A Modernización da Prosa Galega (S. XX): O Legado das Irmandades da Fala e o Grupo Nós
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,71 KB
A Prosa do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades da Fala e Grupo Nós
Os escritores desta etapa (1º terzo do S. XX) son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego. Durante o primeiro terzo do S. XX prodúcese un intento importante de consolidación da prosa galega para acadar uns niveis de normalización semellantes aos da poesía no século anterior. Neste proceso de modernización e normalización van intervir as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Grupo Nós.
As Irmandades da Fala e a Base Editorial
As Irmandades da Fala crearon editoriais (Céltiga, Lar, Nós...), conformaron unha masa lectora cada vez máis ampla e fomentaron o cultivo dos xéneros menos desenvolvidos ata entón (teatro, narrativa), abríndoos ás tendencias estéticas anovadoras.
Coleccións Literarias e Modernización Narrativa
Nacen así unha serie de coleccións literarias que acolleron preferentemente novela curta en galego, aínda que tamén publicaron poesía, teatro e mesmo ensaio. Todas ofreceron volumes de pequeno formato, saída periódica e custe económico accesible ao grande público. As máis destacadas destas coleccións foron Céltiga e Lar. Todas estas coleccións contribuíron ao asentamento e modernización da narrativa galega. Crearon unha base editorial e un público lector que non existían con anterioridade. O seu obxectivo era conformar un novo modelo de narrativa galega moderna de ambiente urbano. Nestas coleccións, ademais, déronse a coñecer novos autores e iniciaron a súa carreira como narradores as principais figuras do Grupo Nós.
As principais liñas temáticas presentes nas coleccións de novela curta citadas foron:
- O humor e o macabrismo.
- O neoceltismo.
- A narrativa etnográfica.
- A narrativa naturalista.
- A narrativa de transfondo político.
- A narrativa sentimentalista.
Nestes volumes escribiron autores como Xosé Lesta Meis, Gonzalo López Abente, Francisca Herrero Garrido ou Xaime Quintanilla.
O Grupo Nós: Ideoloxía e Traxectoria
O Grupo Nós é a denominación que se lle dá ao conxunto de escritores que inician a súa actividade nas primeiras décadas do S. XX e tiveron como órgano de expresión a revista Nós, fundada en 1920.
Evolución Ideolóxica do Núcleo Ourensán
O núcleo fundamental de Nós (o núcleo de Ourense: Otero Pedrayo, Cuevillas e Vicente Risco) inicialmente viviu de costas á cultura galega. Eran individualistas e rebeldes, mostraban desprezo pola cultura e a sociedade galegas, sentían interese pola literatura europea e polos mundos afastados e exóticos, e fascinación polos temas esotéricos. No entanto, ao ingresaren en 1918 nas Irmandades da Fala, deron un cambio total: trocaron a fascinación esotérica polo galeguismo, os mundos afastados por Galicia e o individualismo radical polo traballo en común en favor da cultura galega.
Cunha sólida formación cultural e unha excelente preparación académica, cultivaron con éxito a actividade literaria pero tamén a prosa científica no ámbito das ciencias sociais. Participaron tamén no ámbito da política, primeiramente no seo das Irmandades da Fala, e posteriormente no Partido Galeguista.
A Figura de Castelao no Contexto de Nós
Moitos serán os colaboradores da revista Nós, pero entre os máis destacados cabe sinalar a Castelao, que chegou a converterse no director gráfico da mesma. Malia que un número importante das súas actividades estiveron vinculadas ao grupo, cómpre ter en conta que quizais non sexa moi acertado integralo neste grupo, tanto pola súa orixe popular (fronte á procedencia fidalga ou burguesa de Risco, Otero e Cuevillas) como por non protagonizar a evolución ideolóxica pola que pasaron os outros membros do grupo. De todos os xeitos, ao coincidir con eles en ser un dos creadores da moderna prosa galega, no seu polifacetismo e na procura de orixinalidade, decidimos analizar a súa obra neste tema.
Principais Narradores do Grupo Nós
Vicente Risco (1884-1963)
Vicente Risco iniciou a súa produción literaria en 1919 cun relato que ten como escenario o mundo de ultratumba: Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros. O seu gusto pola etnografía popular está presente en dúas obras publicadas en 1925: O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, nos que recrea lendas populares. En 1926 publicou A coutada, obra que ilustra a súa evolución ideolóxica. A súa obra narrativa máis importante é O porco de pé, unha sátira do ascenso da burguesía foránea en Galicia a través da figura de Don Celidonio.
Ramón Otero Pedrayo (1888-1976)
A contribución de Otero Pedrayo foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa galega e xira arredor da Galicia contemporánea. Podemos clasificala en:
- Novelas realistas: Ambientadas na Galicia rural do S. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928).
- Novelas culturalistas: Narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930), cuxa protagonista, Adrián Solovio, é un trasunto do propio Otero e a súa incorporación ao galeguismo.
Hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero: a tradición, a fidalguía e a paisaxe.
Figuras Clave Fóra do Núcleo Ourensán
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950)
Á marxe do grupo ourensán, cómpre destacar dous autores fundamentais deste período: Castelao e Dieste. Castelao foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galicia e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia, mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
A primeira obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922): retrato satírico da sociedade galega da súa época. Cousas é a súa obra máis orixinal. Son un conxunto de 45 relatos curtos (combinan imaxe e texto) nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles. A súa achega á narrativa curta complétana os cinco relatos de Retrincos (1934), nos que evoca vivencias da súa infancia e mocidade. A súa produción complétase coa única novela longa que escribiu, Os dous de sempre, que narra as peripecias vitais e as ambicións de Pedro e Rañolas, contrapostas desde a súa infancia á madurez.
Rafael Dieste (1899-1981)
Cómpre tamén mencionar a achega do tamén rianxeiro Rafael Dieste, pertencente á Xeración do 25. Escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao.
O Impulso do Ensaio e a Investigación en Galego
Todos estes autores (e outros moitos) foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos, grupo nacido na Universidade de Santiago.
- Vicente Risco: Publicou en 1920 Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República.
- Castelao: A súa achega ao xénero ensaístico hai que procurala no seu ensaio político Sempre en Galiza (1944), onde partindo de ideas propias e alleas elabora unha nova teoría do nacionalismo. Ademais do ensaio político, Castelao escribiu tamén multitude de ensaios no terreo artístico.
- Otero Pedrayo: Dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933).
O Xornalismo como Ferramenta de Normalización
Nesta fecunda etapa da nosa cultura, hai que facer mención tamén ao labor desenvolvido no xornalismo, no que todos colaboraron desde A Nosa Terra ata a Revista Nós, pasando por El Pueblo Gallego e outros moitos.