mediterráneo para Aragón, e iniciaron o dominio do norte de África e das illas Canarias. Durante o seu reinado tamén se produciu o descubrimento de América e o inicio da súa colonización.

Reorganización Político-Administrativa

Os monarcas impuxeron a súa autoridade á nobreza e a parte do clero, que durante a Baixa Idade Media se levantaran contra o poder real. Para afirmar a súa autoridade, organizaron unha serie de institucións eficaces. Crearon un exército permanente, baseado nos terzos, e incrementaron a burocracia. Para reforzar a súa política exterior, crearon un corpo diplomático. Outra figura importante do poder real en Castela foi a dos corrixidores, delegados do poder real en vilas e cidades. Presidían os concellos e tiñan funcións xudiciais e de orde pública.

Reorganizaron o Consello Real, organizado en comités específicos (facenda, xustiza...), converteuse no principal órgano asesor e de goberno dos reis. As Cortes (diferenciadas para Castela, Aragón, Cataluña, Valencia e Navarra) perderon protagonismo en Castela e case unicamente se reunían cando os monarcas necesitaban recursos financeiros. Na Coroa de Aragón conservaron, sen embargo, un maior peso político. Nos reinos con organismos e leis específicas como Aragón e Navarra, introduciuse a figura dos vicerreis. Para Galicia crearon o cargo de Gobernador con poderes similares. Reformaron a xustiza creando novas Chancelerías (Valladolid e Granada) e Audiencias (Galicia e Sevilla), tribunais permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio determinado. En Cataluña e Valencia seguiron a funcionar as súas propias institucións xudiciais.

Impuxeron a uniformidade relixiosa a musulmáns e xudeus. O instrumento principal foi a creación do Consello da Inquisición, tribunal independente de xurisdición ordinaria e o único que tiña poder en ambas coroas, que perseguía aos sospeitosos de herexía e moi especialmente aos conversos musulmáns e xudeus. Outra das decisións reais en defensa da unidade relixiosa foi a expulsión dos xudeus (1492) e os bautismos obrigatorios de mudéxares tras a conquista de Granada.

Entradas relacionadas: