O Mito da Caverna de Platón e a Crítica de Aristóteles á Realidade
Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en
español con un tamaño de 4,29 KB
O Mito da Caverna de Platón e a Teoría das Ideas
O mito da caverna de Platón serve para explicar que o mundo que percibimos cos sentidos, chamado mundo sensible, non é a verdadeira realidade, senón só unha copia imperfecta do auténtico mundo, que é o das Ideas. Neste mundo das ideas están as formas perfectas de todas as cousas, como a beleza, a xustiza ou o ben.
No mito, aparecen uns prisioneiros encadeados dentro dunha caverna que só poden ver as sombras que se proxectan na parede. Para eles, esas sombras son a única realidade. Un día, un dos prisioneiros consegue liberarse e saír ao exterior. Ao principio, a luz do sol faille dano aos ollos, pero pouco a pouco vai acostumándose e descobre o mundo real. O sol simboliza a idea do ben, que é a fonte de verdade e do coñecemento. Cando o prisioneiro regresa á caverna para contar o que viu, os demais non lle cren e acaban por matalo.
A Educación e o Camiño cara ao Saber
A través deste mito, Platón quere mostrar que as persoas vivimos normalmente na ignorancia, aceptando como verdade só o que vemos cos sentidos, e que chegar á verdadeira verdade sería difícil. Só quen busca o coñecemento a través da razón e da educación pode pasar da ignorancia ao verdadeiro saber.
Estrutura do Mito en Tres Partes
O texto tamén explica a estrutura do mito en tres partes:
- 1ª parte: É a situación dos prisioneiros na caverna, que representa o mundo sensible, feito de aparencias e enganos.
- 2ª parte: O proceso de saída da caverna, que simboliza a educación da alma e o paso cara ao mundo intelixible.
- 3ª parte: É a visión do sol, que representa a idea do ben, o nivel máis alto do coñecemento.
A Dualidade da Realidade Platónica
Por último, Platón distingue claramente dous mundos:
- O mundo sensible: É cambiante, imperfecto e coñécese cos sentidos.
- O mundo das ideas: É eterno, perfecto e coñécese coa razón.
A idea do ben é a máis importante, porque permite coñecer a verdade e actuar con xustiza.
Reflexión Contemporánea: As Cavernas Modernas
Baixo o meu punto de vista, este fragmento de Platón fala sobre a busca do verdadeiro coñecemento. Na actualidade, isto pódese relacionar con que moitas persoas seguen vivindo enganadas polas aparencias e só coñecen unha parte ou versión da realidade.
Isto vese claramente nas redes sociais e medios de comunicación, xa que moitas amosan unha imaxe distorsionada do mundo. Para non caer nestes enganos, é moi importante aprender a pensar por nós mesmos, desenvolver o pensamento crítico e comprobar a información que recibimos.
A Crítica de Aristóteles ao Dualismo Platónico
Desde o punto de vista de Aristóteles, este texto sería criticado polo dualismo que establece entre o mundo sensible e o intelixible. Para el, o coñecemento ten o seu inicio nos sentidos e na experiencia do mundo real, non nun mundo separado só accesible coa razón.
Aristóteles defendía que a materia e a forma están unidas en todos os seres, e que o ben non existe como algo independente, senón que se manifesta nas accións das persoas, especialmente na busca da felicidade, chamada eudaimonía.
En definitiva, para Aristóteles, o verdadeiro coñecemento consiste en unir a razón coa experiencia diaria, rexeitando así a teoría das ideas de Platón.